Bugallo cre que o Goberno central debería asumir a parte da EDAR pendente dos fondos europeos

Ve inaceptable a proposta de Acuaes, que implicaría repercutir na tarifa a parte que se perda deste financiamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2020 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

"Inaceptable". Esta é a posición do rexedor municipal, Xosé Sánchez Bugallo, sobre a proposta de Acuaes para o financiamento da estación depuradora da Silvouta e ante a posibilidade de que se perdan os fondos europeos pendentes para esta infraestrutura.

O Goberno local recibiu a proposta de convenio por parte do citado organismo. Segundo explicou Bugallo en rolda de prensa, Acuaes asumiría o 50 por cento do custo, mentres que a porcentaxe restante estaría en mans do Concello, da Xunta e a parte correspondente aos fondos europeos que se perdan repercutiríase na tarifa.

Este mesmo luns, o Goberno local reunirase cos portavoces municipais na xunta de portavoces. O Concello non fixará unha decisión ou posición unilateral sen falalo previamente cos grupos, aínda que Bugallo xa avanzou o seu rotundo rexeitamento a esta proposta.

O rexedor instou a que cada parte asuma a súa parte de "responsabilidade" nun problema que vén "de vello", aínda que lamentou que o Concello está "a cultivar todo o sementado estes anos".

O proxecto e o proceso estaba "perfectamente planificado e conducido hai 9 anos" e quedou truncado "por razóns políticas" para cambiar a localización da depuradora, engadiu.

Do mesmo xeito, pediu ao Goberno central que asuma "a súa cota de responsabilidade" polas decisións que se tomaron "no seu momento" ao "facer caso" ao cambio deste proxecto no seu día, e lembrado que el mesmo advertira a posibilidade de perder os fondos europeos e do perigo de estar nesta situación.

Bugallo aínda non dá por perdido este financiamento, e espera que se poida ampliar ata 2025 o prazo de execución dos fondos, pero dependerá "de Europa e da xestión do Goberno central".

É por iso que defendeu que as partidas europeas que se perdan deben ir "con cargo á administración central", pero insistiu en que o proxecto "podería estar a funcionar desde hai cinco anos" se non se paralizase no seu momento.

"E non estariamos a discutir nada disto", censurou. A pesar de todo, insistiu en que o seu obxectivo non é "mirar para atrás", senón "cara a adiante" e lograr unha solución "do modo máis consensuado posible".

Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo
Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta