Que beneficios deixan os parques eólicos nos concellos rurais nos que se instalan?

Os rexedores da Baña, Negreira, Outes, Santa Comba e Mazaricos din que son "mínimos" e fan fronte común para reclamar un marco legal "máis xusto e sustentable".

Por Galicia Confidencial | Outes | 11/10/2020 | Actualizada ás 21:14

Comparte esta noticia

Os alcaldes de cinco municipios coruñeses --A Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba-- uníronse para reclamar cambios normativos a nivel autonómico que fagan que os parques eólicos repercutan positivamente nos veciños das zonas onde se asentan, xa que entenden que o modelo actual fai que a poboación do rural soporte "en exclusiva" o impacto destes proxectos mentres os beneficios que permanecen no territorio "son mínimos".

Así figura nunha declaración conxunta rubricada polos rexedores da Baña, José Antonio Pereira (PSOE); Mazaricos, Juan Blanco Riveiro (BNG); Mazaricos, Miguel Ángel Leis Míguez (PSOE); Outes, Manuel González (Compromiso); e Santa Comba, David Barbeira (Compromiso); que advirten da existencia de "unha profunda preocupación" entre os veciños dos seus concellos ante o "elevado" número de proxectos eólicos previstos nos seus municipios.

"Esta preocupación ten unha vertente relacionada co impacto ambiental dos parques proxectados, varios deles nas proximidades de núcleos habitados e que ademais veñen a sumar aos xa existentes", sinala a declaración conxunta, na que pon o foco na "escasa distancia mínima" con núcleos habitados que marca a lexislación (500 metros) e a "fragmentación" de proxectos que, en realidade, comparten infraestruturas, polo que "deberían" ser considerados un único parque.

Os rexedores tamén sinalan a vertente económica destes proxectos asentados no rural pero que non repercuten nos veciños, algo que "non posibilita" a lexislación acutal pois "ao contrario de noutros países", en España e en Galicia "non existen mecanismos que compensen a asimetría existentente entre o poder de negociación de promotores eólicos e os veciños".

Así, subliñan que nos procesos negociadores "sobrevoa" sempre a "ameaza" da expropiación, amparada pola declaración de interese público que conceden as administracións sobre os proxectos eólicos. "É particularmente preocupante que só os propietarios dos terreos directamente afectados reciban algún tipo de compensación, en calquera caso insuficiente, mentres que o resto de veciños que soportan os custos ambientais non teñen ningún beneficio económico directo", inciden os rexedores.

Así as cousas, censuran que as poboacións rurais sexan as que "soporten en exclusiva" os custos ambientais da produción de enerxía eólica mentres os beneficios "son mínimos" para eles. Por iso, reclaman cambios normativos no marco que regula o sector eólico en Galicia para os intereses do rural sexan "atendidos", tendo en conta que entenden que a eólica "pode ser fomentada sen atentar contra os intereses ambientais e socioeconómicos da contorna" onde se asenta.

Os alcaldes da Baña, Mazaricos, Santa Comba, Outes e Negreira reclaman cambios normativos a nivel galego para que os parques eólicos repercutan positivamente na poboación do rural
Os alcaldes da Baña, Mazaricos, Santa Comba, Outes e Negreira reclaman cambios normativos a nivel galego para que os parques eólicos repercutan positivamente na poboación do rural

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ben falado, o caso é que tanto o PP coma PSOE están encantados coa política expropiatoria que venden cada un á súa maneira ! O novo PXOM de Vigo pretende eliminar dun plumazo 100 vivendas en Valadares-Nigrán (para ampliar un parque empresarial promovido pola ZFV) / Esto nunca o vimos dende aquel alcalde franquista chamado Portanet que botou fóra das súas casas un barrio enteiro no Areal (para ampliar os terreos da Renfe, esa mesma que hoxe elimina frecuencias e trens en Galicia!) https://twitter.com/00Gamela/status... Aquí ninguén abre a boca ! O Parlamento de Galicia nin se sabe para que carallo serve !