O alcalde de Santiago confía en que se flexibilicen as medidas anticovid e traballa nunha campaña de Nadal "incerta"

O rexedor, coa vista posta en decembro, móstrase "razoablemente satisfeito" coa evolución dos datos de contaxios na cidade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/11/2020 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, manifestou este venres, coa vista posta no próximo mes, que confía en que, a partir do 4 de decembro, poida haber unha maior flexibilidade nas medidas anticovid impostas pola Xunta. O alcalde asegurou ademais que o goberno traballa nunha campaña de Nadal que é "máis necesaria que nunca", pero recoñeceu un alto grao de "incerteza" no desenvolvemento da mesma.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

Respecto dos datos de covid-19 rexistrados en Santiago de Compostela na última semana, o rexedor mostrouse "razoablemente satisfeito". "Nos últimos sete días, rexistramos 79 positivos, unha media de 11 por día; mentres que hai 15 días contabilizabamos 30 novos cada día", indicou Bugallo, que se mostrou "razoablemente esperanzado".

"Estamos, aproximadamente, nos mesmos datos da segunda quincena de setembro e a primeira de outubro. A tendencia apunta cara ao descenso", subliñou o alcalde, que quixo agradecer tamén o esforzo e sacrificio dos veciños en xeral, e da hostalaría en particular.

É por este esforzo que mostrou o seu desexo de que, a partir do 4 de decembro --data de referencia establecida no Decreto da Xunta de Galicia--, poidan "levantarse algunhas restricións", aínda que recoñeceu que non existe unha data límite concreta. Con todo, subliñou que non é unha decisión que poida tomar o goberno local, senón que dependerá "do considerado polo Comité Clínico e a Consellería de Sanidade".

O alcalde tamén aclarou que a decisión sobre o reforzo de vixilancia para a ponte da Constitución dependerá do que estableza a Xunta. "Estamos a traballar en posibles actuacións pero para aplicalas temos que saber se se traslada ou se levanta o peche perimetral", manifestou Bugallo.

HABERÁ CAMPAÑA DE NADAL

Doutra banda, o alcalde confirmou que, aínda que "incerta", si haberá campaña de Nadal, cuxa proposta será presentada "nos próximos días". A iluminación e os mercados do Nadal, así como a visita das súas maxestades os Reis Meigos, son algunhas das actividades previstas no plan, segundo informou Bugallo, que non explicou como levarán a cabo.

O rexedor compostelán incidiu na importancia da celebración destas datas non só "para a hostalaría e o comercio, senón tamén para os cidadáns en xeral". É por este motivo que confirmou a firma de contratos para a campaña, malia que aínda non saiba "se se poderán efectuar". Subliñou tamén que, máis aló do económico, "a campaña de Nadal xera ilusión e alegría nos cidadáns, que a necesitan máis que nunca".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta