A verdade do rastrexo da COVID en Galicia, está vendendo a Xunta os nosos datos médicos?

Os sanitarios alertan da posible venda ou acceso aos nosos datos sanitarios por parte de empresas privadas. Sanidade non responde quen e como fará os rastrexos da COVID, só di que se está formando xente para isto e que o número de rastreadores é “suficiente”.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O último informe do Instituto de Salud Carlos III indicaba que a nosa comunidade ten o maior número de casos por COVID sen contacto coñecido. Sería necesario saber quen son os contactos máis próximos á persoa infectada para “illar” o círculo de posibles infeccións. Isto pódese facer mediante un rastrexo deses posibles casos usando os datos sanitarios que figuran no sistema IANUS do SERGAS. A pregunta é, van acceder empresas privadas aos nosos historiais clínicos para facer negocio?

Axuntando vantaxes da PCR e do test rápidos, RAP-IDE19 pretende aumentar a fiabilidade dos diagnósticos de COVID-19. /. FERNANDO ZHIMINAICELA/UCC-UCM - Arquivo
Axuntando vantaxes da PCR e do test rápidos, RAP-IDE19 pretende aumentar a fiabilidade dos diagnósticos de COVID-19. /. FERNANDO ZHIMINAICELA/UCC-UCM - Arquivo

RASTREADORES

“Un rastrexador ou rastreadora é unha persoa que busca os contactos dun positivo por COVID-19” di Manuel Martín da Plataforma SOS  Sanidade Pública de Galicia (PSPG). “Buscan quen pode estar contaxiado para illalo”. Quen fará isto? A idea perfilada polo de agora desde sindicatos e profesionais médicos, é a creación dun grupo de seguemento telemático. Unha serie de chamadas para coñecer os síntomas e quen estivo ao pé da persoa contaxiada para iniciar o proceso de illamento.

E quen serán os “rastreadores”? De momento, segundo as forzas sindicais e a PSPG, a Consellería de Sanidade non ofreceu datos sobre quen e como actuarán nesta tarefa. E aquí é onde está o risco para os defensores da sanidade pública. “Esta é unha actividade que precisa de formación e adestramento para detectar os contactos de risco” di Manuel Martín. Outra cuestión é que desde SOS Sanidade Pública tamén se denuncia “a falta de persoal que podería estar dispoñíble en Galicia, mais que marchou por culpa dunhas condicións laborais pésimas, de case escravitude, con 100 ou 200 contratos por ano”.

Esa formación e adestramento xa figuran entre o persoal que conforma as listas de contratación do SERGAS. “Son profesionais de todas as categorías moitísimo mellor preparados e formados e dispostos a traballar” destaca Javier Martínez de UGT. E por que non se chama á xente de listas de contratación? “O SERGAS di que concertou este traballo cunha empresa de teleoperadores, que lles deron formación específica mais non din que empresa nin que formación” denuncia María Xosé Abuín da CIG. Todos os sindicatos e defensores da sanidade pública coinciden en definir como “escurantista” a actitude do departamento de Vázquez Almuíña.

Telemárketing, o método de rastrexo para a COVID
Telemárketing, o método de rastrexo para a COVID | Fonte: Facebook

Ante a insistencia das formacións sindicais sobre quen levaría a contratación para o “rastrexo” da COVID, Javier González de CC.OO, di que durante as reunións co departamento de Sanidade Pública, dependente da Consellería de Sanidade, a resposta foi “que non estaban obrigados a contestar porque ademais esa non era a nosa área” en referencia a que o departamento de Sanidade Pública non tiña competencias sobre as contratacións de “rastreadores”. O único, que aos teleoperadores se lles daría unha batería de preguntas para buscar casos, mais do nome da empresa “nin palabra”.

Aínda así, o mesmo Alberto Núñez Feijóo sinalaba que a Xunta e o sistema sanitario galego estaba preparado e contaba con 6.000 rastreadores. “Sabemos que dentro desas cifras inclúen médicos de atención primaria” sinala Javier González. SOS Sanidade pública denunciaba que moitos dos profesionais “nin saben” que son rastreadores, porque non foron avisados, nin teñen a formación para selo. Por outra parte, postos en contacto coa Consellería de Sanidade, preguntóuselle se habería contactos coas empresas Tragsa ou Ferrovial como posibles contratistas do “rastrexo”. A resposta foi que non existe relación algunha con ditas empresas. En Cataluña Ferrovial ía levar as tarefas de rastrexo, o que creou unha forte polémica social.

NEGOCIO CON DATOS SANITARIOS?

O SERGAS garda os nosos datos sanitarios dentro da plataforma IANUS. A cuestión é que quen exerza o labor de rastrexo terá acceso ás historias clínicas, total ou parcialmente. En caso de ser unha empresa privada a que faga a busca de positivos en COVID, ata que punto accederá aos nosos historiais? E que fará con todos eses datos?

“O que dixeron sobre o acceso ao IANUS foi que habería confidencialidade absoluta, nada máis” di María Xosé Abuín. “Despois de insistirlles, o SERGAS acabaou dicindo que se crearía unha "alarma”. A creación da “alarma” foi unha resposta do servizo público de saúde logo de que se lle preguntase se crearía unha carpeta exterior (só os datos imprescindibles do paciente para facer o seguemento) ou habería acceso a todos os datos do historial médico.

A polémica vén de que en caso de contaxio por COVID, os datos ían aos rastreadores directamente. Así, unha empresa privada podería quedar cos historiais médicos. “Desde Atención Primaria denunciaban a total descoordinación dentro do mesmo SERGAS” di Abuín. A creación da “alarma” servirá para alertar ao médico de Atención Primaria antes que os rastreadores. Con anterioridade a esta decisión  “o teu médico de primaria non sabía se tiñas o coronavirus ou non, de non ser que o chamaras ti”.

SEN ACLARACIÓN  POR PARTE DA CONSELLERÍA

A insistencia dos profesionais da sanidade é que deben ser eles ou persoas formadas que están dentro das listas de contratación, quen deben realizar eses traballos de seguemento. Durante os contactos de Galicia Confidencial coa Consellería de Sanidade, sinalouse que “o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade dispoñen de  protocolos nos que se contempla a detección e seguimento de casos COVID así como de contactos estreitos”.

Ditos protocolos “pivotan na xestión de todos os procesos e subprocesos que implica a enquisa de casos e contactos, o seu censo e seguimento”. Os pasos serían que “Saúde Pública e as xefaturas territoriais establecen as políticas de detección e seguemento”. Os médicos de familia “realizan a detección e seguimento dos casos”. Medicina preventiva “realiza a detección e seguimento dos casos e contactos a nivel hospitalario así como nos profesionais do SERGAS, colaborando ademais coas xefaturas territoriais na xestión dos brotes”.

Haberá unha Central de Seguemento de Contactos. “Para iso formouse a todos os integrantes do equipo técnico, establecéndose os contidos e docentes por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública e as xefaturas territoriais”. Para os médicos de familia desenvolvéronse diversos protocolos que “explicitan o procedemento para a detección de casos, o seu seguimento e coordinación co resto de axentes así como diversas sesións clínicas impartidas por expertos”.

De momento segue sen saberse se haberá unha empresa privada levando o “rastrexo” da COVID con acceso a datos sanitarios confidenciais ou, se pola contra, persoal das listas de contratación do SERGAS realizará este traballo.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nun acto no Hospital Álvaro Cunqueiro.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nun acto no Hospital Álvaro Cunqueiro.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta