Extinguido o incendio de Porto do Son tras arrasar 40,71 hectáreas e estabilizado o de Verín, con 144 hectáreas

No municipio de Riós continúa estabilizado un lume que afectou xa máis de 20 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/07/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O incendio que desde o martes afectaba o municipio coruñés de Porto do Son quedou extinguido ás 11,27 horas deste xoves, mentres que o de Verín permanece estabilizado desde as 12,49 horas.

Incendio en Porto do Son
Incendio en Porto do Son | Fonte: TVG.

Diso informou a Consellería do Medio Rural, que detalla que o lume de Porto do Son, declarado na parroquia de Nebra ás 16,51 horas do martes, afectou a unha superficie de 40,71 hectáreas de monte arborado. Nel traballaron un técnico, 22 axentes, 34 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e seis avións.

Pola súa banda, Medio Rural estima agora en 144 hectáreas a superficie afectada polo incendio de Verín, estabilizado desde as 12,49 horas deste xoves.

O lume afecta o mediodía do mércores á parroquia de Queirugás. Para as tarefas de control mobilizáronse ata o momento un técnico, seis axentes, 20 brigadas, once motobombas, dúas pas, dez helicópteros e nove avións.

Por último, no municipio veciño de Riós continúa estabilizado desde as 7,16 horas deste xoves un lume que comezou na parroquia de Castrelo de Cima cara ás 22,00 horas do mércores e que afectou xa a máis de 20 hectáreas, segundo as primeiras estimacións. Nos labores de extinción colaboraron ata agora cinco axentes, 10 brigadas, seis motobombas e unha pa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta