As Pontes podería comezar a queimar o combustible "que máis contribúe ó cambio climático" do mundo

Ecoloxistas piden o peche de central o que consideran un paso para "eternizarse" con enerxías "sucias e contaminantes".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

Novo paso adiante das centrais térmicas nun momento clave para o sector enerxético galego. Co futuro de Meirama aínda do aire logo do peche polas regulacións europeas, o maior punto de contaminación de Galicia -a central térmica das Pontes- estaría a iniciar probas para "eternizarse" na queima de materiais "contaminantes".

Concentración ante a térmica das Pontes. EUROPA PRESS - Arquivo
Concentración ante a térmica das Pontes. EUROPA PRESS - Arquivo

Esa é a denuncia realizada pola plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, que critica que a central coruñesa estea a lanzar unha tentativa para empregar residuos orgánicos mesturados con carbón. A plataforma ve nestas probas un intento de continuar empregando "enerxías suciais", en particular unha mestura que caracterizan como "o combustible fósil que máis contribúe ao cambio climático".

O obxectivo da planta, que nos últimos meses presentou o seu peche formal, é explorar a viabiliade económica desta modalidade, que contrastaría coa queima exclusiva de carbón que se vén realizando ata o momento. A formación ecoloxistas rexeita os pasos da central e afea ó Goberno estatal que "alente novas formas de enerxía sucia" no canto de "centrarse en tramitar a solicitude de peche da central de carbón das Pontes". Porén, e segundo recoñecen dende a propia asociación, o plan para a queima deste novo combustible "está a recibir o apoio das institucións galegas e dos principais partidos políticos e sindicatos", unha circunstancia que dificultaría o seu peche a curto prazo.

"OPACIDADE" E "ENGANO"

No tocante ás probas de queima conxunta, e sempre segundo informa a asociación, está previsto que dean comezo de xeito "inminente" e no prazo deste mes. "As primeiras probas realizáronse en 2019, con grande opacidade sobre as súas características e resultados", subliñan dende a plataforma, que puntualiza que as probas se nutrirán de carbón importado de Kazaxistán e con residuos orgánicos xerados no tratamento de augas residuais en depuradoras galegas e do resto do Estado. Fronte á "falta de transparencia" vivida nas probas anteriores, esixen que os resultados destes tests se fagan públicos.

"A queima dunha mestura de carbón e residuos orgánicos (denominados enganosamente 'biocombustibles') alongaría o uso do carbón e aumentaría a incineración de residuos", destacan nun comunicado no que fan fincapé nas consecuencias para o entorno desta produción. "A co-combustión de carbón e residuos nada ten a ver nin coa transición enerxética nin coa economía circular. É simplemente un intento desesperado de atrasar a inevitable fin do carbón, o combustible fósil máis contaminante e prexudicial para o clima". Ante estas circunstancias, defenden que "presentar a queima de carbón e de residuos como “un paradigma de sustentabilidade” é un insulto á intelixencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta