GC Aberto

Coronavirus: a porta pechada

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020

Comparte esta noticia

Fomos conducidos a un cuarto por un mordomo que nos deixou alí pechados baixo chave. Un cuarto dun enorme hotel no inferno. Un cuarto sen espello nin fiestras cunha única porta e con a penas tres sillóns, unha estatua de bronce e un abrecartas. O mordomo marchou e aquí ficamos nós, a porta pechada. Esperando. Esperando ser torturados, mais non aparece ningún torturador xa que os torturadores somos nós. Todo o que hai na habitación é inútil. Fai parte dun absurdo. Nin a estatua de bronce da lámpada permite apagar a luz nin o abrecartas ten utilidade sen papel. Estamos así obrigados a mirar e ser mirados nun nudismo forzado.

Xanela no teito dunha habitación
Xanela no teito dunha habitación | Fonte: GC

Ao nos confinar, o mordomo converteunos nos nosos proprios verdugos. Nunha dependencia demoníaca. So no ínfimo intre do palpabrexo é que nos podemos sustraer á ollada allea. E aínda entón están os xeolocalizadores para nos axexar. Un home e dúas mulleres, Garcin, Inés e Estelle obrigados a convivir. Sumetidos á ollada da Gorgona que petrifica.

Este é o argumento da obra de teatro do existencialista Sartre, escrita e estreada antes do

remate da Segunda Guerra Mundial.

A primeira vez que eu lin a rotunda frase do protagonista, Garcin, alter ego de Sartre: O inferno son os Outros, aqueloutroume. Principalmente porque vin por vez primeira enunciada a miña propria experiencia ou intuición. De nena eu coidava que o mundo era un lugar perigoso, que se podía vivir só dentro dunha limia que non ía moito máis aló da rúa do Hospital onde vivían meus avós maternos e Pazos onde ficava a familia paterna. Os nenos teñen un pensamento mítico. A realidade divídese en dúas, unha coñecida, segura e outra selvaxe, misteriosa e arriscada onde tes que estar sempre en estado de alerta. A dicotomía civilizado-selvaxe coa que tamén xoga a literatura.

O mundo globalizado e a interrede crebaron esas limias e hoxe o estado de alerta é permanente. Os nenos teñen máis pesadelos ca nunca e os adultos sofremos de insomnio ou sopor. Esborrelan as contornas e custa barro e fariña disterar se é que estamos dentro ou fóra e de que. Máis isolados ca nunca, latexando entre a continxencia e a necesidade, entre o real e o dixital, o sono e a vixilia, o inferno habítanos. Levamos o demo da alteridade interiorizado, sobrexpostos á ollada obrigada nas redes sociais sen as que o isolamento sería aínda máis terrorífico.

Máis dun mes confinados, acuartelados. Imaxinando só o que pasa fóra. Moitos temos fiestras, non todos, desde as que mirar por vez primeira a ese outro que se mira nas luces nouturnas das pantallas o mesmo ca nós. Un outro ao que non nos podemos achegar, nin ollar de fite, co que non podemos falar se non é na distancia das redes onde voluntariamente nos sometemos a ser xulgados, a procurar o veredicto que nos salve ou nos destrúa. Prefiririamos estar nesa habitación sartriana, con conflictos cara a cara? Cantas familias, compañeiros forzosos ou non de vivenda estarán nese cuarto a porta pechada? Con habitacións sen xanelas co mesmo abrecartas absurdo sen papel na vida? Cun abrecartas inútil no tempo dos emailes. Cantas velliñas temerán sair á horta após a apocalipse do noticieiro a buscar os repolos?

Agora temos todo o tempo do mundo, os confinados, a desvelar a identidade dese mordomo que nos pechou coa chave da covid 19. Son os mordomos do universo todo. Senhores à força, mandandores sem lei. Enchem as tulhas, bebem vinho novo. Dançam a dança no pinhal do Rei. Os mordomos-vampiros do Zeca que xa están acó, que nunca tiveron marchado.

Sartre dinos en A porta pechada que non é posibel o illamento. Que ninguén pode salvarse só. Que gañamos ou perdemos todos. Transitar da cortesía ao silenzo, do silenzo a axuda e da axuda mutua ao vincallo. Non temos outra que defrontarmonos no Outro, sempre no cerne do conflicto. Abocados á nos construir na Alteridade. A impotencia do individuo pode levar do individualismo mercantil a unha procura colectiva, un volver sobre nós como colectividade. Confrontar o meu sen medo ao teu. Todos deveriamos agardar que se espere algo de nós. O outro como espello onde nos mirar. Non deveriamos ter espellos na casa.

A porta pechada, neste eterno presente sartriano, non todo está previsto. Desbotemos a ollada que nos xulga. Apontemos a ollada no verdadeiro conflicto. A situación alarmante non é consecuencia da chave ou virus. Non é a chave quen nos mantén pechados senón o mordomo que marchou e ao que esquecimos mentres nos pelexamos ollando a pechadura. Procuremos o discernimento. Pescudemos no acontecemento que nos limita. Rachemos coas aparencias do mundo, cos xuízo externos, cos roles sociais que nos vazían da nosa potencialidade ao servizo do común. É tempo de parar e rachar co inferno das aparencias, coas máscaras impostas. Estamos núos até os ósos. A Ocasión a pintan calva porque non poderemos xa asir a esa fugaz deusa romana cando pasar. Batamos coa porta e saiamos a un mundo distinto, máis noso. Localizado. Deixemos de fuxir.

Pois ben, continuemos.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta