A Xunta anuncia agora directrices para preservar a paisaxe fronte a proxectos mineiros e eólicos

Entrarán en vigor a partir de 2021, segundo indica a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

Calquera novo plan, programa ou proxecto que leve a cabo en Galicia e que afecte o territorio deberá ter en conta valores paisaxísticos en todas as súas fases, desde o deseño ata a execución, a partir de 2021.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na presentación das principais liñas do "texto definitivo" das directrices da paisaxe, que este luns a Xunta remitirá ao consello asesor da paisaxe para que este emita un informe para o que ten de prazo ata o 16 de decembro. Despois, a intención é levar este documento ao Consello e a responsable autonómica en materia de Medio Ambiente espera empezar o ano que vén coas directrices aprobadas.

"É innegable a importancia desta ferramenta para avanzar no recoñecemento xurídico das paisaxes que fan que Galicia sexa única. Permitirá, por unha banda, a integración e a súa consideración en todas as políticas territoriais e sectoriais, e, por outro, preservar o carácter dos distintos tipos de paisaxe, protexer os elementos de maior valor e mellorar aquelas que poidan sufrir un tipo de impacto", destacou Ángeles Vázquez en rolda de prensa.

Entre outros proxectos, as directrices, que non terán efecto retroactivo, afectarán a parques eólicos, minas, instalacións enerxéticas e plantación de especies vexetais, co ánimo de "procurar o menor impacto visual" de todos eles e para respectar as áreas de "especial interese". O plan eólico, así como outros, deberán ser revisados para introducilas e "haberá limitacións e prohibicións igual que pasará coas canteiras e as minas en canto a áreas de especial interese paisaxístico".

En concreto preguntada por este plan, o que ordena o desenvolvemento dos parques eólicos da comunidade, Vázquez sinalou que "terminaba en 2020" e "cando se faga a redacción" da súa revisión por parte da consellería competente "teñen que estar incluídas" estas directrices, pois son dun "rango superior".

As directrices "pechan" o corpus normativo e supoñen "un paso adiante moi importante no camiño iniciado hai máis dunha década para protexer a paisaxe", subliñou a conselleira.

Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo
Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta