O Concello da Estrada esixiu "tradución ó castelán" da documentación presentada a un concurso público

O rexedor di que é o Goberno central o que esixe que a documentación do procedemento vaia en castelán. "Nós só replicamos a condición", destaca. A Mesa califica de "ilegal" o proceso e non descarta iniciar accións legais para impugnalo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

"Todos los concursantes presentarán la documentación en castellano o en gallego con traducción al castellano". Son apenas 15 palabras que veñen de situar ó Concello da Estrada no punto de mira de asociacións pola defensa da lingua galega. O fragmento forma parte dun prego de condicións para un concurso público que, malia ser publicado o pasado mes de xullo, non levantou as críticas das plataformas ata estes días.

Captura de pantalla do documento que recolle as bases do concurso do Concello da Estrada para a 'humanización' dunha praza
Captura de pantalla do documento que recolle as bases do concurso do Concello da Estrada para a 'humanización' dunha praza | Fonte: Concello da Estrada

O concurso en cuestión, convocado polo consistorio no que goberna con maioría absoluta José Carlos Gómez Campos (PP), ten como obxectivo adxudicar un proxecto para "humanizar" a Praza da Feira e a súa contorna. O proceso de selección do proxecto, que contempla o pagamento de ata 48.000€, require da entrega dunha documentación que, porén, non pode ser achegada exclusivamente en lingua galega.

A restricción recollida no artigo 1.12 do prego, situado na páxina 31 do mesmo, vén de encender os ánimos de asociacións e particulares que se fixeron eco da noticia. Entre as primeiras reaccións de repulsa atopouse a asociación Prolingua, que unhas xornadas atrás dirixiu unha carta aberta ó rexedor 'popular' acusándoo de "maltrato" á lingua por "excluíla completamente" das bases.

Nun sentido paralelo, a Asociación Cultural Vagalumes cargou contra o rexedor pola "proscición" da lingua. "A pesar de estarmos acostumados ao  desleixo institucional en materia lingüística, resúltanos verdadeiramente asombroso semellante exercicio de hipocrisía e falsidade", destacaron a respecto da existencia dunha Ordenanza Municipal de 2018 comprometida coa normalización da lingua.

Fronte a esta circunstancia, o alcalde do concello pontevedrés deféndese aludindo ó Ministerio de Política Territorial, que segundo apunta estaría detrás da polémica cláusula. "O proxecto está financiado con fondos europeos e do Goberno, co cal o Ministerio de Política Territorial ten que facer unha revisión do proceso antes de devolvelo a Europa".

Tal e como apunta López Campos, o requerimento do Concello da Estrada sería unha réplica das esixencias do propio Goberno central. "Dende outobro de 2019, que comezou o proceso, dixéronnos xustamento o que puxemos nós no prego: a documentación debe estar en castelán ou en galego con tradución", destaca. Neste aspecto, o rexedor apunta que decidiron reflectir a condición no prego ante a dificultade de traducir os documentos achegados, algúns dos cales "chegan ás 600 páxinas".

CONDICIÓN "ILEGAL"

A polémica cláusula tamén chegou a oídos da Mesa pola Normalización Lingüística, que non descarta a posibilidade de impugnar o concurso por tratarse dun procedemento "manifestamente ilegal". "Contravén tanto a Lei de Normalización Lingüística como a normativa que rexe como oficial o emprego do galego nas administracións locais", destaca o seu presidente Marcos Maceiras.

Ante estas circunstancias, a Mesa anuncia que vén de tramitar unha queixa na Liña do Galego e que prestará "todo o seu apoio xurídico" de existir un concursante que quixese impugnar o procedemento. "Estamos a falar dun agravio e limitación ó uso da lingua", pondera Maceiras, que lembra: "Calquera cidadán pode dirixirse en galego á administración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GalegON

Aldraxante!!

1 Xusto

Meu deus!!!.Pero ata cando os galegos seguiremos co complexo do que somos??? Somos galegos e temos dereito a vivir no noso idioma!!!!