A Xunta e a Valedora do Pobo renovan o convenio para dar "mellor atención" a afectados por desafiuzamentos

Buscarán establecer "canles de comunicación áxiles e preferentemente por vía electrónica" de modo que "flúa a información correspondente a queixas ou consultas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/10/2020 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta e a Valedora do Pobo colaborarán outro ano para dar "mellor atención e información" ás familias afectadas por desafiuzamentos por falta de pagamento e por execucións hipotecarias, segundo o novo convenio que asinaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a titular da institución comisionada, María Dolores Fernández Galiño.

Concentración por un desafiuzamento en Ferrol
Concentración por un desafiuzamento en Ferrol | Fonte: Europa Press.

Segundo informa a Administración, o obxectivo é "dobre". Por unha banda, renovar o marco de colaboración neste sentido e, por outra, establecer "canles de comunicación áxiles e preferentemente por vía electrónica" de modo que "flúa a información correspondente a queixas ou consultas" presentadas ante o Valedor.

A Xunta lembra que as queixas recibidas pola institución comisionada do Parlamento de Galicia en materia de desafiuzamentos "refírense, fundamentalmente, a casos da vivenda habitual derivados de execucións hipotecarias ou falta de pago das rendas do aluguer".

Grazas ao acordo renovado, a Valedora do Pobo "seguirá impulsando e dando a coñecer cantas medidas vaian orientadas a buscar a efectividade do dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada", engade a Xunta.

En paralelo, para dar continuidade ás actuacións conxuntas desenvolvidas desde 2015, a Valedora suxerirá ou recomendará ás administracións locais a súa adhesión ao programa de vivendas baleiras posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de "optimizar as que estean desocupadas".

Así as cousas, para garantir a consecución dos obxectivos previstos no acordo, ambas as institucións comprométense a constituír unha comisión de coordinación integrada por un representante de cada unha, que se encargará de propor accións, desenvolvelas e avaliar os seus resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta