Unha nova vida para Emma Olsen

Pablo Prado preséntase ante o público galego cunha adaptación ao cómic da novela de Berta Dávila “O derradeiro libro de Emma Olsen”.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | | 22/06/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Título: O derradeiro libro de Emma Olsen

Autor: Pablo Prado

Editorial: Galaxia

Ano: 2020

Pode un proxecto como o Garaxe Hermético transformar o panorama do cómic galego? Pode. Nun sistema editorial no que non adoitan publicarse máis de quince títulos ao ano, a aparición dun actor coma a Escola Profesional de Banda Deseñada de Pontevedra pode deixar unha pegada significativa sempre que sexa quen de propiciar unha afortunada intersección: a do talento dos alumnos e alumnas cunha correcta formación e orientación por parte da Escola.

 

Transcorridos case oito anos dende a súa inauguración, os nomes dalgúns dos antigos alumnos da factoría que dirixe Kiko Da Silva comezan a facerse familiares. É o caso de Fon, Anémona de Río, ambos con dúas monografías xa publicadas, e agora de Pablo Prado, que presenta estes días o seu primeiro traballo, “O derradeiro libro de Emma Olsen”, e agarda pola inminente saída dun segundo, “Os berros da motocicleta”.

 

Prado preséntase ante o público galego coa adaptación á banda deseñada dunha das novelas destacadas de 2014. Berta Dávila narraba en “O derradeiro libro de Emma Olsen” o regreso dunha escritora á súa vila natal no tramo final da súa vida para escribir unha derradeira novela na que rememora os capítulos máis relevantes da súa infancia e mocidade. Retornando ao seu lugar de orixe, Emma Olsen pecha o círculo da súa traxectoria vital ao tempo que reflexiona sobre a pegada que deixaron nela as vivencias da súa primeira xuventude, o que lle valía á autora para abordar temas que usualmente se cualifican de “universais”, coma as relacións entre pais e fillas, o primeiro amor, a entrada na idade adulta, a culpa ou a morte.

Para esta adaptación, Galaxia opta por un formato de grandes dimensións próximo ao álbum europeo tradicional, ofrecéndolle ao autor unha amplo terreo no que pode diversificar as súas estratexias narrativas. Prado desenvolve o relato combinando imaxes a toda páxina coa fragmentación en pequenos planos, xogando con simetrías, ensaiando perspectivas arriscadas, incluíndo secuencias mudas... Hai mesmo pequenas codas internas, breves excursos aclaratorios que o autor resolve baixo título propio, con poucas viñetas e siluetas a contraluz, demostrando unha vontade de eludir o automatismo e a rutina narrativa. O esforzo do autor por dotar o cómic de autenticidade e dun acento visual propio resulta máis que notorio. 

 

De forma pouco casual, Dávila ambientara a novela nunha pequena vila de Dakota do Sur chamada Faith, un lugar átono e despersonalizado perdido no interior dos Estados Unidos cuxo único atractivo, a estatua dun T-Rex metálico que alude a un vello achado arqueolóxico, acentúa a súa imaxe decadente. Prado retrata a vila coa exactitude propia do actual estado tecnolóxico, que nos permite camiñar vía satélite por calquera recanto do planeta, reproducindo o seu aspecto triste e desleixado, mais matizándoo mediante a súa outra grande aposta visual: a cor. O uso dunha paleta de cores ben definida, na que predominan os tons fríos, entre o azul e o malva, confírelle á paisaxe unha aparencia antinatural, case fantasmal, acentuando o aquel nostálxico do relato. 

 

A de Prado é unha proposta complexa e ambiciosa, que recolle os dilemas principais da novela de Dávila e reproduce o ton reflexivo e intimista do orixinal sen eludir riscos nin renunciar a un discurso propio. Este primeiro traballo monográfico anuncia a presenza dun debuxante sólido e versátil que reclama un lugar na BD galega actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta