O alcalde de Santiago quere aumentar de 200 a 1.200 euros as multas por festas en pisos

Sobe a incidencia da COVID-19 na cidade, ata 200 casos por 100.000 habitantes, e Bugallo apela á "responsabilidade de todos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/09/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reclamou á Xunta sancións "máis efectivas" e "exemplarizantes" para facer fronte ás festas en pisos e propuxo que se tramiten pola normativa sanitaria, como unha "ameaza á saúde pública". O rexedor explicou que as multas por estas celebracións se rexen actualmente pola ordenanza municipal de ruídos, cuns 200 euros de penalización "se non se é reincidente": "E hai poucos casos de reincidencia, porque as festas as organizan en pisos distintos".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello.

Así, Bugallo estima que co endurecemento das sancións, se se acollesen á normativa sanitaria, poderíase elevar "a 1.000 ou 1.200 euros", o cal sería "máis disuasorio e máis efectivo".

Sobre este asunto, o alcalde compostelán desvelou que o sábado trasladou esta demanda ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen lle asegurou que teñen "pendente de enviar ao Parlamento" unha nova normativa sanitaria cun "aumento significativo das multas", tal e como o adiantou Bugallo.

Neste sentido, fontes da Vicepresidencia Primeira ratificaron que na reforma da lei de saúde de Galicia --xa anunciada polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso de investidura-- "estudarase se se amplían as sancións". No entanto, estas mesmas fontes sinalan que esta norma, aínda que é "anterior á pandemia", xa que data do 2008, xa recolle "a posibilidade de sancionar con multas de ata 3.000 euros".

Agora ben, o que Bugallo quere é unha penalización "exemplarizante" e segundo o "réxime sancionador máis efectivo", ben o autonómico ou ben no local: "Que sexa a administración que teña máis competencias e cuxa actuación xere menos dúbidas, porque isto pode ser recorrido nos xulgados e sería lamentable que por unha cuestión formal puidese decaer".

En canto a datos das festas en pisos, o rexedor descartou que fosen "especialmente dramáticos" ao longo desta fin de semana e cifrou nunhas 20 as denunciadas entre o venres e o domingo. "O peor día foi o xoves", dixo, posto que só esa noite se detectaron 30 eventos deste tipo.

AUMENTA A INCIDENCIA DA PANDEMIA

Con respecto á pandemia en Santiago, Bugallo informou dunha incidencia na capital duns 200 casos por 100.000 habitantes durante a pasada semana, un aumento con respecto á anterior, cando era de 180.

"Non é unha suba dramática, colócanos por baixo de boa parte das cidades galegas e non ten nada que ver coa media española, pero si indica unha tendencia que nos debe preocupar", sinalou, non sen antes apelar á "responsabilidade de todos".

E é que, unha vez comezado o curso universitario o pasado luns 21, quedan por diante dúas semanas nas que a cidade se vai "xogar" a posibilidade de relaxar, manter ou endurecer as restricións que aínda están en vigor no municipio --aforamentos de locais ao 50 por cento e reunións limitadas a 10 persoas--.

"Se melloramos, lograriamos afrouxar algunhas restricións. Pero se seguimos así é probable que haxa que adoptar medidas adicionais que terían un efecto moi negativo na economía da cidade (...) e na calidade de vida de moitos veciños que nada teñen que ver co incumprimento doutros", advertiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta