Gonzalo Caballero seguirá como portavoz do PSdeG na Cámara

Os socialistas estruturan o seu grupo para "traballar por Galicia" na lexislatura da reconstrución.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2020 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, continuará como portavoz Grupo Parlamentario Socialista, do que os deputados Pablo Arangüena, Paloma Castro e Luís Álvarez serán portavoces adxuntos na próxima lexislatura.

Imaxe do Grupo Parlamentario do PSdeG no Pazo do Hórreo
Imaxe do Grupo Parlamentario do PSdeG no Pazo do Hórreo | Fonte: PSdeG.

O PSdeG estruturou as seus portavocías para "traballar por Galicia" na que consideran que ten que ser a "lexislatura da reconstrución económica e social" debido á crise derivada da pandemia da COVID-19.

O líder dos socialistas galegos intervirá nas sesións de control ao presidente da Xunta e participará nos debates do estado da autonomía para combinar o seu labor parlamentario con visitas ao territorio e reunións con distintos colectivos. "Estaremos coa xente para impulsar a saída da crise", indican.

Así mesmo, os socialistas avanzan unha oposición "leal con Galicia e contundente na defensa do benestar dos galegos para que ninguén quede atrás". Con este obxectivo, prestarán especial atención aos ámbitos social, económico e sanitario e repetirá as áreas atendendo ao perfil de cada deputado.

REPARTICIÓN DE ÁREAS

Deste xeito, de Política Social farase cargo Marina Ortega, psicóloga de profesión, foi edil de servizos sociais no Carballiño (Ourense) e actualmente exerce como vicesecretaria da Mesa do Parlamento e secretaria de Política Social do PSdeG.

Pola súa banda, o verinés Juan Carlos Freancisco Rivera asumirá a área de Economía, Consumo e Facenda, xunto á de Vivenda e Ordenación do Territorio. Ademais, o arousán Julio Torrado repetirá á fronte da portavocía de Sanidade, que compaxinará tamén as cuestións relativas ao marisqueo na comisión de pesca.

Compartirán espazos de traballo coa avogada laboralista Carmen Rodríguez Dacosta, que se encargará de Emprego; co enxeñeiro industrial Martín Seco, á fronte de Industria; con Paloma Castro, portavoz de I+D; Leticia Gallego, responsable de Comercio e Turismo; e Patricia Otero, con Infraestruturas e Transportes.

En paralelo, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, farase cargo de Medio Ambiente e do relativo á Administración autonómica e á política exterior; mentres que a avogada Paloma Castro, secretaria de Xustiza do PSdeG, asumirá Interior, Xustiza e Mocidade.

Pola súa banda, Luís Álvarez, secretario de Educación na executiva socialista e docente de profesión, volverá levar a portavocía de Educación, que compaxinará con Función Pública.

O ámbito da Igualdade recaerá na compostelá Noa Díaz, xornalista que tamén traballará en Cultura, Lingua e Universidade; e a viguesa Isaura Abelairas farase cargo de LGTB, Voluntariado, Cooperación e Emigración. Pola súa banda, Begoña Rodríguez Rumbo, economista, levará os orzamentos e a área de Administración local.

Ademais, os sectores primarios terán como cabezas visibles a Martín Seco, que será portavoz de Agricultura e Forestal; a Carmen Rodríguez Dacosta, con Gandaría; e á mariñá Patricia Otero á fronte de Pesca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta