O impulsor da iniciativa do Xabarín: "os castelanismos dos rapaces veñen de Pepa Pig"

O vigués Víctor Tilve lamenta o "abandono" da CRTVG ó seu público mozo e pide recuperar "contidos de calidade". "Hai unha falta clara de produto actual", sostén.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2020 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

A actividade pro-Xabarín que estas semanas ateiga as redes sociais galegas ten nome e apelidos: Víctor Tilve. Hai "apenas unha semana" este pai vigués decidiuse a crear unha conta de Twitter para demandar contidos infantís "de calidade" á CRTVG. Uns días despois, son xa máis de 7.000 as persoas que apoian a iniciativa e 2.500 as que siguen a conta. 

Xabarín club
Xabarín club | Fonte: CRTVG

Polo de agora, apunta Tilve, a CRTVG non respondeu ás demandas da plataforma, secundadas por multitude de asociacións e centos de usuarios. No caso de que a petición formal -cursada pola Mesa- chegue ós 10.000 apoios, a plataforma pola normalización faralle chegar directamente as demandas ó Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o Director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo.

Por que decides arrincar esta iniciativa agora?

Andaba mosqueado porque a app que temos do Xabarín na tablet non actualizada, e era unha mágoa porque ten contidos de calidade, era moi chula. Algo máis tarde, falando por twitter, entereime de que a aplicación deixara de estar dispoñible en Play Store, mentres que en Apple Store levaba dous anos sen actualizar. A conta fíxose coa idea de preguntarlle á CRTVG para saber que pasou coa app, aínda que non responderon.

Podemos falar de abandono do Xabarín e dos debuxos infantís en xeral?

Totalmente. Non existe comunicación para os contidos, de xeito que hai xente que o consumiría pero nin sequera sabe que existe. Hai Xabarín pero para quen? Dá a impresión de que poñen uns contidos de baixa calidade para obter uns datos de audiencia inexistentes e así poder deixar de emitir. É unha estratexia semellante á que usa Renfe para pechar estacións.

Dificulta isto a competencia coas canles infantís en castelán?

Claro. Como imos competir, por exemplo, se non temos unha canle 24 horas? O outro día, na mañá dun domingo, estaba limpando coa miña muller e miña filla quixo poñer a tele para ver debuxos, pero na TVG non había. Así que houbo que poñer outra cadea en español.

Á parte, hai aplicacións doutras cadeas que teñen debuxos, xogos... quizais a de Xabarín estea algo incompleta. 

Como se podería mellorar este rendemento?

Hai que ir máis alá das reposicións de programas clásicos como Dragon Ball, porque xa non funcionan cos nenos. Na TVG temos unha falta clara de produto actual.

Máis alá do entretemento, podemos falar dun papel importante dos contidos infantís na transmisión da lingua?

Si, claro. Hai uns días falei cun seguidor que comentaba que o seu fillo falaba galego e os seus amigos español. Unha tarde foron todos á casa do rapaz e puxeron debuxos en lingua galega. Ese día xogaron falando en galego. 

Todos sabemos que a tele é a caixa tonta que nos deixa pampos, pero inflúe moito máis do nós pensamos, tamén na lingua. En Galicia falamos sempre se tempos compostos, que agora son moi fáciles de atopar na fala dos rapaces. De onde lles veñen? Pois de Pepa Pig, dos profesores obrigados a falar un castelán impoluto... entre outras cousas.

Podemos vencellar ese "abandono" do Xabarín a un desleixamento da TVG a nivel xeral?

Vai por aí. Semella que a política da CRTVG consiste en seguir poñendo contido aínda que non sexa bo para obter uns índices de audiencia inexistentes e ter unha xustificación para deixar de emitir. Vese na música do programa, onde sacando a Herdeiros da Crus, que está moi ben, pero home, non sei... hai moitos grupos novos que tocan para os rapaces e poderían estar na TVG sen poñer moitos atrancos económicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta