Os bares piden responsabilidade: "Hai xente que non é consciente das mortes que levamos ás costas"

"Levamos tres meses 'con muletas', con axudas; cando nolas quiten isto pode ser unha traxedia", advirten os xerentes dalgúns establecementos de hostalaría da capital galega, que sofren unha gran factura derivada da dependencia do turismo estatal e internacional.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Galicia estreou o luns pasado a nova normalidade con aforamentos ao 75% da súa capacidade total e o mantemento das distancias de seguridade e medidas de hixiene contra a Covid-19. Mais o certo é que a fin da desescalada apenas se percibiu a pé de rúa. Os bares e restaurantes, lugares representativos do estado en que nos atopamos a nivel social e mesmo económico, seguen baixo mínimos e auguran unha recuperación "negra; moi, moi lenta". Na capital galega do turismo, Santiago de Compostela, esta crise pasa, se cabe, unha factura aínda maior tendo en conta que moitos dos locais dependen maioritariamente da clientela estranxeira. Sen sacar ollo aos posibles rebrotes e co Ano Santo como "esperanza", os cafés da capital agardan que se produza axiña ese "punto de inflexión" a partir do que retomar as rendas dos negocios. 

Terrazas cheas en Vigo no primeiro día da fase 1 da desescalada
Terrazas cheas en Vigo no primeiro día da fase 1 da desescalada | Fonte: © Miguel Núñez

Na maioría dos casos, unha parte importante dos traballadores dos locais de restauración e hostalaría seguen acollidos a ERTEs. A demanda está sendo moi escasa e polo camiño pérdense tamén clientes habituais de idade máis avanzada, que se manteñen reticentes á rúa. A xuventude, pola contra, é a que regresa ás terrazas con máis ímpeto, pero tamén cunha maior "relaxación" que pode ser perigosa de cara á evolución da pandemia. Eis un repaso polas condicións actuais nas que se atopan os bares da capital galega, as súas dificultades e as expectativas de cara ao futuro.

"TEMOS PERDAS"

"Estamos traballando ao 30% do que viñan sendo estas datas calquera outro ano; temos perdas, era previsible e inevitable". A cafetería do Hotel Costa Vella, en pleno centro histórico de Compostela, abriu as súas portas un 1 de xuño e agarda que o "punto morto" (ese momento no que non se produzan perdas, pero tampouco beneficios) se poida alcanzar a comezos do mes que vén "no caso de que non haxa rebrotes". José Antonio Liñares, que é quen rexenta o negocio, non descarta que o peor estea por chegar. "Levamos tres meses con muletas, sostidos polas axudas, pero iso é unha economía ficticia; cando as muletas se quiten, isto pode ser realmente unha traxedia".

Mudaron os hábitos de vida e baixaron os niveis de consumo. "Nun día de bo tempo no que a terraza debería estar chea, agora hai horas nas que non pasa ninguén". Ademais, á baixada de facturación hai que sumar o incremento dos custos derivados da aplicación de todas as medidas hixiénicas en calquera establecemento. Trátase, di, dunha "espiral de descenso": "Que ninguén pense que estamos saíndo de nada, pero abrimos porque temos unha responsabilidade social e porque debemos intentar saír deste pozo do que ninguén máis nos vai sacar".

Un camareiro atende unha mesa na desescalada da Covid- 19 © Miguel Núñez
Un camareiro atende unha mesa na desescalada da Covid- 19 © Miguel Núñez

A mesma sensación se respira tamén no histórico Airas Nunes, situado na rúa do Vilar. Este bar foi dos primeiros establecementos que abriu ao público, "por vontade e porque daba mágoa ver a rúa tan morta, coma se caera nela unha bomba", fala Lois Freire, que polo momento atende el só a pouca clientela que se achega ao café en horario reducido e días limitados. "Queremos axustarnos o máximo para incorrer en perdas o mínimo". Reto difícil ao traballar "a medio gas" e coa incerteza do que acontecerá nos próximos meses. "Quen nos asegura que o 15 de xullo non teremos que volver todos para a casa?", pregúntase. 

Na Chocolatería Metate, moi preto da Catedral, ven "negra; moi, moi lenta" a recuperación da hostalaría. "Moita xente irá ao paro, entra nos comercios a contagotas; as tardes en Compostela están moi baleiras", relata o seu xerente, Carlos Vázquez. E é que a falta de turistas e de peregrinos parou esa roda económica na que boa parte da capital estaba subida. Sen eles, non só é que se desaparece a clientela estranxeira que podería acudir aos bares, senón que tamén permanecen pechados todos aqueles comercios turísticos que ateigan a zona vella e cuxos tendeiros tamén paraban para tomar o café. Os albergues que rodean a Chocolataría teñen as reixas baixas, "e por moito que abran a final de mes, non vai haber xente que veña a eles", laméntase Vázquez.

DEPENDER DO TURISMO

Inevitablemente esta crise tamén abriu o debate ao redor da dependencia que as cidades máis expostas teñen do turismo. O xerente do café Airas Nunes cre que se a baixada da clientela foi tan drástica neste contexto no casco histórico tamén foi debido á perda progresiva de vida local nas rúas compostelás. "O problema é que a zona vella é un museo; non hai facilidades para que a xente viva, aínda hoxe estamos intentando poñer a fibra óptica!". Dende o Hotel Costa Vella, cuxo 80% da súa demanda depende do turismo internacional, Liñares enxalza os viaxeiros "de alta calidade, cun nivel de gasto amplo, moi rentable" e que agora mesmo desapareceron. "Imos sufrilo moito".

"RELAXACIÓN" NOS BARES

Cómpre, ante todo, "non baixar a garda" en ningún momento, nin traballadores nin clientela. "Loitar contra unha pandemia que non se ve é moi complicado e logo veñen as consecuencias", advirte Vázquez. Tanto na Chocolatería Metate, coma no Costa Vella e no Airas Nunes, os seus xerentes observan certa relaxación no cumprimento das medidas de prevención por parte dos consumidores, á hora de gardar distancias e tamén no uso da máscara. "Hai unha poboación desde os 40 anos para arriba que si está concienciada, pero sobre todo a xuventude non é consciente das cantidades de mortes que levamos ás costas, en absoluto; é coma se non pasara nada", fala Lois Freire, do Airas Nunes. Concorda nisto Liñares, que explica que "incluso hai que chamar a atención á xente; hai segmentos de poboación que se están relaxando moitísimo".

Con todo, entrar nos bares segue custando aínda hoxe. Liñares nota "receo, medo e desconfianza" por parte das persoas máis maiores que acoden ao bar. O perfil de consumidor muda logo cara as idades máis mozas. "Temos, sobre todo, xente nova e perdemos clientes habituais de certa idade, porque o risco é importante". Dende o Airas Nunes tamén advertiron a chegada de turistas a pesar das restricións de mobilidade impostas. "Vin xente de fóra desde o primeiro día. Cando abrín xa me entraron tres persoas con maleta, aínda que non podo saber se era por cuestións de traballo, e observei algún que outro 'mochilero'... Aquí todo o mundo salta á toureira. Cando na prensa aparece que pillaron a un, é que hai vinte aos que non deron pillado", explícase Freire. 

CARA AO FUTURO

De cara ao futuro, a posibilidade de rebrotes é o que mete o medo no corpo ao persoal da hostalaría, que neste momento ve "duplicado" o seu traballo debido á necesidade de atender todas as normas de hixiene: "Trabállase dunha maneira moito máis trabada, máis complicada". Co verán enriba e co prognóstico de ter "perdas cuantiosas" nos próximos meses, instan a continuar "con máis forza se fai falta e sen baixar a garda", di Vázquez. "Ata que non teñamos unha solución médica sucederanse rebrotes todo o tempo; e iso pode provocar trastornos tremendos", prosegue Liñares, que entende que eles traballan "á intemperie" e que o Goberno non os vai "axudar indefinidamente". "Ou o tomamos moi en serio ou senón volveremos caer. A situación é moi triste pero estamos aquí para saír desta: haberá que redobrar as medidas e nunca tomar atallos", resolve.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moinante

Sexamos realistas, con tres cubatas enriba non hai distanciamento social que resista.