Temas: FRASEOLOXíA

“Un día non son días” ou “unha vez non son veces”, equivalentes a “un día é un día”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 05/04/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para nos escusarmos ou nos xustificarmos por realizar unha acción que sae fóra do normal (ou, naqueles casos en que a acción a realiza ou a vai realizar unha terceira persoa, para escusarmos ou xustificarmos a esta, ó mesmo tempo que nos solidarizamos con ela), e nomeadamente cando se considera que esa acción non se pode ou non se debe facer adoito, é moi habitual escoitar a paremia un día é un día.

Solpor ámbar en Cape Flattery
Solpor ámbar en Cape Flattery

Mais en galego dispomos tamén doutras paremias que cada vez se senten menos e que pouco a pouco se están a perder, polo que, cando menos para aqueles que seguimos a ter en estima a nosa lingua e un xeito enxebre ou xenuíno de falala (o cal, por suposto, nin vai en detrimento nin supón o máis mínimo prexuízo para o coñecemento doutros idiomas –de feito, cantos máis, mellor, partindo de que o saber, amais de non ocupar lugar, nos engrandece a todos como seres humanos–), supoñen un belo agasallo para os oídos. Vexamos algunha delas:

Un día es un día

{= Expresión con que se indica que non pasa nada polo feito de que, como excepción, unha persoa faga algo que para ela sae fóra do normal, nomeadamente cando se considera que ese algo non se pode ou non se debe facer adoito.}

Un día é un día

Un día non son días

Unha vez non son veces

Ex.: —¡Que no, que no! ¡Que la médica le ha prohibido beber alcohol! —¡Vamos, mujer, un día es un día, que no siempre se os casa un hijo!

—¡Que non, que non! ¡Que a médica lle prohibiu beber! —¡Vamos, muller, un día non son días unha vez non son veces, que non sempre vos casa un fillo!

Ex.: —Esa falda me encanta, pero me parece muy cara. —Pues si te gusta, adelante, que un día es un día.

—Esa saia laiquéacheme ben, pero paréceme moi cara. —¡Pois se che chista, avante, que un día non son días que unha vez non son veces.

● Tamén, se cadra asociadas máis ben a contextos de uso familiares e coloquiais:

Un día é un día e un peso gastouse && Un día matas o porco e non chía

Ex.: —¡Que non, que non! ¡Que a médica lle prohibiu beber! —¡Vamos, muller, un día é un día e un peso gastouse un día matas o porco e non chía, que non sempre se vos casa un fillo!

Ex.: —Esa saia laiquéacheme ben, pero paréceme moi cara. —Pois se che chista, avante, que un día e un peso gastouse que un día matas o porco e non chía.

● Tamén, en contextos, habitualmente intentando imprimir certo toque de brincadeira e normalmente limitada esta expresión a aqueles casos en que o enunciado remata nela:

Un día é un día, e seis, media ducia

● Tamén, basicamente restrinxida a contextos en que a persoa de referencia é de sexo masculino e se incita ou anima a si mesma, ou a incitan ou animan outros, a facer algo:

Un día é un día e un home é un home, non é unha ovella

Ex.: —No insistáis más, porfa, que yo sé que no debería hacer pellas. —¡Anda ya, hombre, que un día es un día!

—Non porfiedes máis, porfa, que eu ben sei que non debería facer a gata. —¡Vai de aí, meu, que un día é un día e un home é un home, non é unha ovella!

● Tamén, na mesma liña do “significado” xeral de un día non son días:

Una vez al año no hace daño

Unha vez ó ano calquera é tolo && Unha vez no ano calquera é tolo && Unha vez na vida calquera é tolo && Unha no ano no ten dano && Unha no ano, esa non ten dano && Unha vez ó ano non fai dano

Ex.: —¡Que non, que non! ¡Que a médica lle prohibiu beber! —¡Vamos, muller, unha vez ó ano calquera é tolo unha vez na vida calquera é tolo unha no ano non ten dano, que non sempre se vos casa un fillo!

Ex.: —Esa saia laiquéacheme ben, pero paréceme moi cara. —Pois se che chista, avante, que unha vez no ano calquera é tolo que unha vez na vida calquera é tolo que unha no ano, esa non ten dano.

NOTAS:

1. Nalgún ca noutro contexto tamén poderían acaer as expresións que veremos na próxima entrega, e que se veñen a corresponder coa castelá una golondrina no hace verano.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta