Feijóo, que pide protocolos para todo, non anunciará aínda o dos campamentos de verán tras aprobarse o concurso

O proceso pechouse hai 12 días pero non se lle esixiu ningún protocolo específico ás empresas. O presidente da Xunta di que “o fará público” cando se activen as actividades.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social adxudicou o 1 de xuño varios paquetes para celebrar os campamentos para menores da campaña de verán 2020, nos que non tivo en conta as actuais medidas de protección aprobadas polo Goberno central, e pola propia Xunta, para facer fronte ao COVID-19. Unhas medidas que inclúen o distanciamento social, o uso de máscaras cando non se pode garantir esa distancia social, así como o emprego de xeles hidroalcohólicos para a desinfección.

En ningunha parte dos pregos deste concurso, aos que tivo acceso Galicia Confidencial, se recolle que a Xunta pedira ás empresas responsables medida de seguridade adicional relacionada coa pandemia do coronavirus, máis alá das estipuladas formalmente en concursos deste tipo nos que se esixen plans tipo de seguridade e seguros de responsabilidade civil e de accidente. Con todo, eses pregos son de decembro de 2019, antes da pandemia, pero non se actualizaron nin se incluiron protocolos específicos para a COVID-19 cando se reactivou o concurso o pasado mes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita un campamento de verán en Portomarín (Lugo).. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita un campamento de verán en Portomarín (Lugo).. XUNTA DE GALICIA

O presidente galego, que pide protocolos ao goberno central para case todo, admitiu que a Xunta xa ten ese argumentario e que será presentado cando se activen e se anuncien esas campañas. “Xa temos un protocolo para limitar aforo máximo, uso de máscara ou distancia social”, dixo, pero aclarou que “o fará público cando se activen eses centros”.  Tamén suliñou que ese protocolo “está visado” polas autoridades sanitarias galegas.

Fontes de Política Social tamén informaron a GC que ese protocolo xa existe e xa está sendo comunicado ás sete empresas que gañaron os distintos lotes e aclararon que, en todo momento, se tivo en conta a crise da COVID-19 para a realización deses campamentos. Sobre por que non se fai público, estas fontes suliñaron que o fará a conselleira nos vindeiros días.

Este concurso, valorado en máis de 1,2 millóns de euros, vai destinado a menores de entre 9 e 17 anos e conta con centos de prazas para realizar actividades na montaña, no mar, xogos tradicionais, naútica e medio ambiente mariño, multiaventura no Camiño, teatro e aventura, aventura e conservación do medio ou ciencia e aventura. Trátase, polo tanto, de actividades nas que será difícil gardar as distancias de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta