"O perfil da prostitución volveuse violento, agresivo e moi influído por Internet"

Lourdes Pazo é coordinadora técnica do Programa Vagalume para atención integral a mulleres en contexto de prostitución e trata con finalidade de explotación sexual. Falamos con ela para saber cales son as variables detrás das mulleres prostituídas, entre elas, pobreza, violencia e mafias.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Tanto desde unha posición de técnico mais tamén como persoa, como definirías a trata de mulleres con finalidade de explotación sexual?
Eu considero que é unha situación de pobreza e desigualdade en todos os países. Se hai pobreza non hai liberdade de elección, porque as mulleres moitas veces teñen que “elixir” entre unha situación que non saben como vai acabar, por unha situación de oportunidades. Nos países de orixe non hai oportunidades e o primeiro mundo o que demanda é ese tipo de “mercancía” que nin se queixará nin reclamará. Por que? Porque o 95% das mulleres prostituídas aquí son inmigrantes de países pobres.

Prostitución na rúa
Prostitución na rúa | Fonte: kamtchatka

-Non hai queixas porque hai coaccións...
Si, mais tamén moitas veces temos na cabeza unha especie de coacción física e violenta. A violencia pode ser moitas veces psicolóxica e por descoñecemento de dereitos. Moitas mulleres que chegan aquí non coñecen a estrutura administrativa nin política do país. Tampouco coñecen moito a contorna, porque lles meten na cabeza que se a Policía procede á súa detención, acabarán deportadas e ninguén lles fará caso porque son putas e non teñen papeis, as mafias xogan moito con iso, cos papeis e a documentación. Ademais, estas mulleres veñen coa idea da policía dos seus países onde impera a corrupción policial. Por último, está a necesidade desa muller porque chegan para mellorar a súa vida e a dos seus. Mais o que teñen detrás son débedas pola viaxe e manter a súa familia, porque teñen cargas familiares no lugar de  orixe.

Se hai pobreza non hai liberdade de elección

-Hainas que veñen con nenos ou que acaben tendo nenos?
Que acaben tendo nenos aquí, si. A presenza de nenos como vítimas de trata non é frecuente. Mais é certo que dentro das mulleres subsaharianas e rumanas hai mulleres menores de idade vítimas de trata, entre dezasete e dezaoito anos. Se teñen nenos, tráenos despois, por exemplo, no caso das mulleres de Colombia e Venezuela caen en redes de prostitución, logo escapan ou son liberadas e logo traen os seus fillos e as familias. Isto sucede porque, aínda que estas mulleres estean exercendo a prostitución, non queren que os seus fillos e parentes vivan en situación de violencia. Elas valoran moito cando poden enviar os nenos ao colexio ou o acceso a sistema sanitario.

-A maioría delas carecen de acceso sanitario nos países de orixe?
Valoran moito o acceso ao médico. O primeiro que facemos é contactar con elas e informalas sobre os seus dereitos. Empadroámolas para acceder á tarxeta sanitaria para os recoñecementos médicos, mais os diferentes cambios legais de cada goberno fai complicado o acceso á tarxeta sanitaria. Por exemplo, as cidadás romanesas, que son cidadás da UE, non teñen o mesmo tipo de acceso que as mulleres latinoamericanas en situación irregular. As romanesas deberan ter a tarxeta sanitaria europea, moitas veñen sen ela, por tanto teñen máis difícil o acceso ao sistema sanitario. Coñecín casos de mulleres búlgaras que viñan xa coa tarxeta sanitaria europea e non tiveron problema.

Anuncios de contactos e de prostitución nos grandes medios
Anuncios de contactos e de prostitución nos grandes medios

Estas mulleres veñen coa idea da policía dos seus países onde impera a corrupción policial.

-Que sucede se algunha destas mulleres queda embarazada sendo vítima de prostitución ou trata?
Se queda embarazada e quere continuar, isto podería abrirlle a porta á residencia, outras non seguen adiante co embarazo. Tamén están as que seguen adiante co embarazo mais non poden manter os nenos. Por outra parte, avisámolas de que teñan coidado, porque os menores aquí están moi vixilados e por tanto, ten que facerse cargo dun menor. Libremente pode exercer, mais ten que ter coidado cos seus nenos. Hai casos en que as mulleres ceden a tutela dos menores á administración. Hai mulleres que contratan outras mulleres para coidar o neno para seguir exercendo. Mais debemos diferenciar ben entre trata e prostitución.

-Por que?
Porque se es vítima de trata, normalmente non hai nenos polo medio, porque ao “tratante” non lle interesa, tería que facerse cargo. Se hai prostitución, aínda que sexa por pobreza, elas ocúpanse dos nenos.

-Como funciona unha rede de trata?
Depende moito do tipo de nacionalidade das vítimas. Non é o mesmo a trata de Europa do Leste que a subsahariana que a latinoamericana. Dentro de cada unha destas tres, tamén hai diferenzas. A xente ten máis visibilizada unha trata “tipo” que é a de grandes mafias que trasladan ás mulleres e que as explotan. Hai outra trata de “tratantes informais” que implica a familiares e amigos. Mesmo houbo quen foi prostituta e logo exerce trata con outras compañeiras. Non é o mesmo traer unha muller do Brasil que unha nixeriana. A subsahariana pode ter unha débeda de 40.000 ou 60.000 euros, mentres que a latinoamericana pode ir desde o que custa un billete de avión a unha cantidade maior ou a cambio de aceptar esa explotación. Moitas desas mulleres saben ao que veñen, mais descoñecen as condicións.

-Existe un perfil do proxeneta detrás ou que dirixe a rede de trata?
Tamén depende da nacionalidade, do lugar de orixe. Realmente pasaría como unha persoa normal de aspecto. Ás veces non hai conciencia de estar cometendo un delito, como é o de escravizar e cousificar unha muller. Hai moitos que o ven como unha maneira de facer cartos rapidamente.

-E o perfil do consumidor de prostitución?
Para min, calquera, non hai perfil determinado. Hai un imaxinario colectivo sobre homes con problemas relacionais, pobres ou sen habilidades, e non, non é así. Hai todo tipo de homes, profesionais liberais, con poderío social e político. Hai todo tipo de persoas.

Houbo quen foi prostituta e logo exerce trata con outras compañeiras

-Segundo documentos consultados e artigos en prensa, estase falando dun aumento de homes moi novos que consumen prostitución.
Estamos asistindo a un momento en que o consumo de drogas e a pornografía van moi ligados á prostitución. Moitos clientes novos queren levar adiante o que ven na pornografía coas mulleres en contextos de prostitución. Para isto tamén están as drogas que axudan a eles e ás mulleres. Isto responde ao aumento de pisos adicados á prostitución, mentres que os clubs están máis controlados. As mulleres están máis desprotexidas en pisos e a demanda moitas veces é demanda 24 horas. Calquera que chegue ás sete da mañá, baixo efectos de drogas, pide o que quere e o  dono ou dona do piso obriga ás mulleres a aceptar ese tipo de negocio. Por iso digo que ten  que ver con falta de educación sexual igualitaria e a muller non sexa vista como unha cousa. Preocupa que a xente nova vexa a prostitución como unha maneira de ocio. Hai unha dobre moral, a xente segue pensando que o que podes pagar, podes facer o que queiras.

-É difícil que denuncien?
Nós traballamos o ano pasado con 22 mulleres vítimas de trata recoñecidas pola Policía. Todas elas denunciaron, non obstante, é difícil que denuncien porque xogas co medo. A persoa que a trouxo ao mellor é do seu mesmo lugar de orixe, lugares onde ao mellor a vida non vale nada. Por iso moitas delas volven para atrás e non denuncian.

-Volvendo aos pisos, é unha maneira de eludir a vixilancia das autoridades?
Hai un enfrontamento soterrado entre donos de clubs e de pisos. Os primeiros din que os pisos ocultan o tema de trata porque lle quitan negocio aos clubs. É máis barato ir a un piso  que un club. En pisos entras e descoñeces o que hai. Nalgúns pode haber unha certa “orde”, logo hainos onde as mulleres non poden saír, só unha hora, non poden negarse á demanda do cliente e xogan co tema dos papeis. Por outra parte, é imposible saber cal é o número de pisos existentes porque ademais van cambiando. Ao mellor un veciño denuncia ruído ou se teñen problemas de alugueiro vanse.

-Contactades con eses pisos?
Si, chamando, como os clientes. Explicamos quen somos e concertamos citas. Moitas veces vas e non abren a porta ou din non directamente. Os pisos son moi difíciles, non como os clubes, no piso existe unha persoa que pode estar controlando directamente ás mulleres. Tamén se debe dicir que os pisos son de moitas maneiras. Moi pobres, ao mellor unha muller que por problemas económicos exerce a prostitución alí. Hainos que levan mamis, onde alugan os cuartos por prezo fixo, a muller que fai a praza só paga o prezo fixo. Outros pagan o cuarto e unha porcentaxe do que gañan.

-É frecuente encontrar mulleres con perfil educativo ou profesional alto?
Hainas que si, que por motivos económicos no seu país, deixaron atrás un traballo digno e viñeron dentro do que é un proceso migratorio. Elas deciden facerse cargo das súas familias porque perderon o traballo ou non gañan abondo.

Hai un enfrontamento soterrado entre donos de clubs e de pisos. Os primeiros din que os pisos ocultan o tema de trata porque lle quitan negocio aos clubs.

-Dentro das redes de tratas, cales serían as máis violentas?
As romanesas e as subsaharianas, debido á situación que pasa a muller. No caso nixeniario as mulleres chegan ao estreito logo de pasar por un percorrido onde foron escravizadas. Cando chegan a débeda increméntase e como non teñen concepto do euro, pensan que ao mellor 60.000 euros é unha cantidade baixa. Caen na conta que son moitos cartos e no caso nixeriano xogan coa maxia negra. No caso romanés está a figura do loverboy, unha figura habitual, que son xente moi próxima a elas que as prostitúe e as chulea directamente, tamén hai violencia física e estrutural onde a muller é vista sen dereitos. As romanesas están máis controladas, cando veñen aquí fano por problemas de saúde. Ás pequenas mafias dálles igual como estea, fanlles traballar moito e ás veces hai embarazos non desexados, problemas de enfermidades de transmisión sexual e poden usar o aborto como método anticonceptivo. Existe falta de coidado físico e psíquico. Acuden pedir axuda no último momento ou porque os traen.

-Cal é o trauma máis habitual nas mulleres prostituídas e que pasos se dan para a recuperación?
Cando veñen comezamos un proceso de recuperación persoal, de dereitos porque en Galicia a Xunta recoñece a vítima de trata como vítima de malos tratos e poden acceder á axuda de 600€ ao mes e de recoñecemento médico. A partir de aí comeza un proceso de axuda psicolóxico que pode ser aquí ou derivadas a outras unidades. Todo isto supón coller confianza coa muller, fortalecela e que poida afrontar a decisión. Moitas teñen estrés post-traumático, adiccións, sensación de ser sucias, de non volver a ser as mesmas e sobre todo a sensación de fracaso por non enviar diñeiro ás familias, volver sería un fracaso. Cando son liberadas dunha explotacións, explicamos que hai varias situacións e unha é o retorno. Isto facémolo a través da Oficina Internacional de Migracións, se son vítimas de trata faise un retorno asistido. Isto vale para que poidan volver coa cabeza alta e son seguidas nos seus países. Outra cousa son as deportacións. O caso galego, ao non existir un gran peso da inmigración non hai deportacións masivas ou inmediatas, hai casos, mais non é habitual. No caso de prostitución, teñen dereito ao “período de reflexión” onde a muller pode valorar se quere denunciar ou non.

-De onde proceden as mulleres coas que contactades?
A maioría de América Latina, subsaharianas hai moi poucas.

-Abolición da prostitución?
Si. É difícil de levar adiante porque consideramos que non é un traballo, afecta sobre todo a mulleres pobres. Nunha sociedade desigualitaria é difícil que isto acabe, porque os homes demandan prostitución nunha sociedade en que acceder ás relacións sexuais non é tan complicado como hai anos. O perfil da prostitución volveuse violenta, agresiva e moi influída por internet. A prostitución de hai 25 anos é moi diferente á de agora.

Ás veces hai embarazos non desexados, problemas de enfermidades de transmisión sexual e poden usar o aborto como método anticonceptivo

-Facedes talleres en centros educativos?
Si, desde hai anos. Se hai algún centro que demande unha charla nós imos, poden ser centros educativos, universitarios e doutro tipo. Primeiro traballamos en tema de igualdade de xénero, se nos dan a oportunidade e hai tempo, logo falamos da violencia de xénero e por último metemos a prostitución e a trata, porque senón non ten sentido falar só de prostitución se non abordas os outros puntos. Tamén abordamos o que son os tópicos, as mensaxes dentro dos medios, usamos entrevistas propias que fixemos nós, tentamos poñerlle cara á situación. Tamén queremos mostrarlles como son esas mulleres, que vexan máis alá da prostituta, por iso usamos unha linguaxe diferente. Da mesma maneira, tamén pedimos que o foco non se poña só na muller, senón noutras persoas implicadas. Todo isto tamén depende da programación de cada centro educativo, se quere que vaiamos ou non,  mais nos últimos anos tivemos moito acceso aos institutos e centros de ensino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta