Feijóo asegura que non se pecha a un apoio da ultradereita se VOX chega ao Parlamento

O candidato do PPdeG volveu a defender que a súa decisión de fixar en xullo as eleccións inicialmente previstas para o 5 de abril e que foron aprazadas pola pandemia, só responde o seu interese por "preservar a saúde pública" dos cidadáns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961), lanza un aviso a quen queiran ver garantida a súa cuarta maioría absoluta, coa que igualaría a marca de Manuel Fraga: deben ir votar o próximo 12 de xullo, porque "se hai unha picada de participación" ve complicado poder "revalidala".

"Se os galegos teñen unha picada de participación sería moi difícil conseguir a maioría absoluta", advertiu, nunha entrevista  na que insistiu en que os colexios electorais "son lugares seguros". "Moito máis seguros desde o punto de vista da saúde pública que outros nos que socialmente temos que estar", apostilou.

Fronte ás críticas dos seus rivais, Feijóo volveu a defender que a súa decisión de fixar en xullo as eleccións inicialmente previstas para o 5 de abril e que foron aprazadas pola pandemia, só responde o seu interese por "preservar a saúde pública" dos cidadáns. Esperar a outono, remarcou, multiplicaría os riscos, sobre todo "pola chegada de turistas".

Leva 11 anos á fronte do Executivo autonómico, ao que accedeu tras derrotar en 2009 ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG que dirixira Galicia unha soa lexislatura. Preguntado acerca de se se arrepinte de algo, confesa que si, pero asegura que non lle vén á cabeza unha medida ou decisión concreta e que prefire quedar "cos resultados".

"Quedo con que a Galicia de antes do COVID é unha Galicia moi distinta á que nos atopamos", proclamou, antes de volver tirar, como é habitual nas súas intervencións, das estatísticas económicas para reivindicar a súa xestión. Agora, engadiu, se os galegos queren, o seu obxectivo é estar "á súa disposición ata 2024". "E sempre cumpro os meus contratos", aseverou.

NON REXEITA NINGÚN APOIO, NIN SEQUERA DE VOX

Aínda que a súa aspiración é revalidar a súa maioría absoluta, Feijóo deu a entender que, se a perde pero mantense como o candidato máis votado, está "disposto" a presentarse á sesión de investidura no Parlamento galego.

E a pactar con Vox, o partido que lle define como "nacionalista" e que aspira a telo "vixiado"? O dos Peares recoñeceu que, aínda que considera que a formación de Santiago Abascal non logrará un escano no Pazo do Hórreo, non se pecha a ningún apoio.

"Se se dese a conxuntura que vostede di (que Vox fose chave para un hipotético Goberno no que el seguise á fronte), tentarei facer un debate de investidura e os que teñan representación parlamentaria, que decidan", avanzou.

Defensor reiterado dunha gran coalición en España entre PSOE e PP que irritou a máis dun no seu partido, a priori non ve esta opción factible en Galicia, dado que, baixo o seu punto de vista, "o non é non" de Pedro Sánchez é "o mesmo non é non de Gonzalo Caballero". "E o único que une á oposición do dez partidos (da esquerda) é que non goberne Feijóo", afirmou, antes de censurar que ningún dos seus principais rivais á Presidencia "xestionou nin un euro público".

NACIONALIZAR ALCOA, "UN ENGANO"

Co futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo, no foco da campaña, e despois de que varios dos seus rivais mostráronse dispostos á súa nacionalización se fose preciso para garantir a súa viabilidade e os postos de traballo dunha industria clave na Mariña lucense, Feijóo distanciouse do que ve "un engano".

"Cando un ten nas súas mans a solución ao problema e non o quere solucionar, calquera cousa que digamos é un engano", advertiu Feijóo, quen insistiu en que el está "a favor de calquera fórmula que manteña Alcoa viable", antes de apostilar que dita viabilidade só pasa "por un prezo competitivo da enerxía".

"Tomáronnos o pelo de forma continuada (co estatuto electrointensivo) e, tendo a solución nas súas mans, queren chegar enganando ao 12 de xullo para despois executar unha política enerxética ideolóxica que pasa por pechar as industrias electrointensivas", afeou, en alusión ao Goberno central.

LEMBRA QUE FRAGA PASOU A TESTEMUÑA E AZNAR "ALARGOU" O PP

En clave de partido, sobre con quen se identifica máis, se coa exministra Ana Pastor --que gañou protagonismo en Madrid nas últimas semanas-- ou a portavoz no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, Feijóo replicou que "con Pablo Casado, que é o presidente do partido".

A continuación, asegurou que "respecta" a Álvarez de Toledo, e destacou que Pastor, ademais de ser "unha militante do PP en Galicia, ten "unha experiencia de goberno incontestable". "Pero o PP, ou é un punto de encontro de dez millóns de persoas, no que entremos todos, ou non será", advertiu.

Acerca de se discursos como o de Álvarez de Toledo favorecen que o PP sexa visto como punto de encontro, respondeu que é unha cuestión de visións. "Para un sector da poboación, sen dúbida; para outro sector da poboación, probablemente sexa discutible, como o meu", esgrimiu, antes de incidir en que tampouco "todas as persoas que participaron no proxecto de Fraga pensaban igual".

Pero de Fraga destacou: "Dedicou a súa vida a alargar o partido e, vendo que non conseguía máis do que conseguiu, con cento e pico de escanos, pasou a testemuña a José María Aznar, que fixo un partido moito máis ancho. E despois Rajoy conseguiu o maior resultado da nosa historia". "Eu síntome cómodo co resto de compañeiros. O que pido é que o resto de compañeiros tamén sentan cómodos comigo", agregou, aínda que, ao tempo, matizou que "non" percibe incomodidade.

O MODELO GALEGO E CONSELLOS A CASADO

En canto á situación interna do PP, recoñeceu a dificultade coa que se atopou Casado ao tomar as rendas: "un partido en plena división porque se fracturou o centro dereita" --aludiu á irrupción de Cidadáns e Vox--. "Que é o que eu lle digo a Casado? Que un partido de 40 anos non pode, na miña opinión, tomar decisións precipitadas polo que ocorrese en meses anteriores ou poida ocorrer nos meses seguintes", expón sobre os consellos que lle dá.

Feijóo non oculta que a súa formulación é "alargar" o PP polo centro e reivindicou o modelo que el aplica en Galicia --rexeitou comparacións con Euskadi por ser realidades "moi distintas"--. "A formulación do PP de Galicia é seguir ensanchando o noso centro galeguista, reformista, o noso centro dereita liberal e tamén socialdemócrata. E é un proxecto dun modelo", subliñou.

E en clave de modelos, reflexionou sobre os cambios na política estatal, onde percibe "un movemento para que non se volva outra vez aos dous grandes partidos constitucionais, con visión de Estado". "O problema é que o PSOE abandonou o modelo da Constitución española e ten o modelo de pactar con calquera, dun socialpopulismo e un modelo de apoio independentista", indicou, antes de recoñecer que lle "preocupa".

Acerca de se a porta da política nacional está pechada ou aínda garda a chave, Feijóo asegurou que Casado "non" ten nada que temer porque "a única chave" que lle interesa é a galega e só aspira a dar "estabilidade" á Comunidade. E no PPdeG aínda non quere falar de sucesores, pero si do que desexa que sexa o seu "legado". "O que eu tento que sexa o meu legado é aquela unidade dun partido das maiorías que persista a pesar de todas as turbulencias que existen en España", resolveu.

O presidente da Xunta de Galicia e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, pousa tras unha entrevista para Europa Press, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España), a 30 de xuño de 2020.. MARTA VÁZQUEZ / EUROPA PRESS / Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, pousa tras unha entrevista para Europa Press, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España), a 30 de xuño de 2020.. MARTA VÁZQUEZ / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Casilda

Ana Pontón, no encontro cos subscritores de La Voz de su Amo: «A independencia non é unha proposta que conste no noso programa». Non aclara con quen pacta, unha licenciada em políticas é incapaz de explicar as maiorías do PP, desvía a conversa cando lle preguntan por traballos fóra da política... Eu NON VOTO a unha covarde que se esconde por uns votos no lugar de explicar e facer pedagoxía. Ana Pontón é unha do montón, nada novo nin fresco na política profesional. Estou seguro que con sentar no escano ela e média ducia de colegas e outros tantos asesores facendo o conto da oposición están colmadas as súas aspiracións de vividoras.

2 Daniel F. Noquerol

No sé por que me da que esta va a ser la mayoría absoluta más abultada de Feijóo. Lo que tiene enfrente es efectivamente el caos y un montón de enanos políticos peleando por las poltronas. Cualquiera que trabaje con la Xunta recuerda el desastre del bipartito con las consellerías de uno y de otro enfrentadas entre sí o con nula comunicación. Imaginémonos con una decena de partidos peleando por los puestos, exigiendo pasta para sus enchufados y chiringuitos públicos, y queriendo salir todos en la foto.

1 Ana

Os problemas de Galicia non se solucionan con mais centralismo. Ao contrario, precisamos mais autogoberno para poder salvar empresas e postos de traballo (con unha tarifa eléctrica galega), para rematar coas peaxes ou para contar cunha banca publica galega ou xestionar os nosos postos cartos. Xa tivemos gobernos de dereita e de esquerdas na Xunta e no estado español e os galegos estanse a dar de conta que o problema non e ideoloxia o problema e que todos obedecen a Madrid. Por iso o BNG sube e sube nas enquisas e digovos que moitos que votaban PP desta vez votaran BNG pq quren una Galicia con futuro e non unha Galicia que emigra e sen identidade propia.

1 Iván

Oxalá que así sexa. Ana Pontón, presidenta!