O Parlamento separará con biombos aos 75 deputados

Todos os parlamentarios do XI Lexislatura xa presentaron as súas credenciais e este venres prometerán ou xurarán os seus cargos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

A sesión constitutiva do novo Parlamento galego para o XI Lexislatura deixará unha imaxe inédita no Pazo do Hórreo. Non haberá convidados na tribuna do hemiciclo, que deixará unha imaxe de 75 deputados con máscara separados polos biombos que se instalaron e que separarán os escanos, polo menos polo momento, debido á crise sanitaria derivada do covid-19.

Así, a fotografía do venres espérase sen os habituais 'círculos' que deixan unha imaxe festiva nos corredores do que outrora foi edificio militar. Tampouco se agardan os bicos e abrazos entre asistentes e familiares que acoden, nalgúns casos por primeira vez, a este acto de constitución e toma de posesión do cargo.

Neste escenario, a imaxe da tribuna quedará baleira, xa que non se permitirán convidados nela e, por tanto, tampouco estarán cargos doutras institucións ou exparlamentarios, parte da postal 'tradicional' da constitución da Cámara, que naceu en 1981 no Pazo de Xelmírez.

A estampa dentro do Pazo do Hórreo é agora a dun hemiciclo con biombos, o cal tamén dificultará os habituais comentarios entre os deputados, un contacto directo que, máis que nunca, terá que ser substituído polas novas tecnoloxías.

Será difícil, pois, observar unha trasfega de papeis ou notas entre os escanos, inclusive, algunhas chegadas a través dos uxieres desde fóra do hemiciclo. E haberá que ver como se resolven actuacións dos deputados como o é o dereito de achegar documentación ante a Presidencia da Cámara durante os plenos, unha das cuestións que se irá resolvendo coa posta en marcha da lexislatura.

XA ACREDITADOS

Doutra banda, fontes parlamentarias confirmaron a Europa Press que os 75 deputados do XI Lexislatura --42 do PPdeG, 19 do BNG e 14 do PSdeG-- xa formalizaron as súas credenciais como deputados da Cámara galega, un trámite que deron por concluído con dous días de marxe antes da constitución do novo hemiciclo galego.

Así as cousas, ás 11,00 horas do venres arrincará este inédito na súa imaxe pleno para constituír a próxima cámara coa configuración da mesa de idade, que se fará por chamamento do letrado oficial maior. A elección dos membros do órgano reitor da cámara estará presidida polo deputado do BNG Xosé Luís 'Mini' Rivas, asistido polos seus compañeiros de filas máis novos: Daniel Castro (número dous por Lugo, nacido en 1996) e Paulo Ríos 'Kai', secretario xeral de Galiza Nova (número 6 por Pontevedra, nacido en 1993).

Falta por despexar a incógnita de quen ocupará a presidencia e a vicepresidencia e secretaría primeiras, cargos que lle corresponden ao PPdeG e que polo momento non transcenderon quen serán desde a contorna do presidente Alberto Núñez Feijóo. Os dous outros postos da Mesa, que ocupará a oposición, serán a vicepresidencia segunda, na que se situará Montse Prado (BNG), e a vicesecretaría segunda, posto que se prevé para Marina Ortega a proposta do PSdeG.

Biombos do Parlamento de Galicia situadas para separar os escanos dos deputados no hemiciclo galego no XI Lexislatura. PARLAMENTO DE GALICIA
Biombos do Parlamento de Galicia situadas para separar os escanos dos deputados no hemiciclo galego no XI Lexislatura. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta