Preferentes e outros produtos tóxicos

Non é doado falar dun tema que produce tanta dor. Como a que lle escoitei á señora que leu o manifesto o sábado 2 de febreiro de 2013 diante da bunquerizada casa presidencial de Monte Pío.

Por Xabier Ron | Compostela | 08/02/2013

Comparte esta noticia
Unha dor que provén dun roubo. Un roubo calculado coa mente fría e perversa dos ultraliberais que gobernan só para o beneficio da oligarquía financeira e empresarial [un dato que abraia: 216 mil millóns para a banca desde o ano 2008, un 21% do PIB de España].
 
Este feito viola de forma plena o artigo 128.1 da Constitución que di que toda a riqueza do estado nas súas distintas formas e sexa cal sexa a súa titularidade está subordinada ao interese xeral.
 
Ademais, non é preciso dicilo, este roubo ataca a estrutura do que algún día foron as caixas de aforro galegas (expropiación, bancarización, socialización das perdas e privatización dos beneficios).
 
Algúns números para percibir o ataque, e lembremos que, por moito que desde Madrid non se perciba así, NCG é sistémica para Galicia:
 
A cambio do diñeiro do rescate bancario, Bruxelas reclama o peche de 327 oficinas e o despido de 2.508 traballadores e traballadoras. Un cálculo dado polo fiscal xefe de Galicia sitúa as persoas estafadas en 43.000. O patrimonio da obra social será usurpado e entregado ao capital privado por catro perras. Que outro fin idea senón o FROB?
 
Os activos tóxicos (vivendas, metros cadrados de solo, créditos morosos a promotores) achegados por NCG ao mal chamado “banco malo” ou SAREB, xa que non é un banco senón un xestor de recursos inmobiliarios para beneficio do sector, chegan ao 16% por un total de 5.097 millóns de euros. Por que estas vivendas non quedan para crear un parque público de vivendas en réxime de aluguer social como demandou o rupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda?
 
Estamos ante o proceso final dunha degradación dos obxectivos e finalidade cos que naceron as caixas de aforro. A introdución das cotas participativas nas caixas significou introducir o capital bancario e os seus intereses especulativos no corazón do que debía ser só economía social.
 
En vez de avanzar no control e na intervención, en vez de introducir mecanismos de participación cidadá e transparencia, fíxose todo o contrario.
 
E as “solucións” ideadas son todas, na lóxica dos ladróns de maletín e garavata, unha ofrenda aos donos dos capitais. Trátase de rescatar os bancos, mentres se afunde á cidadanía no pozo do medo: medo a perder o emprego, medo a perder a vivenda, medo, mesmo, a pensar no futuro. E nesta tormenta de medo, o corralito que representan as preferentes e os produtos tóxicos aumenta a sensación de perda, de inseguridade e indefensión ante o futuro. Como lembraba a compostelá de 82 anos que leu o manifesto o 2 de febreiro, o diñeiro aforrado era, precisamente para ese futuro incerto: para as doenzas que podan vir, para servir de axuda ao que poda precisar a familia, etc.
 
O apaño ideado polo PP-PSOE a nivel de estado non amaña nada. Tanto a quita coma o canxe non responden ao esencial: a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas. Por iso o 2 de febreiro berraban que se sentían dobremente estafadas.
 
Os que dirixían as caixas sabian que facían cando se puxeron a xogar no casino da especulación e do mercado inmobiliario. Sabían que se medraban de forma rápida e excesiva era porque os seus activos se estaban contaminando con altos riscos destinados a maximizar os beneficios. E claro, todo ben acompañado por unha Administración ausente, preocupada unicamente por alimentar aos empresarios “de éxito” do mercado financeiro e, polo tanto, permitir os seus “soños de grandeza urbanística” mediante a permisividade da lexislación urbanística e aceptando as formas arriscadas de financiación ao mesmo tempo que incentivando a desregulación do mundo da banca.
 
Eles axudaron a construír a fábula do “todos somos ricos” e, cando viron que era preciso recapitalizar, aproveitándose da ignorancia financeira da maioría, conseguiron diñeiro mediante enganos. Por iso, os dirixentes deben responder. Deben ser xulgados. E se son culpables que pasen unha estadía a determinar no cárcere. Aprendamos do pobo islandés e de todos os instrumentos que puxeron en marcha non só para depurar as responsabilidades en toda a quebra do sistema de caixas de aforro galegas, senón para instaurar os mecanismos para impedir que volva a suceder.
 
Desde o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda exórtase aos xuíces de instrución, aos ministerios fiscais das audiencias a exercer as súas competencias para proceder a investigar todos e cada un dos casos, contratos, as condicións de abuso, confianza e engano que se empregaron, e entrevistarse coas vítimas desta estafa para recadar os indicios de actuación delictiva e evitar que a cidadanía fique en estado de indefensión.
 
O futuro máis inmediato será o de non deixar que todo o diñeiro público empregado remate por entregarse directamente a unha entidade bancaria. Todas aquelas forzas que o desexamos de verdade debemos poñer os alicerces para a creación dunha entidade bancaria e de crédito pública galega, e segundo os principios da banca ética, para que estea ao servizo da cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.