Feijoo non ten táboa de chocolate (nin o PP voces críticas)

E dou voltas polo twitter e pola tele e polo facebook e polos tres xornais que teño abertos enriba da mesa e dúas revistas e a radio, por certo, de fondo, información novas noticias reportaxes chíos rechíos rechouchíos... porque eu sonvos un tipo informado culto postmoderno cibernéticamente conectado á realidade cambiante fugaz efémera intensa de hoxe en día.

Por Francisco Castro | Vigo | 01/04/2013

Comparte esta noticia
E aparéceseme Feijoo e un narco nunhas fotos de hai vinte anos e o primeiro que penso é que Aznar tiña mellores abdominais e que se o actual presidente da Xunta quere ser o delfín, como di certa prensa de por aí, prensa cursi, daquela, vai ter que collerse xa un "personal training" ou como se escriba iso en galego normativo estándar. E pregúntome, no medio do rebumbio de amizades en diferido, eu non sabía que era un narco, eu si que sabía que era un narco pero que era inocente (ou sexa, que non o era), isto facédeo para amedrentarme e non sei que, pregúntome, dicía, que que pasaría se, en troques de ser Feijoo quen sae lucindo palmito (a ver, Aznar está máis bo, onde vai parar) no iate do narco que non sabía el que era narco (Feijoo non se comunica cos seus amigos, así non pode ser presidente de nada), dicía que se en troques de ser o  actual presidente de todos nós, fose, eu que sei, Vence ou Beiras ou calquera que non fose do PP, ou Ada Colau, mimá, pois preguntábame, a ver se me desatasco dunha vez, cuestionábame eu que como reaccionaría a prensa tradicional (tradicionalista) galega diante desas outras fotos que agora eu imaxino. E ao mesmo tempo penso que para que imaxino se xa o sei, se non hai dúbida de como actuarían. O acto de canibalismo había ser brutal. E estou certo de que os líderes populares haberían tiralle un bo rédito electoral ás fotiños. Xa pasou cando os coches e as cadeiras de Touriño.
 
En calquera caso, e no medio da borracheira brutal de información estraña e caótica e desorganizada que durante os primeiros minutos trala publicación das fotos fun lendo-escoitando-vendo, decateime de que había algo que non estaba acontecendo a pesar de todo o que estaba acontecendo atodavelocidade. Que había algo anormal, aínda que probablemente iso que non había era no fondo normal que non o houbese. Que non sei se me explico. Refírome a que cando aparecen as fotos, as redes sociais póñense a ferver, os políticos da oposición erguen a voz, e, ata aí, todo normal. Pero ninguén dende o PP, absolutamente ninguén dende o PP, lle pide explicacións a Feijoo. Ninguén colle e lle di, Alberto, este sigue sendo amigo teu? Ou, Alberto, sabías de onde lle saían a este os cartos?
 
Ninguén dende o PP abre a boca. Como tampouco a abriron cando a desastrosa xestión do Prestige. E iso fai que perdan credibilidade e que os respectemos menos dende un punto de vista político.
 
Tiñan que lle pedir, cando menos, unha explicación dende o primeiro momento. E non o fixeron.E por unha mera cuestión de saúde democrática, deberían. Limitáronse, como non, a poñer a feder á oposición chamándolles "amarelistas". Que curriños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro