Piden que a Fiscalía investigue a Adif por dano ambiental tras botar un vagón ao Sil

Adega denuncia que hai imaxes que certifican que se actuou de xeito premeditado. A Xunta solicita por carta a Ábalos e Ribera medidas que eviten danos ambientais no río Sil e Ciudadanos que se depuren responsabilidades.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 05/08/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

ADEGA vén de instar ao Ministerio Fiscal a que abra a oportuna investigación contra a entidade pública empresarial ADIF por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN
Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN

Así, a entidade ecoloxista solicita á Fiscalía de Medio Ambiente que determine se existe delito ambiental nos feitos transcorridos o pasado día 2 de agosto, cando aparentemente operarios da administradora de infraestruturas ferroviarias empurraron ladeira abaixo e sobre a bacía do río Sil dous dos vagóns do tren de mercadorías que descarrilou o pasado 28 de xullo na liña Monforte-Ponferrada, á altura de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). 

Os ecoloxistas din que hai imaxes --xa publicadas por GC-- nas que se ve coma un dos vagóns descarrilados "semella ser empurrado ladeira abaixo por unha máquina escavadora acabando este deitado literalmente sobre o leito do Sil, mentres que outro vagón aparece xa emborcado e suspendido na ladeira".

"Desde ADEGA destacamos que os feitos denunciados contraveñen todo marco normativo vixente en materia ambiental, de residuos, ou de planificación hidrolóxica e de protección de augas, pois o depósito de refugallos sobre os leitos fluviais, a contaminación dos ríos ou actuacións que impliquen a súa degradación están totalmente prohibidas", apunta nun comunicado.

Ademais, lembra que calquera actuación en dominio público hidráulico debe contar con autorización previa do organismo de bacía e doutros organismos con competencias no espazo, especialmente, tratándose de actuacións de elevado risco para a seguridade das persoas e do medio ambiente ou con impactos potencialmente graves sobre os ecosistemas acuáticos e fluviais. "Porén, semella que a empresa pública se saltou todo marco regulador e procedemento administrativo legal para proceder “polas bravas”, de xeito improvisado e sen medir as consecuencias sobre a contorna", engade.

CONSECUENCIAS

Adega destaca que o depósito e emborcado do vagón sobre o leito do río Sil podería ter producido impactos ambientais importantes e de diversa índole. Así, indica que a infraestrutura de grande tonelaxe vertida ao río está composta por metais de diverso tipo e, incluso podería conter materiais ou substancias que son moi perigosas para o ecosistema acuático, como é o amianto.

Unha escavadora fronte ao vagón que se precipitou ao río Sil
Unha escavadora fronte ao vagón que se precipitou ao río Sil | Fonte: Youtube

"Ademais de converterse nun elemento que altera a morfoloxía do leito e a dinámica natural do río, podería constituír un elevado risco para a seguridade das persoas e das infraestruturas que se atopen río abaixo", apunta. Tamén suliña que o propio impacto da máquina contra a ladeira e o fondo do río non só terían enlodado as augas, senón que podería ter esnaquizado parte do comboio en grandes e pequenas pezas que acabarán no fondo do río ou que, coa forza da auga, poderán discorrer río abaixo, arrastrando os sedimentos e con consecuencias impredicíbeis.

Ademais, aínda que o vagón non levase carga, tal e como afirma ADIF, os aceites, hidrocarburos e líquidos lubricantes empregados nas engrenaxes e rodamentos da máquina poden contaminar as augas fluviais, afectando  á fauna e flora da contorna e, mesmo, poñendo en risco a saúde pública.

XUNTA

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu senllas cartas aos ministros de Transportes, José Luís Ábalos, e para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nas que pide que se tomen as medidas "oportunas" para evitar que este feito dane o patrimonio natural da contorna.

O departamento da Xunta indica na misiva, remitida este mércores, que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación da existencia dunhas imaxes nas que uns operarios arroxan uns vagóns ao río desde a liña ferroviaria onde un tren de mercadorías descarrilou o pasado 28 de xullo.

O vídeo, continúa a carta dirixida ao ministro Ábalos, recolle "o que parece unha conduta totalmente inadmisible" e da que a Xunta non tiña coñecemento. "Arroxar de forma voluntaria vagóns ferroviarios a unha canle fluvial supón un ataque ao patrimonio natural, á biodiversidade e á paisaxe da zona", advirte a Xunta, que reclama ao ministerio de Transportes que, como responsable de Adif, clarifique "oportunamente" os feitos.

CIUDADANOS

"É unha barbaridade que Adif consinta e autorice tirar uns vagóns ao Sil". Así o asegurou este mércores a portavoz de Cs Galicia, Beatriz Pino, en relación a este feito.  A responsable da formación liberal pediu que se investigue o sucedido e se depuren todas as responsabilidades. "Hai que investigar se o Goberno de Sánchez era consciente desta acción e se este tipo de actuacións forman parte da súa política ambiental", indica nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta