Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/07/2020 | Actualizada ás 16:57
O xuíz instrutor do caso Alvia, Andrés Lago, acordou requirir ao perito xudicial encargado do exame do material rodante que emita un novo informe en relación a distintos elementos do tren e á súa posible relación co sinistro de Angrois, así como que inclúa na súa análise un informe de Talgo sobre as probas de rodaxe e guiado do convoi, que non figuraba na causa ata este mes de xullo.
A petición de novas dilixencias, a instancias da defensa do maquinista e da plataforma de vítimas do sinistro, prodúcese despois das declaracións prestadas o pasado 10 de xullo por empregados e exempregados de Talgo.
Unha destas testemuñas, extraballador da compañía, remitiu no seu momento unha declaración xurada ao xulgado dicindo que fora testemuña do borrado de determinados datos de avarías e defectos que el mesmo apreciara previamente na inspección do tren.
Como consecuencia, foron citados a declarar tres traballadores de Talgo. Durante a vista, o extraballador ratificouse na súa denuncia e os tres empregados negaron o borrado aínda que, entre outros elementos, admitiron a existencia dun informe de Talgo relacionado cunha proba de rodaxe e guiado realizada ao tren accidentado uns días antes do sinistro, un documento que non fora incorporado previamente á causa.
Á vista destes datos, e tras a petición das partes, o xuíz pediu ao perito que realizou a análise do material rodante que o amplíe no relativo aos "defectos" narrados polo extraballador e, máis concretamente, que estime se estes puideron ter algún tipo de "incidencia" no sinistro ocorrido o Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013, que causou a morte a 80 persoas. A maiores, pide que se incorpore a este informe o documento de Talgo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.