21 millóns de euros para 68 proxectos de desenvolvemento sustentable en Lugo

A Delegación do Goberno comprométese coa ampliación do polígono de Morelle, en Sarria.

Por E.P. | Lugo | 23/10/2020 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

Un total de 68 proxectos centrados no desrrollo sustentable recibirán para a súa posta en marcha 20,9 millóns de euros en axudas estatais procedentes do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), entidade ligada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Javier Losada reúnese co alcalde de Sarria, Claudio Garrido
Javier Losada reúnese co alcalde de Sarria, Claudio Garrido | Fonte: Europa Press

Diso informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na súa visita a Sarria (Lugo), onde mantivo un encontro co alcalde da localidade, Claudio Garrido, e a subdelegada do Executivo central na provincia luguesa, Isabel Rodríguez.

"Falamos de proxectos que beneficiarán directamente aos municipios e aos seus veciños e veciñas destinados ao aforro e eficiencia enerxética e fomentar a mobilidade sustentable nos termos municipais", sinalou Losada.

En concreto, os proxectos oscilan entre os 3,2 millóns e os 46.000 euros de orzamento, sendo Sarria o concello que acolle a iniciativa de maior envergadura, seguida por Monforte cun de 2,7 millóns, outro en Lugo de 2,68 millóns e senllas iniciativas en Outeiro de Rei e O Saviñao ao redor dos 1,3 millóns de orzamento.

"Nestes momentos aprobamos proxectos en 35 concellos, un de cada dous da provincia, onde residen máis de 230.000 habitantes, ademais doutro da Deputación Provincial que chegará a máis concellos", engadiu o delegado, que lembrou que as iniciativas dan cobertura a "un 70% das persoas que residen na provincia".

Unha orde de axudas que aínda permanece aberta para presentar solicitudes ata o 31 de decembro, polo que a Delegación do Goberno convida a rexistrar propostas que poderán recibir axudas de ata o 80% do custo total do proxecto, que deberá ser executado nun prazo de 30 meses unha vez aprobada a subvención.

PROXECTO DE SARRIA

En concreto, o Concello de Sarria converterá en tecnoloxía 'led' un total de 4.850 puntos de luz da iluminación pública da localidade, é dicir, o 90% do total. Ademais, o proxecto tamén contempla a renovación de 300 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente.

Todo iso permitirá, segundo sinala a Delegación do Goberno, que o consistorio aforre case un 80 por cento da enerxía que viña consumindo coa iluminación pública, xa que a potencia pasará de 553 a 161 quilowatts.

POLÍGONO DE MORELLE

Por outra banda, o delegado do Goberno tamén mostrou o seu compromiso coa ampliación do polígono de Morelle, tamén en Sarria, que será abordada nunha reunión co novo director xeral do Sepes, Lucrecio Fernández, convocada para o próximo 11 de novembro.

Losada manifestou que esta actuación "leva oito anos de paralización absoluta", polo que incidiu na necesidade de dar impulso a un proxecto que contempla a expansión do polígono ata un total de 238.849 metros cadrados, dos cales, 111.000 serán edificables.

PONTE RIBEIRA

Por último, tamén no marco da súa visita a Sarria, Losada anunciou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil dará luz verde nas próximas semanas á instalación da pasarela de Ponte Ribeira.

Esta infraestrutura permitirá o paso de peóns e vehículos neste punto do centro urbano de Sarria, onde tamén se estudará a rehabilitación da ponte medieval, así como a construción dunha senda que unirá O Chanto coa ruta dos Muíños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

unha transformación radical... na vida vimos cousa tan innovadora e que cree máis postos de traballo para o futuro de Galicia ! (clientelismo de baixa intensidade 20 Millóns en luces de Nadal coma o outro fenómeno que temos en Vigo!) Os polígonos industriais baleiros non lle interesan a ninguén agás aos que especulan co solo industrial durante anos ! https://twitter.com/00Gamela/status... Cada día engordan máis !