“Existe unha gran preocupación polo impacto da Covid-19 na loita contra incendios”

Unha investigación internacional analiza como se adaptan os equipos de prevención e extinción de lumes á pandemia. Entre estes hai “grande incerteza sobre o impacto das medidas de Covid-19”. A Consellería do Medio Rural asegura que en Galicia se aplican “os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene”.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia de Covid-19 tamén cambiou o escenario da loita contra incendios forestais. A ameaza do coronavirus SARS-CoV-2 obriga a repensar estratexias e protocolos na xestión e extinción dos lumes, para garantir aos equipos medidas de protección básicas contra o novo virus sen perder un chisco de efectividade e eficacia nas operacións antiincendios. A preocupación é máxima.

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: © Miguel Núñez

Que se está facendo en Galicia? Está preparada para este novo escenario? A Consellería do Medio Rural asegura que si: “Efectivamente, adaptamos a planificación da loita contra os incendios forestais aos condicionantes impostos pola emerxencia sanitaria”, explican desde o departamento dirixido por José González Vázquez.

Para avaliar as medidas aplicadas pola Xunta de Galicia é preciso antes pasarse pola Universidade de Wageningen, en Países Baixos, onde un equipo de expertos liderado pola profesora Cathelijne Stoof (Departamento de Ciencias Ambientais) tomou a dianteira na investigación sobre adaptación das estratexias e protocolos antiincencios en tempos de Covid-19.

Cathelijne Stoof reuniu un equipo de expertos desta universidade e da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), a American Wildfire Experience e o Wildfire Magazine (revista da International Association of Wildland Fire). O seu obxectivo: crear unha guía básica común para a preparación da xestión dos incendios forestais durante esta pandemia en todo o mundo, a partir da revisión dos materiais existentes sobre protocolos e estratexias elaborados por axentes gobernamentais, non gobernamentais e do sector privado na xestión de lumes, ademais dunha enquisa mundial entre actores implicados nesta loita. A información recompilada foi incluída en dous informes preliminares publicados ata o de agora sobre ‘Xestión de incendios forestais durante Covid-19’.

Os expertos en incendios consideran que as novas medidas de adaptación á pandemia deberán prolongarse no tempo “máis aló do verán”

O traballo abarca desde problemas de saúde e seguridade dos equipos de extinción, ata os protocolos de evacuación e albergue temporal de poboacións afectadas, ou a necesidade de reducir os incendios forestais mediante actividades de prevención.

“Requírese a adaptación dos procedementos, normas e enfoques habituais empregados na xestión dos incendios”, avisan estes expertos, que consideran que as novas medidas deberán prolongarse no tempo “máis aló do verán”, xa que o seu informe preliminar “mostra que a Covid-19 afecta a todas as operacións de xestión de incendios forestais, incluída a redución de riscos”.

O material examinado por estes expertos indica que “os axustes necesarios baixo o marco da Covid-19 poden considerarse estratéxicos ou operativos”. Entre os primeiros inclúense “as opcións para o control de incendios” que “xa non son viables no contexto da Covid-19”, que “poden aplicarse pero están limitadas dalgunha maneira” ou que “terán que ser priorizadas”, expoñen.

Os aspectos operacionais inclúen “os cambios que teñen consecuencias para o persoal de xestión dos incendios”, como “o seu transporte, o uso, a transferencia e o manexo de equipamento, a mobilización e desmobilización, o axuste de técnicas e prácticas; etc.”.

“Tanto nos aspectos estratéxicos como nos operacionais, hai unha escasa experiencia sobre as limitacións que implican adherírse ás directivas de Covid-19, con moi poucos exemplos ata o de agora que poderían proporcionarnos información e observacións sobre o terreo (aínda que está a empezar a suceder)”, explican.

“O persoal antiincendios pode estar preocupado por contraer a Covid-19 e contaxiar outros bombeiros e a poboación nos seus desprazamentos, e por levar o virus ás súas familias”

Equilibrar a balanza entre seguridade persoal e efectividade na loita contra incendios non vai ser tarefa doada. Estes investigadores avisan de que “as medidas para reducir o risco de exposición á Covid-19 probablemente limitarán a capacidade de xestión de incendios (número, tipos, tempos de resposta, recursos para grandes incendios, etc.), o que pode aumentar o risco de incendios cada vez máis grandes e potencialmente daniños”.

Neste escenario, destacan, “o persoal pode estar preocupado por contraer a Covid-19 e contaxiar outros bombeiros e a poboación nos seus desprazamentos entre incendios, e pode estar preocupado por levar o virus ás súas familias”, o cal “pode reducir aínda máis a dispoñibilidade do persoal e/ou reducir a súa flexibilidade para desprazarse e traballar lonxe da súa área local”.

LIMITACIÓNS POLA  COVID-19 PARA A XESTIÓN DE INCENDIOS

Os autores destes informes identificaron unha serie de limitacións para a xestión dos incendios condicionadas polas medidas de contención da pandemia.

A primeira “é garantir a seguridade das persoas fronte ao lume e a dos bombeiros fronte á Covid-19”; é dicir, “a necesidade de combinar o distanciamento social coa xestión do lume e as tarefas de extinción de incendios”.

Neste sentido, subliñan que “tanto o distanciamento social como a xestión de incendios son esenciais para garantir a seguridade das persoas”; con todo, “non está comprobado ata que punto se poden combinar simultaneamente”, apuntan.

Advirten, ademais, que equipos de extinción “poden experimentar un brote de Covid-19 durante a resposta ao lume”, o cal podería ter un “impacto significativo” na efectividade e capacidade da loita contra incendios.

“A tempada de incendios é esgotadora para os bombeiros, afectando os seus niveis de fatiga e os seus sistemas inmunolóxicos, o que pode comprometer a súa capacidade de loita contra a Covid-19”

Outra limitación está relacionada coa “planificación da evacuación” de persoas en zonas afectadas por incendios. Neste sentido, lembran que “ás veces se ordenan evacuacións debido a incendios forestais, pero as persoas tamén poden optar pola evacuación por si mesmas”, e “se os recursos de extinción de incendios son limitados, as evacuacións poden ocorrer antes e ser de maior escala”.

Relacionado co anterior, existe a dificultade de “garantir a seguridade das persoas nos campamentos de emerxencia”, onde se pode producir “a agrupación dun gran número de persoas que non poderán cumprir coas medidas de distanciamento social”, expoñen os expertos.

En base aos materiais analizados, os autores desta investigación crearon unha guía inicial para a xestión de incendios en tempos de Covid-19 –que se irá perfeccionando a medida que se gañe experiencia–, na que recollen unha serie de medidas adoptadas en distintas partes do mundo.

REDUCIR O RISCO DE INFECCIÓN

Os expertos destacan, en primeiro lugar, a importancia de “manter os bombeiros sans para reducir o risco de infección de Covid-19”. Par iso é necesario ter en conta que “a tempada de incendios é inherentemente esgotadora para os bombeiros, afectando os seus niveis de fatiga e os seus sistemas inmunolóxicos, o que pode comprometer a súa capacidade de loita contra a Covid-19 se se expoñen ao virus”.

Piden dar aos equipos “máis tempo de descanso e recuperación, ou utilizar diferentes tácticas de extinción que reducen o esgotamento e a exposición ao fume”

Os investigadores lembran que existen xa estudos científicos que suxiren que a contaminación atmosférica pode aumentar o impacto da Covid-19, e que os bombeiros forestais poden ser máis vulnerables ante esta enfermidade debido á repetida exposición ao fume dos lumes e ás partículas que traslada.

Por iso, consideran necesario dar aos equipos “máis tempo de descanso e recuperación ao longo da tempada de incendios, ou utilizar diferentes tácticas de extinción que reducen o esgotamento e a exposición ao fume”, para “permitir aos bombeiros manterse sans durante máis tempo”.

Tamén piden establecer “procedementos para mellorar a limpeza e desinfección dos vehículos, avións, áreas comúns, barracas e todas as áreas de alto contacto”. E “os servizos de comedor deben centrarse en reducir ao mínimo a manipulación de alimentos e o uso de artigos compartidos”, o cal “inclúe quitar nos comedores todos os recipientes que conteñan alimentos compartidos, e esixir que sexa o propio persoal de cociña quen distribúa os alimentos”.

DISTANCIAMENTO SOCIAL

Outra prioridade é o distanciamento social, que se debe garantir empezando por “controlar e restrinxir o acceso a todos os lugares de traballo soamente ao persoal esencial”. Para iso, din, son necesarios “procedementos claros para definir que é «persoal esencial»”.

Nesta liña, animan a que as reunións informativas se realicen a distancia para minimizar o contacto, mediante “o uso da radio, correo electrónico, plataformas de reunións virtuais ou outras modalidades similares de reunións informativas e materiais”. Pero se non é factible, aconsellan que entón só os xefes de equipo asistan ás reunións informativas. Na súa opinión, ademais, “o equipo de dirección e o persoal xeral non necesitan estar no mesmo lugar que os bombeiros”.

“Todo o persoal debe someterse a unha proba de detección da Covid-19 e débese rexistrar o historial de viaxes recente para determinar o posible risco de exposición ao coronavirus”

No caso de actividades formativas para preparar os equipos antiincendios no contexto da pandemia, sinalan que deberían realizarse tamén a distancia, a través de Internet; no caso de que a presencialidade fose necesaria, entón deberían organizarse pequenos grupos nos que se poida garantir a distancia de seguridade.

En relación con isto, aconsellan “identificar que postos e tarefas dos membros do equipo de xestión de incendios se poden realizar a distancia mediante teléfono, reunión virtual ou outra plataforma de comunicación”.

Outra medida á que dan especial importancia no apartado de distanciamento social é a redución de horas de traballo e dispoñer de persoal de limpeza adicional “para que haxa suficiente tempo e persoal para as tarefas de desinfección e hixiene”.

DETECCIÓN PREVIA

En relación coa necesidade de manter os equipos antiincendios protexidos contra o coronavirus, subliñan que “todo o persoal debe someterse a unha proba de detección da Covid-19 coa finalidade de establecer unha liña base con información sanitaria”.

Para levar un mellor control, “débese rexistrar o historial de viaxes recente para determinar o posible risco de exposición a Covid-19”, ademais de “restrinxir o uso de persoal dentro dos grupos de risco: os maiores de 65 anos ou máis, e as persoas de todas as idades con condicións médicas subxacentes (como as persoas  inmunocomprometidas, con diabetes, con enfermidades pulmonares crónicas, asma moderada a severa, etc.)”, clarifican.

LABORES DE CONTROL E EXTINCIÓN DE INCENDIOS

Ademais de actuacións previas, durante o tempo no que se realizan labores de control e extinción aconséllase facer avaliacións diarias de Covid-19 para garantir a seguridade do persoal, e anímase a aqueles que poidan ser sintomáticos a que “informen ao seu supervisor canto antes”.

Os expertos piden “ter preparado un plan e instalacións de illamento”, ademais dunha “ambulancia e unha tenda médica específica para casos sospeitosos de Covid-19" 

“É necesario establecer e comunicar claramente e con antelación os procedementos que se aplicarán no caso de que alguén enferme, os custos médicos, a continuidade dos salarios e outras repercusións”, explican os autores, que sinalan a importancia de “ter preparado un plan e instalacións de illamento”, ademais dunha “ambulancia e unha tenda médica específica para casos sospeitosos de Covid-19 e/ou para a planificación e operación de incidentes durante os labores de control e extinción no caso dun brote de  Covid-19”. Isto, por suposto, require tamén dispoñer de “persoal médico que poida proporcionar orientación e supervisión das medidas específicas de resposta e mitigación de Covid-19”.

Acabados os labores de control e extinción do lume, ou antes de volver a casa, recomendan que o persoal antiincendios sexa sometido de novo a probas  diagnósticas de Covid-19 para a posible detección precoz da enfermidade.

TRANSPORTE E AVIACIÓN

Outro apartado destacado é o que se refire ás medidas de seguridade no transporte de equipos e o uso de medios aéreos.

Aconséllase, en primeiro lugar, “realizar só os voos esenciais e limitar o persoal a bordo ao esencial”.

No caso do persoal que deba trasladarse ao lugar do incendio, será necesario “evitar, na medida do posible, as viaxes aéreas comerciais e pilotar ou fretar un medio aéreo para o transporte da tripulación cara a e desde a base de operacións ou o lugar de traballo alternativo”. E “cando sexa posible, asegurarse de que a tripulación permaneza como tal (é dicir, que haxa un distanciamento social entre as diferentes unidades) durante o transporte en vehículo ou helicóptero”. Ademais, no interior dos helicópteros habería que “manter libre o asento do pasaxeiro dianteiro, se non é necesario operacionalmente”.

O uso de máscaras ou de calquera protección facial debería ser obrigatorio no interior dos vehículos “se hai máis dunha persoa e non se pode manter o distanciamento físico”

Doutra banda, o uso de máscaras ou de calquera elemento de protección facial debería ser obrigatorio no interior dos vehículos “se hai máis dunha persoa e non se pode manter o distanciamento físico”, aínda que esta esixencia podería “modificarse para tripulacións que operan como unidades independentes e controlan a exposición, xa que se viu que as máscaras/protección facial constrinxen a respiración (afectando o descanso e a recuperación) e limitan certa visibilidade ao operar o vehículo”, clarifican os autores do informe.

A hixiene é outro elemento fundamental, pedíndose a “aplicación de procedementos de control para garantir que as subministracións para a hixienización dos vehículos e o lavado e desinfección das mans están dispoñibles en todo momento, que a  hixienización se completou e que se cumpran os procedementos”.

RESULTADOS DA ENQUISA: “GRAN PREOCUPACIÓN”

Para completar o estado da cuestión, os investigadores realizaron unha enquisa en liña distribuída a través da Universidade de Wageningen. O obxectivo da enquisa foi “recompilar materiais, aclarar as implicacións das restricións de Covid-19 sobre a xestión dos incendios forestais, trazar un mapa das ideas actuais e crear conciencia sobre este tema”. 

A enquisa foi completada por 443 persoas de 40 países de todos os continentes (incluída España) dedicadas á prevención e extinción de incendios forestais.

Os resultados mostran que “existe unha gran preocupación polo impacto da Covid-19 no funcionamento das organizacións dos enquisados”. E prevese que a pandemia teña “un impacto considerable sobre a xestión dos incendios”.

As respostas ás preguntas abertas do cuestionario evidencian unha “grande incerteza sobre o impacto das medidas de  Covid-19”, aínda que “existe unha gran confianza en que as organizacións representadas poidan realizar as tarefas de xestión de incendios durante a pandemia”, expoñen os autores da enquisa.

Os expertos enquisados falan dunha capacidade reducida para compartir recursos e servizos contra incendios entre continentes, países, rexións, comarcas e municipios

Parece tamén “evidente”, segundo os resultados do estudo, que “as medidas contra a Covid-19 están a adoptarse amplamente entre as organizacións dos enquisados”, tomando “a gran maioría medidas de distanciamento social, seguidas de medidas de hixiene, desinfección e limpeza, e control do tamaño do grupo”.

Os datos tamén mostran que “se prevé que a Covid-19 reduza a dispoñibilidade de servizos de apoio (por exemplo, loxística e subministración, servizos de restauración, mantemento e subministración da aviación, aloxamento, transporte), seguido doutros servizos e, en menor medida, de servizos especializados (por exemplo, meteoroloxía, calidade do aire, teleobservación)”, esclarecen os investigadores.

Debido á Covid-19, os enquisados indicaron tamén unha capacidade reducida para compartir recursos e servizos entre continentes, países, rexións, comarcas e municipios.

En relación coas actividades de extinción, os investigadores destacan da enquisa o impacto da pandemia no número de persoal por vehículo. Os datos mostran que “nun gran número de casos este redúcese como resultado das medidas de Covid-19”. Neste sentido, destácanse “os problemas que isto provoca, non só porque pode faltar espazo para aumentar o número de vehículos no escenario do incendio”, senón tamén porque “é intercambiar un posible risco [Covid-19] por un risco coñecido (conducir con fatiga)”, xa que a condución con fatiga “é unha das maiores causas de mortalidade no sector”.

“Estímase que a redución destas actividades impactará non só no risco de incendios para as comunidades, senón tamén no risco para quen traballa na xestión de incendios”,

En canto á capacitación e redución de riscos, á parte dos efectos da pandemia na xestión xeral e a supresión de incendios, os enquisados indican “efectos considerables na formación e capacitación, a participación comunitaria previa á tempada, a xestión do combustible e outras actividades de redución de riscos”. En relación con isto, nas preguntas abertas deixan claro que “eses efectos débense á cancelación ou redución desas actividades”.

Estímase un aumento do risco de incendios e para quen traballa na prevención e extinción de lumes

Os investigadores tamén constataron, en xeral, a “gran preocupación actual na comunidade de bombeiros forestais” pola “falta de probas de Covid-19”. Aínda que recoñecen que “non está claro ata que punto isto é un problema a nivel mundial”, poñen como exemplo Estados Unidos, onde “non se realizan probas de Covid-19 agás que alguén mostre síntomas, malia que se sabe que persoas sen síntomas poden propagar o virus”.

“Para manter a seguridade das persoas e asegurar a continuación da xestión dos incendios forestais, é esencial realizar frecuentemente probas rápidas de detección de  Covid-19”, recalcan os expertos.

ESTÁ GALICIA PREPARADA?

Galicia é a autonomía máis golpeada polos incendios en España e unha das zonas máis críticas de Europa. Pontevedra e Ourense son as provincias que rexistraron maior densidade de incendios e máis hectáreas calcinadas entre 1974 e 2010 no Estado español, segundo un estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA (Ministerio de Economía, Industria e Competitividade).

Outra investigación asinada por científicos das tres universidades galegas e do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do CSIC, evidenciou que case a metade dos incendios forestais declarados en territorio español peninsular nas últimas cinco décadas producíronse en Galicia; en concreto, o 43,94 % do total de focos rexistrados entre 1968 e 2017.

Galicia enfronta este ano a que pode ser a campaña contra incendios máis complicada e complexa, marcada pola pandemia da  Covid-19. Os sindicatos esixiron máis probas PCR aos equipos antiincendios, aínda que recoñeceron a existencia de protocolos marcados por un plan de seguridade deseñado pola Xunta que os representantes dos traballadores pediron mellorar.

Desde a Consellería do Medio Rural responderon así ás seguintes cuestións expostas para esta reportaxe:

Pregunta. Adaptou a Xunta o Pladiga 2020 (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) á situación extraordinaria xerada por esta pandemia? Establecéronse protocolos ou medidas excepcionais? Deuse algún tipo de guía ou de formación aos equipos antiincendios sobre como actuar neste contexto? 

"O Pladiga incorpora os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene"

Resposta. Efectivamente, adaptamos a planificación da loita contra os incendios forestais aos condicionantes impostos pola emerxencia sanitaria. Así, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020) incorpora os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Con motivo da emerxencia sanitaria, a Xunta estableceu máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do servizo, con esa finalidade. A implementación destas guías e documentos foi trasladada tamén aos representantes dos traballadores en diferentes reunións de traballo.

Abarcan cuestións como as precaucións na operatividade de brigadas e motobombas,  hixienización dos vehículos e oficinas, así como protocolos específicos para as bases de helicópteros ou para a incorporación ao traballo do persoal.

Ademais, o Pladiga 2020 recolle e pon en valor o esforzo realizado polos axentes ambientais e bombeiros forestais do servizo durante a emerxencia sanitaria, levando a cabo máis de 7.000 desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus. As desinfeccións, que estes traballadores realizaron de maneira totalmente voluntaria, leváronse a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes.

P. Fanse probas a todo o persoal implicado na loita contra incendios? Con que frecuencia?

R. Están a realizarse probas estes días a todo o persoal. Ademais, respéctanse os protocolos sanitarios respecto diso, con medidas como a toma de temperatura ao comezo de cada xornada laboral a cada un dos traballadores do dispositivo, entre outras.

P. A adaptación da loita contra incendios en tempos de Covid-19 supón un gasto extra?

R. Os gastos derivados da dotación de medios, material de prevención e demais protocolos para a prevención do coronavirus enmárcanse nos orzamentos xerais da Xunta para amparar a todo o seu persoal fronte a esta continxencia.

"Todas as medidas adoptáronse en base a criterios técnicos sanitarios e en coordinación coas autoridades competentes do Servizo Galego de Saúde"

P. En base a que criterios, informes ou estudos se tomaron decisións excepcionais en relación coa Covid-19?

R. Todas as medidas adoptáronse en base a criterios técnicos sanitarios e en coordinación coas autoridades competentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

P. Estudos suxiren que a contaminación atmosférica pode aumentar o impacto da  Covid-19, e que os bombeiros forestais poden ser máis vulnerables debido á repetida exposición ao fume dos incendios forestais e ás partículas nese fume. Coñecen estes estudos? Tivéronse en conta?

R. Todos os protocolos e actuacións relacionados coa Covid-19 adoptáronse en coordinación cos expertos sanitarios, tendo en conta as súas recomendacións e demais formulacións. Ademais, os Equipos de Protección Individual ( EPI’s) cos que conta o noso persoal ofrecen unha adecuada protección para permitir o seu traballo en condicións de seguridade.

P. Témese unha tempada máis complicada neste contexto de pandemia?

R. A emerxencia sanitaria condicionou, en certa medida, os traballos preventivos. Por iso, incorporamos ao Pladiga 2020 un plan específico de prevención, actualmente activo, que contempla a actuación nunhas 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.

"Con este plan dáse resposta á situación xerada pola emerxencia sanitaria, que provocou certo atraso na realización de boa parte dos traballos de prevención"

Este plan preventivo supón un investimento de 30,5 millóns de euros e recolle, fundamentalmente, accións sobre o territorio, que se concretan en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte, incidindo sobre todo na defensa das vivendas fronte ao lume.

Con este plan dáse resposta á situación xerada pola emerxencia sanitaria, que provocou certo atraso na realización de boa parte dos traballos de prevención. Ademais, tamén supuxo unha retardación nos traballos de xestión da biomasa por parte de particulares, debido ao confinamento.

A pesar de que a abundancia da biomasa non é, por si soa, a causa fundamental dos incendios forestais, pois un informe dos nosos técnicos certifica que tres de cada catro incendios son intencionados, está claro que sempre é necesaria a prevención nos montes. Por iso dámoslle prioridade á prevención e por iso, tamén, ampliamos ata o 16 de xullo o prazo para limpar as franxas próximas ás vivendas.

P. Hai restricións especiais á poboación en xeral e aos agricultores e gandeiros, en particular, debido a este contexto?

R. As restricións impuxéronse durante a emerxencia sanitaria e foron debidamente comunicadas á poboación. A limitación da mobilidade das persoas (no noso caso, dos agricultores, gandeiros e  silvicultores) efectuouse de acordo co establecido polo Goberno central para as diversas fases de escalada e desescalada. Ese proceso completouse coa volta á normalidade, mantendo agora as precaucións marcadas polas autoridades sanitarias.

P. Contémplase algún tipo de medida, consellos ou calquera iniciativa para os cidadáns ou voluntarios que, motu proprio, e nestas circunstancias marcadas pola pandemia, acoden a apagar incendios?

"Desaconséllase á poboación actuar directamente fronte ao lume, polos riscos que isto xera. Para loitar contra os incendios están despregadas en Galicia unhas 7.000 persoas, apoiadas por uns 30 medios aéreos e 360 motobombas"

R. Coa entrada na tempada de alto risco de incendios, que abarca desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, prohíbese automaticamente o uso do lume en terreos forestais ou de influencia forestal. Así pois, quedan totalmente prohibidas as queimas de restos agrícolas ou forestais amontoados. Polo demais, desaconséllase á poboación actuar directamente fronte ao lume, polos riscos que isto xera. Para loitar contra os incendios están despregadas en Galicia unhas 7.000 persoas, apoiadas por uns 30 medios aéreos e 360 motobombas. Eles son os encargados das tarefas de vixilancia, disuasión, prevención e extinción. O que si se ten en conta é a colaboración de voluntarios á hora de informar sobre posibles lumes, así como para dar conta de potenciais actividades incendiarias. Isto último xestiónase a través dun teléfono de denuncias anónimas habilitado para o efecto, o 900 815 085.

Ademais, a cidadanía ten tamén á súa disposición o servizo gratuíto 085, ao que se debe de chamar no caso de detectar un incendio forestal.

P. No contexto da Covid-19, contémplanse protocolos de actuación novos en incendios en interace urbano-forestal nos que haxa vivendas e poboación comprometidas polos lumes?

R. Os protocolos implementados son os que se describiron antes. O operativo de loita contra os incendios está deseñado para responder as incidencias que se poidan presentar tanto en terreos propiamente forestais como nos de interface urbano-forestal aos que se fai referencia. De feito, a prioridade do dispositivo é sempre a de defender, en primeiro lugar, as persoas e os bens da ameaza do lume.

En todo caso o operativo de defensa do monte en lumes situación 2 intégrase no operativo coordinado por Protección Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta