Denuncian que a Xunta é a responsable das mortes en residencias galegas

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública lembra que o Goberno de Feijóo estableceu protocolos concretos e que tiña as competencias das residencias en Galicia.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/06/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da  Sanidade Pública (AGDSP) acusou este sábado á Xunta de ser a responsable das mortes e da situación nas residencias galegas, tanto públicas como privadas.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Ante as denuncias do PP acusando á Administración do Estado de ser a responsable da situación nas residencias de Maiores en Galicia, nas que houbo unha gran mortalidade, e que en Galicia superou ao 50% das persoas afectadas, a AGDSP acusa a Feijóo e a ex ministra Ana Pastor de "desvergoña".

Nun comunicado, esta entidade lembra que a Xunta estableceu un "protocolo" para non trasladar aos anciáns con dependencia severa aos hospitais "cas consecuencias legais que esta actuación poida ter", apunta en alusión á morte de anciáns.

Tamén apunta que o Consello de Contas de Galicia, que fiscaliza a actividade dos servizos públicos da Comunidade Autónoma, no seu informe de fiscalización do ano 2018, "deixa ben claro no artigo 27.23 do Estatuto de Autonomía de Galicia que outorga á Xunta de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social e control de residencias a través da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría".

Esta, segundo a AGDSP, é a responsable das funcións de rexistro das entidades prestadoras de servizos sociais, o réxime de control, inspección, acreditación e sancionador. Ademais, insiste en que o Informe do Consello de Contas denuncia "irregularidades no proceso de concesión, diminución dos controis, incumprimento dos cocientes de persoal e dos protocolos de actuación e seguridade", especialmente nas Residencias de Maiores de xestión privada.

"Novamente pedimos que se abra unha investigación sobre as Residencias de Maiores, que se interveñan ás máis perigosas para a saúde dxs residentes, e que se desenvolva unha rede de Residencias Públicas, rescatando as privatizadas. Que se elabore un Novo Modelo de Atención as Persoas Maiores, CONSENSUADO, con todalas entidades implicadas no coidado dxs maiores", conclúe esta entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta