Estas son as zonas percebeiras máis vulnerables ao cambio climático

Investigadores galegos sinalan as pesqueiras que sufrirán máis o aumento da temperatura atmosférica e do mar, e as confrarías con peor capacidade de adaptación ao impacto ecolóxico e económico.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático está mudando amodo, pero sen pausa, os ecosistemas mariños e impactando en especies, algunhas máis vulnerables ca outras. Neste escenario de mudanzas, esta en risco a explotación do percebe, un recurso estratéxico que xerou en Galicia 187 millóns de euros nas últimas dúas décadas, proporcionando unha importante fonte de sustento para moitas pequenas comunidades costeiras. Pero algunhas áreas percebeiras son máis vulnerables ca outras ao cambio climático.

Percebeiros
Percebeiros | Fonte: Gabriel González - Wikimedia.

Un novo estudo científico identifica as áreas percebeiras de Muxía e O Pindo como as “máis vulnerables” ao cambio climático desde un enfoque socioecolóxico, con “altos niveis de vulnerabilidade ecolóxica e sensibilidade social, e baixa capacidade adaptativa”.

A investigación fíxose sobre 26 das máis de 30 entidades (asociación de mariscadores e confrarías de pescadores) con licenzas para explotar o percebe, excluíndose do estudo as de Aldán-Hío, Ribeira, Muros, Caión, Lira, San Cosme e San Cibrao, das que os científicos non conseguiron datos suficientes para incluílas no estudo.

A explotación do percebe divídese en nove zonas: Zona I-Vigo (inclúe as confrarías e asociacións da Guarda, Baiona, Vigo e Cangas); Zona II-Pontevedra (Aldán-Hío e Bueu); Zona III-Arousa (O Grove, Aguiño e Ribeira); Zona IV-Muros (Muros e Porto do Son); Zona V-Fisterra (O Pindo, Lira e Fisterra); Zona VI-Costa da Morte (Muxía, Camariñas, Caión, Camelle, Laxe, Corme e Malpica); Zona VII- Coruña-Ferrol; Zona VIII-Espesantes (Cedeira, Cariño e  Espesante), e Zona IX-Mariña (O Barqueiro, A. M. San Cosme, O Vicedo, Celeiro, Burela, Ribadeo e San Cibrao).

En 2019, as áreas con maior produción foron, nesta orde, Zona VII, Zona I, Zona VIII e Zona III. 

VULNERABILIDADE ECOLÓXICA

En xeral, observouse que as zonas caracterizadas por altos niveis de sensibilidade ecolóxica tamén teñen un menor potencial de recuperación.

As zonas con maior vulnerabilidade ecolóxica son Vigo e Baiona, e as que menos, Burela e O Vicedo

As que mostan maior sensibilidade ecolóxica son Ferrol, Malpica, Vigo e Baiona, e as que menos, Burela, Espesante, O Barqueiro, O Pindo e Cangas. Mentres que as que teñen maior potencial de recuperación son Burela e Aguiño, debido en parte “á gran cantidade de vedas implementadas durante o ano (7 meses) “.

As zonas con maior nivel de vulnerabilidade ecolóxica son Vigo e Baiona, mentres que as que gozan de niveis máis baixos son Burela e O Vicedo.

Os investigadores calcularon a vulnerabilidade ecolóxica sumando a exposición e sensibilidade da especie ao cambio climático e restándolle a isto a súa capacidade de adaptación aos cambios (exposición + sensibilidade ecolóxica - potencial de recuperación).

VULNERABILIDADE SOCIOECOLÓXICA

O índice de vulnerabilidade socioecolóxica calcúlase combinando as dimensións de vulnerabilidad social coa vulnerabilidade ecolóxica mediante a seguinte fórmula: vulnerabilidade ecolóxica + sensibilidade social – capacidade de adaptación do sector.

O Pindo, Muxía e Porto do Son teñen os niveis máis altos de vulnerabilidade socioecolóxica

Os resultados indican que as zonas máis vulnerables son O Pindo, Muxía e Porto do Son, asociadas con altos niveis de vulnerabilidade ecolóxica e/ou cunha alta sensibilidade social ou a súa baixa capacidade de adaptación das entidades.

Na dimensión de sensibilidade social, Aguiño, Baiona, Fisterra e Muxía son as zonas cos peores resultados.

Con todo, cando os investigadores miraron en detalle os factores que forman esta dimensión, identificaron que a dependencia económica da pesca alcanza os seus valores máximos en Aguiño, Ribadeo, Baiona e Muxía. “Este factor”, explican, “fórmase pola combinación de dous indicadores: dependencia económica e número relativo de pescadores”.

Así, os portos máis grandes, con capturas de especies máis diversas e máis tipos de artes, “teñen unha maior diversificación dos seus ingresos e, por tanto, unha menor dependencia económica dos percebes”, esclarecen os científicos.

Ribadeo, Aguiño e Baiona son os máis dependentes economicamente da pesca de percebes. E os que teñen maior “número relativo de pescadores”, Corme, Camelle e Aguiño.

Baiona, Porto do Son e Cedeira son os que maior esforzo de pesca mostran e, “por tanto, os máis explotados” (o esforzó de pesca é a medida de intensidade das operacións pesqueiras).

En canto ao nivel de pesca furtiva, Vigo e A Coruña son as máis afectadas por esta actividade ilegal.

Finalmente, O Barqueiro foi identificada como a máis illada, “o que aumenta a sensibilidade social, xa que os pescadores de comunidades costeiras illadas comunmente experimentan maiores dificultades para atopar traballo fóra do sector pesqueiro”, expoñen os autores do estudo.

As áreas con menor nivel de capacidade local adaptativa son O Pindo e Camariñas

Do que non atoparon indicios é de que o modo de pesca do percebe –a pé ou en embarcacións– sexa un factor determinante da sensibilidade social de cada zona.

As áreas con menor nivel de capacidade local adaptativa son O Pindo e Camariñas, mentres que aqueles con niveis máis altos son Cariño, Cangas e Bueu.

Sobre os factores que determinan esta dimensión, sinalan que o benestar económico dos pescadores mostrou que Cariño, Cangas e Espesante son os que teñen maior nivel, “o que indica un baixo nivel de (ou nula) desigualdade entre o benestar dos pescadores e o dos demais habitantes locais”, clarifican.

Doutra banda, Camariñas e O Pindo teñen o nivel máis baixo de benestar económico, o que implica “unha diminución na capacidade de adaptación dos pescadores nestas comunidades”.

En canto á comercialización, atoparon que 10 das 26 entidades obxecto de estudo venden as capturas de percebes nos seus propios mercados, o que “aumenta a súa  riqueza e, por tanto, a súa capacidade para facer fronte a perturbacións”, explican.

Con respecto ás estratexias de xestión, os resultados revelan que o 65 % rota os esforzos de pesca entre os bancos percebeiros.

Finalmente, sobre o control e seguimento dos recursos, comprobaron que máis do 80 % teñen un asistente técnico traballando neles.

Con todos os datos na man, os investigadores destacan que as zonas percebeiras máis vulnerables están na provincia de A Coruña, nas zonas produtivas V y VI, sendo Muxía e O Pindo as que mostran os maiores riscos.

FISTERRA, UN CASO SINGULAR

Un caso peculiar que destacan os científicos é o de Fisterra –xeograficamente, entre Muxía e O Pindo–, que “aínda que ten valores de vulnerabilidade ecolóxica e sensibilidade social similares aos dos seus veciños, tamén mostra unha maior capacidade adaptativa”, o cal lle permite manter “valores moderados de vulnerabilidade”.

“Fisterra representa un claro exemplo de como os esforzos realizados para aumentar a capacidade de adaptación local poden axudar a reducir a vulnerabilidade da pesqueira a eventos de temperaturas extremas”, conclúen.

Os autores consideran que este traballo pode axudar a establecer “medidas de xestión máis eficaces a escala local que prioricen aquelas confrarías máis vulnerables” ao impacto do cambio climático nos percebes e no sector que os explota.

O estudo, publicado na revista científica Marine Policy, está asinado por Raquel Ruiz Díaz, Alba Aguión e Elena Ojea, do Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo; Xiaozi Liu, do Centro de Investigación Noruegués; Maite de Castro e Moncho Gómez Gesteira, do Laboratorio de Física Ambiental (EPHYSLAB) da Universidade de Vigo, e o científico e consultor independente en pesca Gonzalo Macho.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta