Inicio escolar: directores de institutos galegos únense para reclamar á Xunta que aprace o inicio do curso en Secundaria

Sindicatos reclaman "máis persoal e menos cociente" e cargan contra os servizos mínimos. As Anpas responsabilizan á Consellería da "descoordinación" dos centros e atacan a súa "irresponsabilidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A problemática de adaptación á normativa levou a directores de institutos de varios puntos de Galicia a unirse para reclamar conxuntamente á Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se aprace o inicio do curso ata poder cumprir coas medidas de seguridade ante a COVID-19 e garantir a seguridade no arranque da actividade.

Protesta ante Educación en San Caetano, coincidindo coa xornada de folga no regreso ás aulas
Protesta ante Educación en San Caetano, coincidindo coa xornada de folga no regreso ás aulas | Fonte: Europa Press

Os primeiros foron oito institutos de Santiago de Compostela: o IES Antón Fraguas, o IES Eduardo Pondal, as Lamas de Abade, A Pontepedriña, Rosalía de Castro, Sar, Xelmírez I e Xelmírez II, que subscribiron un escrito conxunto ante as incertezas da situación e a imposibilidade de organizar os horarios, asignar espazos ou adaptalos ás distancias mínimas entre alumnos.

Os centros advirten de que este atraso podería estenderse ata o 23, 24 ou 25 de setembro, posto que necesitan un mínimo de sete días lectivos para poder sacar adiante esta adaptación e aínda están á espera de coñecer as vacantes e modificacións horarias. O escrito está dirixido ao xefe territorial da Coruña.

Posteriormente, outros 18 institutos de ensino secundario e formación profesional de Pontevedra subscribiron a iniciativa dos seus homólogos na capital galega, cun texto dirixido á Xefatura Territorial desta provincia, ao non ter coñecemento da cota de profesores nin recursos humanos dispoñibles para poder realizar a organización de grupos.

En concreto, foron o CIFP Carlos Oroza, EPAPU Río Lérez, IES Frei Martín Sarmiento, o Luís Seoane, de Meaño, Montecelo, Monte da Vila, Sánchez Cantón, Torrente Ballester, Valle Inclán, Xunqueira I, Xunqueira II, Pontecaldelas, Poio, CHa do Monte, Basella, Vilalonga e Faro dás Lúas.

SINDICATOS

Uns 200 delegados sindicais de CIG, CC.OO. e CUT concentráronse ante a Consellería de Educación no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, para demandar "máis persoal e menos cociente" no regreso ás aulas, coincidindo cunha xornada de folga para a que a Xunta decretou uns servizos mínimos que ven "unha aberración".

En declaracións aos xornalistas, o portavoz da CIG, Suso Bermello, reivindicou a "dignidade" dos docentes e a súa intención de "protexer" aos alumnos, motivo polo que, segundo subliñou, "non están dispostos a ser cómplices da irresponsabilidade" que atribúe ao Goberno galego nesta volta ao colexio.

Ademais de lamentar a "improvisación" da consellería, co seu novo titular á fronte, Román Rodríguez, afirmou que o que non hai é "investimento" para "desdobrar" as aulas nin para incrementar o persoal. Así mesmo, denunciou "discriminación" pois o protocolo establece a necesidade de garantir unha distancia de seguridade de metro e media en secundaria, bacharelato e formación profesional, pero non así en primaria, educación infantil e especial, o cal ve "impresentable".

INCIDENCIAS EN MEIS E A CORUÑA

Ante representantes sindicais que portaban carteis reclamando "menos sentidiño e máis recursiños", Bermello sinalou ao caso "paradigmático" de Meis, onde, segundo dixo, Educación quere transmitir unha "imaxe de normalidade" e por iso chamou a un profesional para que se fixese cargo do colexio xa que o equipo directivo estaba en corentena.

Respecto diso, chamou a atención sobre a "rebeldía" das familias que "se negaron hoxe a levar aos seus fillos", así como o "rexeitamento" do profesorado, e citou incidencias noutros centros como o José Cornide da Coruña.

Mentres, por parte de CC.OO., Luz López coincidiu en que os servizos mínimos "impiden participar" na folga e incidiu en que é preciso "máis persoal", tamén no relativo aos labores de limpeza dos centros. Sobre os grupos de convivencia estable, asegurou que son "un engano", pois esta idea "rompe ao saír do colexio" e entrar en contacto os nenos con outras persoas. Tamén Bermello criticou que é "un concepto inventado".

A CORUÑA E VIGO

Na Coruña, a concentración convocada polas organizacións sindicais con motivo da folga no ensino e ante o inicio do curso congregou a un centenar de persoas ante o edificio administrativo da Xunta, en Monelos, para esixir "ensino presencial" e con "seguridade". Os participantes tamén reclamaron "máis profesorado e menos cociente".

Profesores participantes na protesta denunciaron "improvisación, incerteza e falta de recursos" no inicio do curso. Por outra banda, sinalaron que as aulas burbulla en educación infantil e primaria "non van ser eficaces" polo que demandan o metro e medio de distancia "en todas as etapas".

Mentres, en Vigo, máis dun centenar de persoas déronse cita tamén ante a Delegación Territorial da Xunta con pancartas nas que se podían ler mensaxes como '#escolacontracovid'.

Durante unha media hora, os asistentes repetiron consignas como 'Feijóo, escoita, o ensino está en loita', 'Ensino presencial e con seguridade' e 'Román Rodríguez, máis recursos e menos cocientes'.

INSTITUTOS QUE APRAZAN O REGRESO

Pola súa banda, o sindicato STEG informou de que o paro está a ser secundado por "unha porcentaxe moi alta" do profesorado neste primeiro día da volta ao colexio.

A través dunha nota de prensa, reprobou que a incorporación do novo conselleiro á fronte de Educación "non se está traducindo nun novo rumbo" e avisou de que en Santiago "varios equipos directivos de secundaria dirixíronse por escrito á consellería anunciando que aprazan o inicio do curso pois é materialmente imposible organizar" o arranque "nos termos actualmente vixentes".

CRÍTICAS DAS ANPAS

Como vén sucendendo nos últimos meses, as críticas dos sindicatos veñen de ser secundadas polas asociacións de nais e pais. A Confederación de Anpas Galegas vén de lanzar un comunicado no que denuncia a "total falta de operatividade e a irresponsabilidade"  da Consellería de Educación.

Dende a organización responsabilizan ó departamento que estrea Román Rodríguez da "total descoordinación á hora de interpretar as instrucións" do protocolo, unha situación que est´´a levando á "ruptura do principio de equidade do sistema educativo", sosteñen. Hai centros que están retrasando unilateralmente o comezo co curso para minimizar o impacto da folga, conculcando así o libre exercicio dese dereito; outros están obrigando ás crianzas de infantil a levar posta a máscara todo o día, sen saber diferenciar o que é obrigatorio e o que é recomendábel", explican.

Fronte a estas circunstancias, demandan unha adaptación curricular "que tiña que estar feita hai meses". Só así, destacan, é posible corrixir a "fenda dixital" e "evitar converter á xuventude en alumnado de diferentes categorías, segundo onde vivan, o que teñan, ou con quen convivan", destacan en referencia a un hipotético regreso á teledocencia. 

ALCALDES SOCIALISTAS

O consello de alcaldes e alcaldesas do PSOE, presidido polo secretario provincial dos socialistas coruñeses, Valentín González Formoso, reuniuse telematicamente para analizar os problemas do inicio do curso escolar. Ao termo da mesma, denunciaron "falta de coordinación" coa Xunta. Tamén expresaron o seu malestar xa que, segundo sosteñen, "a pesar de levar semanas preparando a volta ao cole coa comunidade educativa, non recibiron nin unha chamada da Consellería de Educación".

Os rexedores socialistas esixen á Xunta que asuma os custos de desinfección dos colexios e censuran que o Goberno de Feijóo "siga derivando os seus deberes aos concellos sen dotar un só euro"

A reunión finalizou cunha homenaxe ao rexedor de Brión, José Luís García, que deixou a alcaldía por motivos familiares tras 41 anos á fronte da mesma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta