Chipre, Europa, a Troika (e unha reflexión sobre a soberanía)

Confeso que a miña primeira reacción diante da situación creada en Chipre e en toda a Unión Europea foi a de culpar do guiso aos responsables políticos europeos, nomeadamente aos teutóns, e á Troika no seu conxunto. Pasado o tempo, coñecidos mellor os pormenores, véxome na obriga de botar man do trasacordo e de matizar, polo menos en parte, esa primeira impresión.

Por Manuel González L. | Compostela | 26/03/2013

Comparte esta noticia
Deixando a un lado o papel xeoestratéxico de Chipre, que sen dúbida estará a xogar un papel nada irrelevante, se observamos a evolución da economía do pequeno Estado nos últimos lustros vemos como na súa aposta (soberana) por converterse no que a wikipedia chama un “hub” financeiro de orde internacional, o sector bancario chegou a medrar até acadar unha dimensión catro veces superior ao PIB do país. Iso no que se refire aos depósitos pois se o medimos polos activos cos que contan os bancos chipriotas a cifra alcanza sete veces o seu PIB (no caso Español os activos suman tres veces o PIB). Isto foi posible debido en gran medida á atracción de aforro, sobre todo de orixe Ruso logo das privatizacións dos 90, que chegaron á illa atraídas por unhas remuneracións máis elevadas do habitual e a un réxime fiscal moi favorable. Constitúe un dato moi ilustrativo que o 43% do aforro chipriota procede de depósitos superiores aos 500.000 €, practicamente todos de orixe ruso. Chipre converteuse nun paraíso fiscal (e turístico) para as grandes fortunas rusas e a afluencia de diñeiro provocou unha burbulla semellante á experimentada noutros lugares de Europa pero sostida con aforro de dubidosa orixe. Cabe preguntarse por que a UEM permitiu a entrada dun paraíso fiscal encuberto no euro en 2008, primixenio grande erro europeo desta crise. 
 
Certo é que os problemas para a banca chipriota agraváronse de forma definitiva coa quita grega en 2011 e que “pillou” aos dous grandes bancos chipriotas, que representan o 90% do sistema financeiro, con máis de 20.000 millóns de euros de débeda helena. Máis esta só foi a gota que colmou o vaso dun sector hipertrofiado xa ao borde da insolvencia produto da crise financeira internacional, da burbulla inmobiliaria e da recesión económica. Naquel momento o goberno de Chipre tomou unha decisión (soberana) nada inocente en termos políticos que foi a de asinar un crédito de 2.500 millóns co goberno ruso, para evitar as condicións dun rescate europeo. Sen embargo, a dimensión do buraco financeiro da banca chipriota unido ao crecemento da débeda pública do propio país fixo necesario negociar finalmente un préstamo que evitara a bancarrota, non só do sistema financeiro senón tamén do propio Estado. A solución final foi a que todos coñecemos uns días atrás cando se acordou un rescate duns 15.800 millóns de Euros, unha cifra semellante ao PIB do país e inédita por tanto até ese momento, no que se instaba ao goberno chipriota a aportar 5.800 millóns. O que sabemos neste momento é que o Eurogrupo, o BCE e o FMI instaron a conseguir ese montante pola vía da suba do imposto de sociedades (do 10% ao 12,5%!) e cun imposto aos depósitos bancarios. Pero se ben non estaba claro ao principio, todo indica agora que foi o goberno chipriota quen decidiu gravar non só aos depósitos máis grandes senón tamén aos de menos de 100.000 €, para non castigar así case en exclusiva ao aforro ruso (quizais co obxectivo un tanto ilusorio de evitar unha saída masiva de capitais, agora xa descontada). Aquí atopamos o segundo grave erro dos gobernantes europeos que non foi outro que permitir que se tocaran os depósitos “sagrados” inferiores a 100.000 €. 
 
No momento de redactar estas liñas descoñécese cales van ser as condicións do rescate chipriota, mesmo se fala do abandono da moeda única por parte da illa, extremo para nós bastante pouco realista pola tremenda inestabilidade á que daría lugar, isto a pesares do escaso recorrido histórico do euro na illa. Todo parece indicar que finalmente Chipre terá que aceptar un duro rescate se ben afectando unicamente aos depósitos de máis de 100.000 €. Sería esta, por certo, unha solución con similitudes a que se dera en Islandia no seu momento, cando deixou caer os seus bancos pero garantiu os depósitos nacionais, mentres se negaba a atender os que cidadáns estranxeiros mantiñan en ditos bancos (moitos deles de pequenos aforradores Británicos e Holandeses e non de magnates rusos, por certo).  
 
Rematamos, e facémolo cunha coda sobre un tema de interese nos últimos tempos en Europa e tamén en Galicia. Refírome á soberanía popular e ás limitacións, ás veces negación, á que se ve exposta pola acción dos mercados ou de instancias de discutible fasquía democrática. Non serei eu quen negue a influencia antidemocrática que exerceron e exercen os poderes financeiros, particularmente dende os anos 80, sobre os destinos de numerosos países. Unha das grandes leccións aprendidas desta crise é xustamente a necesidade de limitar dita influencia mediante unha maior presenza e regulación pública e democrática do funcionamento dos mercados. Pero tamén é certo que, dende o estoupido da crise da UEM, sóese aplicar de forma mecánica o diagnóstico anterior ao papel que xogan a UE (o Eurogrupo) en compaña dos outros membros da chamada troika. Afírmase que soberanía do pobo (nominalmente dos Estados rescatados) é violada e laminada polos poderes europeos, aos que se lle presupón actuar unicamente como correas de transmisión dos poderes financeiros. Dende o meu punto de vista, existe un certo simplismo nesta análise e o caso chipriota vén a poñelo de manifesto. Foi unha decisión soberana do pobo Chipriota (dos seus gobernantes democraticamente elixidos) converterse nun paraíso fiscal e foino tamén a de gravar aos depósitos de menos de 100.000 € para tratar de manter un moi criticable modelo financeiro. Foi responsabilidade da Unión Europea permitilo e mirar para outro lado (non sería o contrario violar a soberanía chipriota?). Que non sirva isto para xustificar ou aprobar as políticas que se están levando a cabo en Europa para saír da crise, nin os enormes déficits democráticos da Unión Europea, pero coido que é necesario fuxir de análises e xuízos grosos. Ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.