Detidos dous veciños de Vilagarcía aos que se interviñeron máis de 2 quilos de cocaína nun control de estrada

Ao inspeccionar o interior do coche, os axentes localizaron dous paquetes que contiñan 2,2 quilogramos de cocaína. Os dous homes detidos teñen un amplo historial delituoso.

Por E.P. | VIGO | 03/09/2020 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

Axentes da Garda Civil detiveron a dous veciños de Vilagarcía de Arousa, de 67 e 40 anos de idade, como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas, tras ser sorprendidos transportando máis de 2 quilos de cocaína nun vehículo.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a detención produciuse na noite do pasado martes, durante un control de estrada realizado por unha patrulla de Seguridade Cidadá na localidade de Caldas de Reis.

Cando os axentes se dispuxeron a inspeccionar o interior dun coche ao que deran o alto, localizaron dous paquetes con envoltorios de plástico, que contiñan un total de 2,2 quilogramos de cocaína.

O EDOA, Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Policía Xudicial, fíxose cargo da investigación e, ademais das detencións destes dous homes (ambos cun amplo historial de antecedentes policiais), practicáronse senllos rexistros nos seus domicilios.

Os detidos, xunto coa droga e as dilixencias practicadas serán postos este xoves a disposición do xulgado de instrución número 1 de Caldas de Reis.

Nota De Prensa. GARDA CIVIL
Nota De Prensa. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta