Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

"A dos telediarios del final os puedo asegurar que (...) el mundo se divide entre los que están sanos y los que están enfermos: la mayor fortuna de la vida es la fortuna de vivir mientras uno está libre de enfermedad." (Julio Dorado, El silencio del aviador, La Región, 2/10/2020).

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 19/10/2020

Comparte esta noticia
Tratando de emular a cita que lle tomamos emprestada a Julio Dorado −a anduriña que é capaz de escribir no aire coas alas− o meu tío Lisardo resolveu clasificar os madrileños en dous grupos: os que baballoan contra o estado de alarma dende as solainas douradas do barrio de Salamanca, adoecidos por non poderen gozar da ponte do Pilar na praia; e os que xemen e agatuñan polas escaleiras das estacións do metro, tratando de fuxir da Covid-19, para evitar que se lle pegue ás costas, coma un pegañento carrapato, cando zumegan olas de suor no traballo e mentres observan como lle tremen as pernas ao pensar que poden perdelo.
Así que, cando hai uns días, cós pés a metro e medio do chan e coa cabeza nas nubes, a excelentísima presidenta da comunidade capitalina se puxo a levitar como Santa Teresa coa andrómena, «Madrid no debe estar en alarma. Si no es libre, no será Madrid», é obvio que se estaba a referir aos capitalinos do primeiro grupo, aos madrileños castizos, aos que fan engruñar varias veces a Pedro Sánchez antes de molestalos.
 
Oh, Madrid, Madrid, que pecado cometerías para que eses desaprehensivos do goberno te castiguen sen chotis e sen mantón de Manila! Claro que non! Ti non mereces tan severa penitencia, humillándote con esa parvada do estado de alarma, malia a túa circunstancia, con permiso de Ortega −o filósofo, non o toureiro− tan preocupado pola insubmisa España invertebrada. Madrid debe ser libre, aínda que todos, “los de provincias”, nos convertamos en estatuas de sal, cada vez que ousamos tusir mirando cara a fonte de Cibeles. 
 
En fin, aí andan, empezoñados nunha vergoñenta, estúpida e miserábel guerra de malos contra peores (con mortos e doentes incluídos), a adiantada do ultranacionalismo madrileño, Isabel Díaz Ayuso, con licenza de Pablo Casado, e o zamurgo paladín do centralismo español, Pedro Sánchez, coa venia do outro Pablo; e uns e outros agarrados ao Catecismo patriótico español do bispo Méndez-Reigada, para evitar que se lle afogue nas augas do Manzanares. 
[O meu tío Lisardo anda algo adoecido porque, ao paso que imos, o Tribunal Supremo e o Constitucional van ter que pór no seu sitio á provincia de Madrid, se non queren que lles faga como a rexión do nordeste de España]. 

Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. COMUNIDADE DE MADRID
Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. COMUNIDADE DE MADRID
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.