Temas: FRASEOLOXíA

Xeitos de dicir galegos equivalentes ó castelán “llover a cántaros” (2ª –e derradeira– parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Rematamos desta volta coas expresións que temos apuntadas en galego para indicar que chove moito e forte (o cal, é visto, non quere dicir que non haxa máis, que de seguro que as hai, pois nesta sección –volvémolo repetir– o único que facemos é reflectir as que nós, dun ou doutro xeito, temos recolleitas):

Unha muller cun paraugas
Unha muller cun paraugas | Fonte: EP

Llover a cántaros

{= Chover moito e con forza.}

Chover a Deus dar

Chover a Deus dar auga

Chover a Deus dala

Chover a Cristo dar

Chover que Deus a botar

Chover que Deus a dar

Chover a arroiar

Chover a ballón # de ballón

Chover a cachón

Chover a callón

Chover a boullón

Chover a mares

Chover a ceo aberto

Chover a retortoiro

● E mais tamén:

(Chover que) Mallar as augas && (Chover que) Mallar a auga && Chover a cimbraceos && Chover a lances de auga && Chover a tropel && Chover a esmadrazar && Chover recio && Chover a pingadas && Chover a montóns && Chover # Caer auga espesa && [E MESMO]: Chover a barullo && Chover a potes && Chover a regos && Chover a chapuzos && Chover a cichón && Chover a choupón && Chover a/á manta

Ex.: No se te ocurra salir así de casa, que está lloviendo a cántaros.

Non se che ocorra saír así da casa, que mallan as augas que está a chover a cimbraceos que está a chover a lances de auga que está a chover a tropel que está a chover a esmadrazar que está a chover recio que está a chover a pingadas que está a chover auga espesa que está a chover a potes que está a chover a cichón.

● E tamén:

Chover a envorcar && Chover a varrer && Chover a chover && Chover que ser moito chover && Chover o mar chovido && Chover o chovido e o por chover

● E inda tamén:

Llover como cuando enterraron a Zafra # más que cuando enterraron a Zafra

Chover coma quen tira auga cun caldeiro && Chover coma quen a tira cun caldeiro && Chover coma quen a tira cun balde && Chover coma quen a tira a caldeiros && Chover coma se a botasen a caldeiros && Chover coma quen a envorca && Chover coma se a envorcaran (cun xerro/xarro) && Chover coma se Deus a dera && Chover coma se romperan as nubes && Chover como Deus a botar

● Nunha liña semellante, e gardando relación na medida en que, dun xeito xocoso e festivo, se dá a entender que chove ou choveu moito, existe tamén a seguinte expresión:

Parece que casou o demo unha filla e lle deu o voto con auga

● E tamén gardando certa relación, mais sen implicar que chova forte, senón que o que se transmite é que non dá parado de chover:

Estar # Quedar (o tempo) nun petapeta

NOTAS:

1. Se cadra non está de máis realizar algún comentario en relación con varias destas expresións:

Chover a cimbraceos (rexistrada, en concreto como chover a cimbraceus, polo profesor Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe): o substantivo que forma parte dela está formado por composición entre o verbo cimbrar e o substantivo, en xénero plural, ceo, como dando a entender que chove tanto que mesmo o ceo vibra ou guinda con forza a auga.

Gardando estreitísima relación con esta expresión, o lexicógrafo Aníbal Otero recolle tamén a locución verbal cimbrar auga, neste mesmo sentido de que cae unha gran cantidade de auga.

Chover a cichón: parece transparente o seu significado, dando a entender que chove con moita forza, como se fora auga que cae fose cichada, isto é, lanzada a chorro ou a presión.

Chover a chapuzos & Chover a choupón: entendemos que o que se transmite é que a auga cae con tanta forza que chapuza ou choupa.

Estar # Quedar o tempo nun petapeta: resulta evidente a imaxe de repetición e reiteración que transmite o substantivo petapeta, formado con carácter deverbal a partir de petar.

Chover a esmadrazar: locución tirada da sección Fraseoloxía Carcamana, dentro do blog Historia e historias da Arousa, onde se rexistra, en coherencia coas características lingüísticas da zona, con seseo (esmadrasar).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Fraseoloxía Carcamana . Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denís, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta