Feijóo insiste en mobilidade só entre territorios en igual situación, tamén entre outros países e España

O presidente pregúntase que pasará con zonas de España en fases máis atrasadas cando se levante o estado de alarma e reitera: "Hai que adecuar a lexislación sanitaria".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que, baixo o seu punto de vista, só debe haber mobilidade entre territorios en igual situación epidemiolóxica, á vez que se preguntou que ocorrerá con aquelas zonas do país, como Madrid e Barcelona, que están aínda máis afectadas pola pandemia e en fases máis atrasadas da desescalada unha vez que se levante a alarma, que restrinxe os movementos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Nesta conxuntura, mostrouse partidario de apostar pola cautela e insistiu en que, na videoconferencia de presidentes do domingo, pedirá que a mobilidade dentro do territorio estatal se contemple unha vez que todas as comunidades estean na mesma situación epidemiolóxica.

"Eu quero que a xente veña a Galicia e dar a benvida a quen veña. Que se entenda ben, pero levantar o estado de alarma non significa que poidan vir persoas que non están no seu territorio na mesma situación epidemiolóxica. Isto é perfectamente entendible e compatible coa hospitalidade que quere ofrecer Galicia", esgrimiu, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Feijóo engadiu que tamén cando se abran os aeroportos en España, a partir do 1 de xullo, pedirá que se aplique o mesmo criterio e poidan vir visitantes de países "en igual situación epidemiolóxica que España", non en peores condicións. Pola contra, advertiu que se podería caer outra vez "nun grave problema sanitario".

O presidente galego, quen "comprendeu perfectamente" a decisión de Asturias, foi preguntado acerca de se falou co de Castela e León para ver se podería haber mobilidade, unha vez que esta comunidade pasou a fase 3, ao que respondeu que, de acordo coas "instrucións verbais" que o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, deu o pasado domingo non se darían as condicións.

"Díxonos que aquelas comunidades en fase 3, sempre se se levantaba o estado de alarma, podían ter comunicación entre si, se se solicitaba ao Goberno de España", explicou, antes de engadir que Castela e León tería que activar o levantamento do estado de alarma para que se puidese reactivar o fluxo entre ambas as comunidades.

ADECUAR A LEXISLACIÓN SANITARIA

Unha vez que Galicia entrará xa o luns na nova normalidade, preguntado acerca de se o tería competencias para pechar determinadas zonas ou concellos se fose posible, esgrimiu que o real decreto estatal que regula a nova normalidade non o concreta.

Pero esgrimiu que el si ten competencias para "pechar establecementos de calquera natureza" e insistirá na videoconferencia de presidentes do domingo en que é preciso clarificar que criterios se van usar se no futuro é preciso pechar municipios, provincias ou mesmo comunidades.

"Seguro que coincidiremos en que é necesario adecuar a lexislación sanitaria para que se poida reducir a lexislación sanitaria en caso de rebrotes", dixo o presidente galego, antes de insistir en que tampouco se sabe "que vai ocorrer" con zonas como Madrid ou Barcelona, que seguen máis afectadas pola pandemia, cando se levante a alarma.

E é que, segundo remarcou, a decisión de que Galicia entre antes na nova normalidade non significa "abrila a comuniades que estean nunha situación peor, senón igual". "Sigamos sendo responsables e sigámonos coidando", dixo, antes de esgrimir que esta reflexión é aplicable ao fluxo entre distintos países.

UN PROXECTO PILOTO TURÍSTICO?

Con respecto a ese control que se poderá facer unha vez que se reabran os aeroportos e a distintas medidas que se poderían adoptar como o "pasaporte COVID", explicou que o Goberno central argumentou que son cuestións que se están negociando, no ámbito europeo, entre os países membros da UE.

Neste punto, tamén descartou acometer un proxecto piloto turístico como o de Baleares e esgrimiu que calquera proxecto no ámbito aeroportuario ten que estar "tutelado polo Goberno". "Necesitariamos a cobertura da Administración estatal", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta