Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 21:40
Novo episodio de denuncia por un proxecto mineiro sen a regulación obrigatoria. A asociación ecoloxista Petón do Lobo vén de alzar a voz contra a mina de Varilongo, unha explotación situada no concello coruñés de Santa Comba moi cobizada no século pasado polo seu xacemento de wolframio, o 'ouro negro' dos nazis.
É coñecido que o xacemento de Varilongo serviu para abastecer o exército do Terceiro Reich. A historia da mina de Santa Comba, porén, non remata aquí, xa que -segundo denuncia a asociación- poderían estar a activarse os trámites para a súa reapertura. A problemática é que, sempre segundo a versión de Petón do Lobo, a reactivación das instalacións estaría a ter lugar sen a preceptiva autorización ambiental; un trámite obrigatorio para calquera obra desta natureza.
A falta de regulación denunciada vencéllase a unha traxectoria altamente contaminante, xa que esta mina foi acusada en reiteradas ocasións de provocar drenaxe aceda sobre os espazos e regados limítrofes. Segundo exlican dende a asociación, o rego da Braña Ancha recolle as augas residuais industriais da mina, que conteñen "con toda probabilidade" unha alta concentración de metais pesados.
"As augas residuais da mina", explican dende a plataforma, "levan acumuladas no interior da mina dende finais dos anos 80". O problema é que, de acordo con Petón do Lobo, as labores de reactivación do complexo estarían a implicar o bombeo destas augas río abaixo, co conseguinte prexuízo ambiental. "As augas residuais industriais de mina circulan por diferentes canalizacións e balsas ata verterse no rego da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo", concretan.
PIDEN SANCIÓNS PARA A EMPRESA
Para Petón do Lobo, as evidencias visuais da contaminación por metais pesados son "claramente perceptibles" no transcurso dos 6 quilómetros do rego da Braña Ancha, que decorre desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas. "Durante este percurso, e ata a confluencia do Xallas, hai diversos puntos onde se obervan precipitados metálicos en prados e canles resultantes das enchentes que as choivas dos últimos días provocaron en diversos tramos do río".
Ante estas circunstancias, unha serie de organizacións veñen de denunciar os feitos ante Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos naturais da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e concello de Santa Comba. O obxectivo é que as autoridades procedan de inmediato á paralización das labores da empresa que xestiona o Grupo Mineiro Santa Comba para despois incoar o correspondente procedemento sancionador ante os indicios dun posible ilícito penal contra o medio ambiente e os recursos naturais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.