Temas: FRASEOLOXíA

Voces galegas equivalentes á castelá “cargarse” (2ª parte [=romper, estragar ou botar a perder algo])

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 03/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Seguimos, daquela, a senda principiada na anterior entrega, na que reflectiamos diversas voces e locucións que en galego dan conta do mesmo significado có castelán cargarse, adentrándonos desta feita naqueles casos en que fornece o significado de romper, estragar, deixar en mal estado ou botar a perder algo.

Disparando una escopeta de caza
Disparando una escopeta de caza | Fonte: laverdadnoticias.com

Cargarse algo1

{= Romper, estragar, deixar algo en mal estado ou botar a perder algo.}

Estrangallar algo

Esmendrellar algo

Escangallar algo

Escagallar algo

[TAMÉN, NON NECESARIAMENTE ASOCIADA A REXISTROS FAMILIARES OU POPULARES]:

Desgraciar algo

Desbaratar algo

[E TAMÉN, PROBABLEMENTE ASOCIADA AÍNDA EN MAIOR MEDIDA CÁS PRIMEIRAS A UN ÁMBITO DE USO MÁIS POPULAR E FAMILIAR, OU MESMO VULGAR]:

Escarallar algo

[E INDA TAMÉN, EN BASTANTES CONTEXTOS, NOMEADAMENTE NAQUELES EN QUE SE ROMPE OU SE LLE PRODUCE UN DANO FÍSICO A ALGO]:

Escalazar algo

Esbandallar algo

Moquear algo

Ex.: Tened cuidado con el ordenador, no os lo vayáis a cargar.

Andade con tento co computador, non o vaiades estrangallar esmendrellar escangallar escagallar desgraciar desbaratar # escarallar escalazar esbandallar moquear.

Ex.: Si no te quieres cargar la foto, no te muevas.

Se non queres estrangallar esmendrellar escangallar escagallar desgraciar # desbaratar a foto, non te movas.

● Tamén, non asociadas a rexistros familiares e populares:

Estropear algo && [E MAIS]: Echar a perder algo

Estragar algo && Derramar algo && [E MAIS]: Botar a perder algo && Botar de perda algo

Ex.: Andade con tento co computador, non o vaiades estragar derramar botar a perder botar de perda.

Ex.: Se non queres estragar derramar botar a perder botar de perda a foto, non te movas.

● Tamén, en bastantes contextos, e igualmente non asociadas a rexistros familiares e populares:

Arruinar algo

Arruinar algo

Ex.: Andade con tento co computador, non o vaiades arruinar.

Ex.: Se non queres arruinar a foto, non te movas.

● Tamén, en contextos:

Averiar algo && [E, SE CADRA MÁIS ASOCIADA A ÁMBITOS DE USO POPULARES E FAMILIARES]: Escacharrar algo

Avariar algo && Desgobernar algo && Desarranxar algo && Desamañar algo && [E, SE CADRA MÁIS ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO POPULARES E FAMILIARES]: Escacharrar algo && Escachufar algo

● Tamén, sobre todo en contextos en que se bota a perder ou se deixa en mal estado algunha cousa por mor de facer un uso inadecuado dela:

Apedrar algo

● Tamén, en contextos en que se rompe ou se bota a perder algo por mor dun golpe:

Escontromiñar algo

Ex.: Ten cuidado con el televisor, que como te caiga al suelo te lo cargas.

Ten conta co televisor, que como che caia ó chan estrangállalo esmendréllalo escangállalo escagállalo desgrácialo desbarátalo # escarállalo escalázalo esbandállalo moquéalo ‡ escontromíñalo.

● E inda tamén, moi asociadas a ámbitos de uso familiares e populares, e a niveis de lingua vulgares:

Joder algo

Foder algo && Esconachar algo

Ex.: Andade con tento co computador, non o vaiades foder esconachar.

Ex.: Se non queres foder esconachar a foto, non te movas.

NOTAS:

1. Tal e como sempre advertimos, o que aquí amosamos non supón máis ca un exemplo de casos recolleitos, quer oralmente, quer por escrito, en galego, mais sen que isto implique, como é obvio e case resulta escusado comentar, que con eles se esgoten todas as posibilidades expresivas na nosa lingua.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta