Protocolo sanitario conxunto e impulso do Camiño, entre as propostas Galicia-Norte de Portugal para o Cume Ibérico

A Eurorrexión solicita a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/09/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou este xoves na localidade portuguesa de Bragança na XII reunión da Comisión hispano-portuguesa de Cooperación Transfronteiriza para preparar o XXXI Cume Ibérico, no que participarán o próximo outubro na Guarda o presidente do Goberno e os seus ministros co primeiro ministro portugués e os membros do seu Executivo.

Reunión da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Reunión da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal | Fonte: Arquivo.

Así, Jesús Gamallo presentou varias propostas consensuadas co Norte de Portugal a ter en conta nesta reunión, entre elas a necesidade de crear protocolos conxuntos no ámbito sanitario e de impulsar o Camiño Portugués a Santiago de Compostela para dar un novo pulo ao Xacobeo 2021 como elemento integrador da proxección exterior e eixo vertebrador da cohesión.

En materia de infraestruturas e mobilidade, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal solicita a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción do saída sur de Vigo para prolongar esta liña, melloras no tren Celta, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o nordés portugués.

Tamén se recollen entre as peticións a abordar no Cume Ibérico o fomento da mobilidade na fronteira con medidas que contribúan a reducir o declive demográfico destas zonas e a apoiar a reactivación da actividade económica e laboral. Estas propostas xa están a ser incluídas precisamente no Plan de reactivación da cooperación de proximidade, un documento elaborado pola Xunta e o Norte de Portugal en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza.

Este plan persegue paliar o impacto do peche da fronteira entre Galicia e Portugal durante varios meses ocasionado pola crise sanitaria da covid-19 con estratexias encamiñadas a dinamizar a cooperación de proximidade e preparar á Eurorrexión para afrontar a nova realidade postcovid-19.

O director xeral tamén destacou a importancia de contar co proxecto dunha Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo para toda a fronteira e agradeceu que se teña en conta a proposta galega para que os Plans de Cooperación e Reforma dos gobernos de España e Portugal que se envíen a Bruxelas sexan coherentes sobre a base desa Estratexia Común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta