Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 11:38
A CIG celebrou protestas na mañá deste xoves antes diferentes sucursais --Abanca, Bankia e Caixabank-- en Santiago de Compostela para reclamar un convenio colectivo "digno" nos bancos nados de antigas caixas agrupadas en CECA. Un convenio que, advirte, prexudicará, especialmente, ás mulleres.
En declaracións a Europa Press, o secretario sindical da CIG en Abanca, Clodomiro Montero, explicou que levan "18 meses negociando o convenio colectivo" de bancos como Abanca, Bankia, Caixabank, Unicaja e Ibercaja, pero a patronal, "aproveitando as reformas laborais, pretende impor recortes durísimos", tanto en salario como en carreira profesional.
A isto únese que os recortes afectan especialmente as mulleres, nun sector "no que xa existe unha discriminación" ao sexo feminino, pois os postos máis altos do convenio --do un ao sete-- "están masculinizados", mentres os máis baixos --do oito ao 14-- están feminizados e con menos salarios, "aínda que fan as mesmas funcións que os homes".
Nas concentracións, unha vintena de persoas protestaron con carteis nos que se podía ler 'Coidado: abuso bancario' e realizaron cánticos como 'Convenio xusto, convenio digno'. Segundo explicou Clodomiro Montero, os recortes "van a por os postos femenizados", xa que a patronal "pretende recortar unha serie de complementos e a carreira profesional que afecta fundamentalmente as mulleres". O feito é que a baixada de salario media é dun 0,48% entre os homes e de máis dun 20% entre as mulleres.
Estes recortes afectan a uns 4.500 traballadores en Galicia, dos cales a metade aproximadamente son mulleres. "Non ten sentido en pleno século XXI manter unha xerarquía empresarial claramente machista", queixouse Montero, quen ve a situación "tremendamente inxusta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.