GC Aberto

A cinsa nos pés de Ángel Barros

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2020

Comparte esta noticia

Un atópase con xente cada día e a calquera intre. A todas horas hai vida nas rúas. Persoas que van dun a deloutro lado. Ou quedan onde están. Quen sabe? Somos como os personaxes de Manhattan Transfer, a novela de John dos Passos (de estirpe portuguesa), perdidos e encontrados nun tráfico orientado máis polas desgrazas que polos éxitos.

Ángel Barros
Ángel Barros | Fonte: Concello de Redondela

Cada ser leva ao carrelo unha vida literaria. Somos un cóctel único. A maioría temos unha existencia definida, digámolo así, como “normal”. Ou como “novo normal”. Pro outras biografías son impensables, carregadas dun misterio sedutor e con cápsulas de maxia. A vida de Ángel Barros rebasa os marcos do esperable. Chantouse ante o futuro e díxolle: “eu vou por onde queira ir. Ataloguiño!”. E o ghicho vírase, co seu corpo miúdo, para darlle as costas a quen, tendo o poder, desexou facer da súa vida un enterro sen fin.

“A infancia foi gris”, dime. Aos seus 85 anos énchenselle os ollos de auga e salitre. Comeza a contar detalles: que se debuxaba na area da Alameda de Redondela por un anaco de bocadillo, que se mallaron nel na escola por falar galego, que se acompañaba á nai polas aldeas de camiños pinos a vender peixe, que se nas casas dos amigos non querían que entrase… Póñase, lector ou lectora, nos ollos dun rapaciño de apenas 10 anos para sentir un golpe seco na lingua e unha calor de inferno no corazón.

Pola contra, este vello de andar lixeiro, porque segue fuxindo do destino, reconverteu a tristeza nunha válvula de vida. Como se fai iso? Non son quen de descifralo. Nin Ángel é capaz de explicalo. Sería un “elixir da eterna mocidade”. O caso é que, en idade impúbere,  apañou os tizóns dos fornos pra pintar alá onde se podía. O debuxo foi o candil que alumeou o camiño.

Na casa sobrevivíase. Porque o apelido Barros en Redondela é sinónimo de antifeixismo. O pai foi vítima dun bombardeo na fronteira de Euskadi con Francia mentres participaba nun cordón humanitario. O irmán foi preso con 16 anos, primeiro no frontón de María Berdiales en Vigo (onde sentiu como os asasinos entraban ás noitadas a roubar a vida) e despois na illa de San Simón.

O meniño ía arrentes da nai a todas partes. E así viviu escenas de insultos, aldraxes, empurróns ou ameazas que sufría a muller por ser quen era. Cantos lembran en Redondela o petar forte contra as portas das casas ao berro de “Rojos fuera!”. Non unha vez, senón moitas. Non un día, senón moitos.

Cotizou poucas aulas na escola. Un día, ao inicio, chegou con cardenais no corpo causados polo mestre. A causa? Ser Barros e falar galego. Si, falar galego. Escóiteno de viva voz. E cando se poñan diante dun cadro de Manet ou Goya, pintados por Ángel, lembren que tras diso non hai carreira universitaria, nin formación profesional, nin máster de ningunha clase.  

A escala de grises é longa. O rapaz decidiuse pola luz antes que polas tebras. Nas mans, cuns pesos aforrados, mercou un libro do Greco. Os ollos pícaros, que aínda mantén, deslizábanse polos corpos alongados coma nun tobogán cromático.

A vida foi unha eterna emigración. Traballou de todo pero nada de pintura. Mais el pintaba. Si, copia os cadros dos mestres: Vermeer, Velázquez, Rubens, Greco, Veronés, David, Zurbarán… pérdome na lista. Alguén dirá: “copiados? Copiar é doado”. Inténteno. Tantas veces como queiran e tanto tempo como precisen. Unha cousa é falar, e outra dar trigo.

No medio disto, Ángel vai á mili. Na viaxe ao cuartel fan parada en Madrid. Teñen tempo libre que aproveita para ir ao Prado. Cando un entra nun museu debe deixar o reloxo na entrada. As horas pásanlle por detrás. Cando se decata, lisca á estación pro o tren… onde vai que o tren marchara! Durante todo o servizo, cando se referían a Ángel, dicían: “a ver, el gallego que se perdió en Madrid”. E veña risas.

En Suíza traballou nunha canteira e cargou camións. Despois foi por Alemaña, Polonia ou pasou por Dinamarca. De aquí expulsárono por mobilizarse contra a guerra do Vietnam. O órgano competente, ao entregarlle a orde de expulsión, deulle o billete de volta e cartos. Non quixo nin un nin o outro. Nese corpo de fiúncho non entra máis dignidade humana.

E chegamos a Francia. Coloca cadros seus nas rúas. Leva unha vida humilde e traballadora. O maio do 68 cólleo no Barrio Latino. Ponse do lado correcto. Pro para vivir frega pratos ou limpa o chan da Sorbonne. Pouco despois preséntase nun obradoiro de restauración con dúas copias: Vermeer e Rubens. O director dille: “se vostede é quen de facer isto, está contratado”. Aquelas mans que carregaran pedra, fregara pratos, sacara luz ao chan universitario… aquelas mans restauraban orixinais de Picasso, Da Vinci, Rembrandt… Era o día para mofarse do destino que desexaran outros para el, pro non arrastra ápice de rancor malia que non esquece o sucedido. Por iso, con 85 anos, reclama reparación e dignidade para os demócratas fusilados e desaparecidos.

A vida continuou en Valencia e cando se xubilou, volveu a Redondela. Dende entón pinta sen parar. Garda un fondo pictórico digno dun museo que lle daría prestancia, lustre e honra a Redondela. Este home fixo que a arte, a pintura, fose motivo de vida, de luces claras sobre as sombrías. Un verdadeiro exemplo para tanta xente veterana. Porque a arte dá razón á nosa existencia. Tan só precisamos atopala por medio da literatura, do cinema, da música, da artesanía…

Durante a presentación da súa actual exposición en Redondela (aberta até o 15 de novembro), puxo en letras grosas verdades incontestables. Pro rematou con estas verbas: “miña nai dicía que se frotaba con cinsa os pés dun gato para que non marchase desa casa. A min creo que me fixo o mesmo. Por iso volvín a Redondela”. E así, hoxe, teño a oportunidade de conversar con Ángel para descubrir ese mundo único no cal aprendo tantos valores universais.

Xurxo Martínez González

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta