Cataclismo cultural

En Setembro pasado, a CE emitía un documento titulado “Promover os sectores da cultura e a creación para o crecemento e o emprego na Unión Europea”. Nese documento constatábase que a Cultura supuña arredor do 4% do PIB europeo o cal trasladábase en valores similares ó emprego: uns 8 millóns de traballadores sobre os máis de 200 millóns totais.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 18/04/2013

Comparte esta noticia
As cifras son como para telas en conta en especial nun contexto de fonda depresión do emprego. Cabería esperar que as economías cunha cultura e idiomas propios paliasen mellor este aspecto concreto da crise. Porén, tal presuposto resulta completamente equivocado no caso de Galicia. 
 
Segundo o Observatorio da Cultura Galega, o emprego cultural en Galicia caeu un 11,6 por cento en 2012, o que implicou a perda de 2.800 postos de traballo, o peor dato sobre ocupación dos últimos nove años cunha retracción próxima a niveis de 2004. Curiosamente, nunha comparativa a nivel español, obsérvase que Madrid non so é a Comunidade cun maior peso do emprego cultural senón que esta variable evoluciona dun xeito positivo. 
 
Gustaríame estar errado mais teño a impresión de o goberno galego sentirse feliz cos datos do parágrafo anterior. O cal resulta unha desgraza de seu. Porque en realidade, tales cifras representan a conclusión dunha política institucional de demolición cultural. Dende o retorno de Núñez Feijoo á Xunta, artellouse un programa de voadura dos alicerces da industria cultural galega e de cada unha das súas estruturas: literatura, teatro, música, audiovisual, tradicións, e por suposto, a lingua. A perda de pulo do sector é unha consecuencia evidente de tales políticas máis esperables nun axente secreto do inimigo ca no presidente do goberno propio.
 
A gravidade deste feitos e destas cifras, sendo xa extrema, agúzase inda máis ó sabermos que o emprego no sector en Galicia, malia dispormos dunha cultura e idioma propios, apenas acada o 2,1% sobre o total, lonxe do 4% da Unión Europea. Corrixindo esta enorme fenda, crearíanse arredor de 20.000 novos postos de traballo no País. Semella incluso evidente que cómpre poñer en práctica unha política urxente de dinamización cultural que corrixa as medidas devastadoras destes anos. 
 
Inda que o goberno galego ten boa parte de culpa da penosa situación que estamos a describir, non é menos certo que as institucións con organizacións consolidadas e presupostos amplos (fundacións de distinta natureza ou o Consello da Cultura Galega e a propia Real Academia Galega, por exemplo) deberían reorientar as súas estratexias. Moitos estamos algo fartos de ver como a maioría de tales institucións se dedican principalmente a promover e desenvolver estudos diversos, ou intercambios de experiencias, ou misións internacionais, etc. etc., iniciativas todas elas moi loables en épocas de normalidade. Mais ao paso que imos, moito temo que terminemos por financiar proxectos de investigación dunha cultura e un idioma mortos para maior gloria de arquivos e museos. En época de emerxencia, faise perentorio saír da burbulla intelectualoide, baixar á arena, mesturarse coa xente do común e proxectar na sociedade o interese e vixencia dunha cultura e un idiomas que, ou ben nos confabulamos en defender na praxe ou ben podemos ir despedindo deste minguante panel de culturas do mundo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego