Un estudo profesional de Santiago reconvértese en "sala de concertos en liña" para tempos de COVID

A Ponte dos Concertos escapa do HD e os pixels e aposta por unha gravación en alta calidade para público esixente que bota de menos a música en directo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2020 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

"Durante a pandemia ocorréuseme a idea e empecei a currar no estudo. Fíxeno desde a miña páxina web, para non ter que contar con Youtube nin con pasarelas de pago... Quería unha plataforma única". Así explica Tomás Ageitos a creación da Ponte dos Concertos, unha especie de "sala de concertos en liña" para tempos da COVID-19.

Con este proxecto, Ageitos ofrece ao artista, nun mesmo paquete, a gravación nun estudo profesional, reprodución en streaming, pasarela de pago e ata un chat para interactuar co público.

Nun momento no que proliferaron os directos por streaming de maneira gratuíta, este ribeirense lanzouse cun proxecto de pago que reivindica a calidade tanto no relativo ao son como na imaxe. O seu obxectivo: o público máis esixente.

Todo xorde desde A Ponte, o estudo profesional de gravación que lidera en Santiago desde hai 10 anos, nunha casa do século XIX restaurada cunha acústica "moi aberta". Alí, todos os equipos son analóxicos e prima a calidade, segundo explica o seu promotor, que entre outras dedicacións tamén é técnico de son de artistas como Xabier Díaz.

"TOQUE DIFERENCIADOR"

Conta que cando se lle ocorreu "a idea dos vídeos", durante o confinamento, empezou con sistemas dixitais, pero ao terceiro ou cuarto pasouse ao analóxico e agora é o único sistema que utiliza, para dar "un toque diferenciador" aos concertos que escape do HD e os pixels imperantes por redes sociais.

"O que ofrezo é unha sala de concertos en liña, todo nun paquete xunto. O artista ten unha chea de servizos xuntos, o son nun estudo profesional con audio analóxico, vídeo analóxico con cámaras Betacam que proporcionan un ton máis cálido, reprodución en streaming, pasarela propia de pago e un chat interactivo onde o grupo pode interactuar co público", expón.

O primeiro concerto en liña foi o de Paco Nogueiras o 16 de maio. E xa van 10: desde Fernando Barroso ata Chamaquito Pistolas, pasando por Susana Seivane (por duplicado), Margarita Mariño, Udra, Candorka Trío, Bravo & Morales Dúo e Miguel Lamas Quartet.

Estudo de gravación A Ponche, reconvertido en sala de concertos en liña, en Santiago. A PONCHE - Arquivo
Estudo de gravación A Ponche, reconvertido en sala de concertos en liña, en Santiago. A PONCHE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta