A oposición acusa a Feijóo de "autoritario" por pensar máis máis nas eleccións que na saúde da xente

PSdeG, Galicia en Común e BNG acusan a presidente galego de non cumprir os acordos e lembran que se comprometeu a pactar con eles a cita electoral cando a situación sanitaria o permita.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defende que "o lóxico" é que, unha vez que o permita a situación sanitaria, se restableza " a normalidade democrática" e que se faga "canto antes"; mentres que a oposición mantén o seu rexeitamento a que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, convoque para xullo os comicios inicialmente previstos para o 5 de abril e aprazados polo COVID-19.

Así o plasmaron os dirixentes dos distintos partidos nas roldas de prensa celebradas este luns no Parlamento. Este pronunciamento prodúcese nunha semana crave, xa que o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, citou para o xoves aos partidos para abordar a data electoral --xa avanzou a súa preferencia polo horizonte de xullo, aínda que non concretou o día--.

Na convocatoria do 5 de abril, e do mesmo xeito que sucedeu coas últimas citas electorais autonómicas, Urkullu e Feijóo decidiron que vascos e galegos acudisen ás urnas o mesmo día. Ata hai poucos días, Feijóo aseguraba que os comicios galegos non estaban na súa axenda, pero o xoves pasado admitiu que xa se traballa na procura da quincena "máis segura" desde un punto de vista sanitario e mesmo chegou a dicir que as comunidades precisan de gobernos "fortes" e avalados pola cidadanía para afrontar a crise.

Na mesma liña pronunciouse este luns o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, quen lembrou que a cita electoral suspendeuse "por unha pandemia", antes de engadir que é "importante" restablecer "a normalidade democrática" en Galicia "canto antes".

"CUMPRIR OS ACORDOS"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que "cumpra" co acordo alcanzado polas forzas políticas para suspender as eleccións e que supedita a continuación do proceso a que se levanten tanto o estado de alarma como a declaración de emerxencia sanitaria en Galicia.

"Non hai outro mecanismo de convocatoria máis que cumprir os acordos. E se alguén os quere saltar, terá que explicar ese golpe de man", asegurou Caballero que percibe "tics autoritarios" na forma de actuar de Feijóo que, di, está "nervioso" porque "ten todas as cartas para perder o goberno da Xunta".

Por iso, e tras sinalar que o seu partido e o resto de forzas da oposición non recibiron contactos por parte do Executivo autonómico para explorar a continuación do proceso electoral, Gonzalo Caballero sentenciou que os socialistas se manteñen na postura establecida no acordo "publicado no DOG e asinado por Feijóo": as eleccións están vinculadas a que se levante o estado de alarma e a declaración de emerxencia sanitaria.

"Preocúpannos os 'tics' autoritarios de Feijóo, que non comparece no Parlamento, adopta a axenda do PP na Xunta e esconde o que pasou nos centros de maiores", manifestou.

Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA
Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA | Fonte: Europa Press

"NORMALIZACIÓN TOTAL DA SITUACIÓN SANITARIA"

Tamén expresou o seu rexeitamento á convocatoria de eleccións no mes de xullo o portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, que, nunha rolda de prensa telemática celebrada este luns, pediu que a cita coas urnas se pospoña ata que exista unha "normalización total da situación sanitaria, epidemiolóxica e democrática" en Galicia.

Para o deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia, "falar" de eleccións nestes momentos "é unha irresponsabilidade enorme". "Se se convocan neste contexto estar a pór en risco a saúde de moitas persoas", apostilou Gómez-Reino, que afea a Feijóo que deixase de reunirse cos grupos da oposición

Neste sentido, censurou a "falta de cultura democrática" que, di, teñen Feijóo e o seu executivo, á vez que prometeu que se Galicia en Común asume tarefas de goberno "sempre" respectará "a palabra" de "dialogar coa oposición".

"TEMERIDADE"

Pola súa banda, na rolda de prensa posterior á reunión da súa executiva, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou que Feijóo se comprometeu "a "convocar" a todas as forzas políticas de forma semana. "Unilateralmente desconvocou os encontros", reprochou a dirixente nacionalista, quen considerou "ilóxico deixar de facelo" en plena "desescalada".

De feito, lamentou que neste momento, precisamente, "non practique o diálogo nin a cooperación" que el mesmo, engadiu, pide. "Nin co tema das eleccións, nin con ningún outro, que é o que máis lle preocupa á xente (a situación sanitaria)", engadiu a portavoz nacional do BNG. Pontón puxo o acento en que a xente "está a pensar en se vai ter emprego, como vai pagar as facturas e como vai facer para conciliar", e "non" nas eleccións. "O primeiro é a saúde", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta