Temas: FRASEOLOXíA

“De cacho para cribo” ou “de cacho para cabazo”, equivalentes, entre outras, ó castelán “de la ceca a la meca”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 19/04/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Aqueles días, ou naquelas situacións, en que andamos percorrendo diversos sitios case sen parar e sen poder alentar, resulta moi habitual que en castelán escoitemos a locución andar de la ceca a la meca.

Hórreo e palloza no Piornedo, nos Ancares
Hórreo e palloza no Piornedo, nos Ancares | Fonte: Miguel Núñez.

Na nosa lingua, ademais da locución que suporía a súa correspondencia exacta, recolleita no DRAG, dispomos doutras moitas que achegan ese mesmo significado. Vexamos algunhas:

Andar de la ceca a la meca # de ceca en meca

{= Percorrer alguén diversos sitios ou andar dun sitio para outro, nomeadamente cando o fai sen practicamente parar nin case descanso, na procura de algo ou para conseguir facer algo.}

Andar # Estar # Ir # Correr de cacho para cribo

Andar # Estar # Ir # Correr de cacho para cabazo

Andar # Estar # Ir # Correr de cacho para testo

[E MAIS]:

Andar # Estar # Ir # Correr de cacho para canizo

Andar # Estar # Ir # Correr de cacho para cesto

Andar # Estar # Ir # Correr do cacho para a cazoleta

Andar # Estar # Ir # Correr de zoco para cabazo

Andar # Estar # Ir # Correr de Herodes para Pilatos

Ex.: Anduve de ceca en meca toda la mañana y al final no conseguí arreglar todo el papeleo.

Andei de cacho para cribo Estiven de cacho para cabazo Fun de cacho para testo Corrín de Herodes para Pilatos durante toda a mañá e ó cabo non dei amañado todo o papelorio.

● Tamén:

Andar # Estar de rota batida && Andar # Estar nunha roda viva

Ex.: Andei de rota batida Estiven nunha roda viva durante toda a mañá e ó cabo non deu amañado todo o papelorio.

● Tamén:

Andar # Estar # Ir # Correr de Ceca en Meca && Andar # Estar #Ir # Correr da Ceca para a Meca && Andar # Estar #Ir # Correr da Ceca á Meca && Correr Ceca e Meca

● Tamén:

Andar # Estar # Ir # Correr de aquí para allá && Andar # Estar # Ir # Correr de acá para allá && [E MAIS]: Andar # Estar # Ir # Correr de un lado para otro && Andar # Estar # Ir # Correr de un sitio para otro

Andar # Estar # Ir # Correr de aquí para alá && Andar # Estar # Ir # Correr de acá para alá && Andar # Estar # Ir # Correr de acá para acolá && [E MAIS]: Andar # Estar # Ir # Correr dun lado para outro && Andar # Estar # Ir # Correr dun sitio para outro

● Tamén, en contextos:

Andar # Correr # Percorrer as sete parroquias && Tocar as chancas && Darlle ó zoco && [E INDA INCLUSO, SÓ PARA AQUELES CASOS EN QUE ALGUÉN ANDA MOI APURADO DUN LADO PARA OUTRO]: Andar apurado coma un gato con sete liviáns

Ex.: Percorrín as setes parroquias Estiven a tocar as chancas Andei a darlle ó zoco Andei apurado coma un gato con sete liviáns toda a mañá e ó cabo non dei amañado todo o papelorio.

NOTAS:

1. As voces ceca e meca poden grafarse tanto en minúscula coma en maiúscula.

No presente artigo reflectímolas en maiúscula seguindo o criterio do DRAG, no cal se transcriben deste xeito e, a maiores, se fai a observación de que nas locucións da Ceca para a Meca e de Ceca en Meca adoitan ir con maiúscula.

Non obstante, se vemos o DRAE ou algún ca outro dicionario de portugués, observaremos que a grafía de ambas as dúas se realiza en minúscula.

2. Supomos que a voz cacho que aparece en varias destas expresións fai referencia ó “recipiente redondo, baixo e de boca ancha” (acepción 1 do DRAG), na medida en que nas ditas expresións o segundo termo da dualidade designa obxectos ou realidades propios do día a día do noso mundo tradicional (cribo, cabazo, testo, canizo, cesto, cazoleta), coma tirando a dicir que non se dá parado por ter que andar dun lado para outro sen descanso facendo labores relacionados con ese mundo.

3. A expresión ir de Herodes para Pilatos (que nalgunha das fontes consultadas se rexistra baixo a forma, entendemos que derivada ou deturpada, de ir de rodas para Pilatos) tamén pode achegar, como habemos ver cando abordemos o correspondente artigo, o significado de “ir de mal para peor”.

4. A expresión andar/estar nunha roda viva ten un ámbito de uso máis extenso cás outras, xa que se emprega naqueles casos en que alguén anda moi apurado ou abafado por ter moito labor que facer.

5. En relación co exemplo que puxemos, nótese, por certo, o feito de que o verbo andar presenta, normativamente, conxugación regular en galego. Xa que logo, a súa conxugación nos tempos de pasado non se realiza co radical *andiv- nin *anduv-, senón con and-:

   
 

Pretérito perfecto

• Eu andei [non *andiven nin *anduven]

• Ti andaches [non *andiveches nin *anduveches]

• El # Ela andou [non *andivo nin *anduvo]

• Nós # Nosoutros/as andamos [non *andivemos nin *anduvemos]

• Vós # Vosoutros/as andastes [non *andivestes nin *anduvestes]

• Eles # Elas andaron [non *andiveron nin *anduveron]

 
 

Pretérito pluscuamperfecto (ou antepretérito)

• Eu andara [non *andivera nin *anduvera]

• Ti andaras [non *andiveras nin *anduveras]

• El # Ela andara [non *andivera nin *anduvera]

• Nós # Nosoutros/as andaramos [non *andiveramos nin *anduveramos]

• Vós # Vosoutros/as andarades [non *andiverades nin *anduverades]

• Eles # Elas andaran [non *andiveran nin *anduveran]

 
 

Pretérito imperfecto de subxuntivo

• Eu andase [non *andivese nin *anduvese]; ou

Eu andara [non *andivera nin *anduvera]

• Ti andases [non *andiveses nin *anduveses]; ou

Ti andaras [non *andiveras nin *anduveras]

• El # Ela andase [non *andivese nin *anduvese]; ou

El # Ela andara [non *andivera nin *anduvera]

• Nós # Nosoutros/as andásemos [non *andivésemos nin *anduvésemos]; ou

Nós # Nosoutros/as andaramos [non *andiveramos nin *anduveramos]

• Vós # Vosoutros/as andásedes [non *andivésedes nin *anduvésedes]; ou

Vós # Vosoutros/as andarades [non *andiverades nin *anduverades]; ou

• Eles # Elas andasen [non *andivesen nin *anduvesen]; ou

Eles # Elas andaran [non *andiveran nin *anduveran]

Futuro de subxuntivo

• Eu andar [non *andiver nin *anduver]

• Ti andares [non *andiveres nin *anduveres]

• El # Ela andar [non *andiver nin *anduver]

• Nós # Nosoutros/as andarmos [non *andivermos nin *anduvermos]

• Vós # Vosoutros/as andardes [non *andiverdes nin *anduverdes]

• Eles # Elas andaren [non *andiveren nin *anduveren]

6. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta