Vixilantes de seguridade fronte a COVID-19: material que chega tarde e protocolos contraditorios

O colectivo de vixilantes de seguridade foron considerados persoal esencial durante o estado de alarma, deles dependía a normalidade en hospitais e centros sanitarios. Igual que cos demais colectivos que estiveron en primeira liña, o material de seguridade (EPIs) chegou “tarde e mal”, á parte de que a aplicación dos protocolos de empresas e clientes confundiu aos propios vixilantes.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os vixilantes de seguridade foron considerados como persoal de baixo risco durante os primeiros momentos do estado de alarma. As denuncias sindicais e as posteriores sentenzas fixeron obrigatoria a entrega de EPIs para os traballadores e traballadoras da seguridade. Ditos EPIs tiñan e seguen tendo en varios casos, deficiencias e unhas condicións que non convencen de todo aos seus usuarios.

Vixilantes de seguridade
Vixilantes de seguridade | Fonte: Centro Formación

Entre as diferentes eivas están o non saber se o material é resistente aos lavados que se indican, se as máscaras son as axeitadas para o lugar concreto onde se traballa e sobre todo, se os stocks actuais serían suficientes para unha nova vaga de coronavirus, polo menos para as primeiras semanas.

EPIS TARDE E MAL

A COVID foi algo inesperado. Ninguén estaba preparado e o colectivo da seguridade privada tampouco. O material para evitar contaxios ante exposicións prolongadas e todos os elementos necesarios para a hixiene no posto de traballo, era escaso ou non había. “Presentamos denuncias ante a falta de material, de EPIs, e agora vano entregando pouco a pouco” sinala José Antonio Antas, de CIG-Servizos.

Santiago Villaverde do mesmo sindicato e vixilante na CRTVG, contesta que “En Eulen os primeiros días eran un caos, durante a primeira semana non se entregara nada, finalmente acabaron entregando máscaras FPP2 e resto do equipo”. Eulen é a empresa de multiservizos en que traballa a irmá de Alberto Núñez Feijóo.

O EPI completo, o “buzo”, non se pode usar debido a que con el é imposible facer unha redución” di Sergio López de CCOO. “O que si se debe empregar son escudos ou máscaras para evitar contacto e a transmisión aérea”.

As probas PCR tamén foron unha das demadas deste colectivo laboral. “Houbo casos en que as PCR tiveron que ser reclamadas, a un compañeiro meu si que llela fixeron e a min non” di Susana Blanco de UGT. “A PCR só cho fan se tiñas síntomas e se se detectaban casos cercanos”. As forzas sindicais consultadas descoñecen o número de contaxios que puidera haber no sector.

A entrega de EPIs tamén vai parella á situación que atravesa unha empresa. “Hai empresas que non entregan EPI porque ofertaron moi baixo para un concurso, e logo recortan de salarios e seguridade” di Susana Blanco.

MATERIAL E PROTOCOLOS

“Entregáronnos dúas máscaras que resisten 100 lavados a 60ºC, mais sen garantía de que sexa así” di José Antonio Antas. “Houbo casos de hospitais na provincia da Coruña que entregaron eles as máscaras aos vixilantes” di Santiago Villaverde. “É certo que o SERGAS entregou máscaras aos vixilantes aínda que as empresas deberan proporcionar elas ese material” di Sergio López.

A outra cuestión que preocupa ao colectivo é que protocolos de seguridade laboral se aplican durante a xornada laboral, sobre todo en situacións de alarma como é a actual pandemia de coronavirus. En principio, os protocolos que se deben aplicar para os vixilantes son os da súa empresa.

Existe a Ley 5/2014, de 4 de abril, de Seguridad Privada, a nivel estatal. Baixo esta norma as comunidades autónomas teñen que adaptar as súas normativas, como é o caso da lei galega de espectáculos. No caso dos vixilantes que traballaban en instalacións do SERGAS, “o hospital ten un protocolo de actuación, a empresa de seguridade outro e os dous deben coordinarse obrigatoriamente” di Sergio López.

O hospital é quen marca a avaliación de riscos dentro das súas instalacións, a empresa de seguridade ten que adaptar o seu protocolo ao do hospital. Preténdese así evitar unha colisión de intereses. "Un vixilante ten que cinguirse ás normas que lle dá a empresa, non debe seguir ordes directas do persoal do SERGAS, porque estariamos falando dun delito” sinala López.

“Non hai protocolos de actuación serios. Ese protocolo debe ser da empresa para os seus traballadores, o mesmo que o material” di José Antonio Antas. Susana Blanco cre que moitas veces detrás da desatención ou falta de protocolos de seguridade están “as empresas, porque o vixilante custa máis do que oferta unha empresa” entón, a vixencia dos diferentes protocolos non ten a forza que debera e moitas veces “a Administración dá cancha para que isto suceda”.

Un caso citado por Sergio López sobre este último punto, sucedía no Clínico de Santiago. Un dos ascensores era só para afectados pola COVID-19. Os celadores serían os encargados de abrir con chave dito ascensor. Mais cando faltaban os celadores, quen abría era o vixilante de seguridade. Chegado o momento, e ante a falta de material, os vixilantes negáronse a actuar en dita zona do ascensor. Só actuou cando a súa empresa deixou claro que só traballaba baixo ordes da compañía, non do SERGAS.

O material de seguridade para vixilantes privados chegou tarde. Houbo empresas que apuraron e puideron cubrir as súas necesidades en pouco tempo. En organismos públicos, dependendo de cada un, os EPI tardaron en ocasións un tempo máis longo que, por exemplo, en empresas privadas como Inditex. O número de contaxios é descoñecido entre o sector. A precariedade laboral denunciada polos representantes dos traballadores está, segundo eles, detrás de moitas das deficiencias en seguridade fronte ao coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta