As vítimas de Angrois lamentan a indiferenza dos políticos sete anos despois do accidente

"Transcorreron máis de 2.500 días, houbo catro gobernos e catro ministros de Fomento distintos e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a Unión Europea", indicaron nunha nota.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 lamentou este mércores, cando están a piques de cumprirse sete anos do accidente no que perderon a vida 80 persoas, o "ninguneo" dos gobernantes e institucións en España. "Primeiro foi o PP, con Rajoy á fronte, e os seus ministros: Ana Pastor, Íñigo de la Serna, Rafael Catalá; daquela o PSOE de Sánchez e o seu ministro Ábalos; e, por último, o vicepresidente Pablo Iglesias", manifestou nun comunicado.

Ao longo destes anos, engadiu, as vítimas e os seus familiares e amigos tiveron que ir a Europa "para ser tratados como verdadeiros cidadáns" e loitaron " moito para desmontar a verdade oficial".

"Transcorreron máis de 2.500 días, houbo catro gobernos e catro ministros de Fomento distintos e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a Unión Europea", indicaron na nota, na que criticaron que tampouco a houbo no xulgado.

As vítimas e a cidadanía merecen "saber toda a verdade", insistiron e argumentaron que "non investigar correctamente impide tomar as medidas adecuadas para evitar que feitos tan terribles poidan volver repetirse".

En canto ás responsabilidades penais, seguen imputados o exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista, Francisco José Garzón, pero a asociación considera que "existe responsabilidade penal por parte de Renfe", posto que tiña constancia por escrito dun aviso do un xefe de maquinistas sobre o perigo da curva. No ámbito político, "a comisión parlamentaria pechouse en falso, sen conclusións", criticou a plataforma, que reclamou a investigación técnica independente.

"É imprescindible que se depuren todas e cada unha das responsabilidades e que se esclareza toda a verdade", reiterou no comunicado, no que lembrou que un informe de 2016 da UE concluíu que o Goberno central "non cumpriu coa obrigación" de investigar o ocorrido e puxo de manifesto "a falta de independencia e a invalidez da investigación realizada" pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

OS ACTOS DE HOMENAXE

En vésperas do sétimo aniversario, as vítimas preparan un ano máis varios actos para lembrar ás vítimas. Deste xeito, este xoves ás 19,00 horas haberá unha asemblea e reunión informativa para asociados e afectados o Pazo do Faramello, en Rois.

O venres unha manifestación sairá ás 11,00 horas da estación de tren de Santiago e terminará na praza do Obradoiro, onde ao redor das 12,00 horas lerase un manifesto. Nesa mesma xornada, ás 18,00 horas, haberá unha misa na igrexa de Sar e ás 19,30 horas, unha concentración e acto de homenaxe en Angrois, no lugar no que descarrilou o Alvia.

O 25 de xullo, ás 12,00 horas haberá un encontro familiar tamén no Pazo do Faramello. O presidente da plataforma, Jesús Domínguez, destacou que os actos son similares aos doutros anos, pero aos mesmos acudirá "bastante menos xente" para tratar de evitar riscos sanitarios.

O 24 de xullo de 2013, o tren Alvia 04155, que saíu de Madrid e tiña como destino Ferrol, descarrilou na curva da Grandeira, en Angrois, a poucos quilómetros da estación de Santiago e morreron 80 persoas (aínda que as vítimas contabilizan 81) e sufriron feridas 144.

Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela). EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela). EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sete anos de cinismo político ! Pepe Blanco en directo SABE TODO da catástrofe de Angrois! https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Na Comisión de Investigación NON SABE NADA dos Sistemas de Seguridade! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw