A dura realidade tralos accidentes de tractor: falta de traspaso xeracional e abandono do rural

Os sinistros con maquinaria agrícola levan tempo á orde do día nas aldeas galegas; e son varios os condicionamentos que entran en xogo para que case 170 persoas falecesen nunha década por esta causa.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada pouco tempo salta nos medios a noticia do falecemento doutra persoa maior á que lle envorcou o tractor mentres traballaba na leira. Semellan copias idénticas do mesmo suceso que se van producindo ao longo das semanas, dos meses, dos anos. E é que o dos accidentes con maquinaria agrícola conforma un dos problemas máis significativos que enfronta o rural galego dende hai ben tempo; de feito, só no que vai de ano ao menos dez persoas finaron por esta causa, que tamén deixa ao seu paso unha longa lista de persoas feridas de diversa consideración.

Un tractor madeireiro choca contra unha casa en Maside . GARDA CIVIL
Un tractor madeireiro choca contra unha casa en Maside . GARDA CIVIL

Se botamos a vista un chisco máis atrás, os accidentes de tractores levaron por diante a vida de 169 persoas entre o ano 2010 e 2019. Galicia é a comunidade do Estado con maior número de falecidos por sinistros agrícolas, seguida de Andalucía; e A Coruña, con Valencia tras dela, son as provincias máis afectadas por esta causa. Se analizamos as cifras do conxunto do Estado, os falecementos relacionados con máquinas agrícolas nese período de tempo ascenden por riba dos 1.000. Estes datos, compilados pola Fundación Mapfre no seu informe 'Siniestralidad, mortalidad agrícola, vuelcos de tractores e incendios en cosechadoras 2010-2019', son algúns dos poucos que se coñecen ao respecto. 

NIN ACCIDENTES LABORAIS NIN DE TRÁFICO

O perfil da vítima complica a tipificación do sinistro. Na meirande parte dos casos, quen sofre estes accidentes responde ao mesmo patrón: un varón de máis de 65 anos de idade e xubilado que sobe confiado ao seu tractor co que leva traballando máis de 30 ou 40 anos para desenvolver os labores da agricultura familiar e para manter a xeito as súas terras. Hai veces que mesmo o emprega como medio de transporte para facer pequenos recados. O feito de non se dedicar profesionalmente á actividade agrícola e non estar dado de alta na Seguridade Social provoca que todos os accidentes derivados destes traballos familiares queden "nun limbo". "Non aparecen en ningunha estatística sobre sinistralidade laboral no sector primario, non son nin accidentes laborais nin accidentes de tráfico", sinala un dos técnicos do gabinete de Prevención de Riscos Laborais do Sindicato Labrego Galego, Andrés Castro.

Xa que logo, agás un 6% destes sinistros que si se rexistran como laborais - segundo datos do ISSGA -, o resto das vítimas non engrosan rexistros oficiais e, por conseguinte, acentúase a invisibilización do problema, que xa de por si carga coa lousa de se produciren nun rural a cotío sumido no esquecemento. Desta maneira, "para facerse unha composición de lugar cómpre atender ao que sae na prensa local", fala Xabier Iglesias, membro do sindicato Unións Agrarias. Con todo, sábese con certeza que a orixe principal destes accidentes está no envorco dos tractores, e que o 99% dos incidentes podería terse evitado se os tractores contasen con estruturas de protección - estímase que no Estado hai 300.000 vehículos agrarios sen elas - e os seus condutores levasen posto o cinto de seguridade. 

Falece un octoxenario ao envorcar un tractor agrícola en Valga (Pontevedra).. GARDA CIVIL
Falece un octoxenario ao envorcar un tractor agrícola en Valga (Pontevedra).. GARDA CIVIL

MAQUINARIA ANTIGA

Precisamente esta falta de protección que ofrecen os tractores máis antigos, unido á sensación de confianza por parte de quen os conduce, imponse como unha das causas máis directas destes sinistros. "Moita maquinaria empregada non conta con arcos de seguridade e non teñen nin sequera dirección asistida, polo que se fai moito máis difícil coller unha curva ou escaparlle a un terraplén", explica Iglesias, e sobre todo tendo en conta a "complexa orografía" do noso país. Se ben a normativa recolle que toda persoa agricultora debe ter un tractor adaptado que cumpra coas indicacións de seguridade, a moitas familias que practican a agricultura de subsistencia cunha pequena horta ao carón da casa "non lles compensa" renovar os seus compañeiros de traballo.

Ocorre isto porque as rendas dos pequenos agricultores galegos, as máis baixas do Estado, "non dan" para mercar un tractor novo co que, ademais, "non se vai poder facer o servizo miúdo do día a día" debido ao gran tamaño das novas máquinas, analiza Castro. E é que no lado oposto a ese parque de maquinaria máis envellecido, érguese outro que se atopa "sobredimensionado". "Todos os plans de mellora e subvencións van enfocados a grandes tractores, pero a realidade do rural é diferente", comenta. A meirande parte destas persoas maiores, no caso de que quixesen renovar a súa maquinaria, non contarían sequera coa formación adecuada para o emprego desas "naves espaciais" que son os actuais tractores. A consecuencia: que o tractor de toda a vida - ao que, por outro lado, tamén se lle garda apego -, segue socorrendo eses labores cotiás ano tras ano.

Así pois, segundo analiza o técnico do SLG, a Lei de Prevención de Riscos Laborais, no canto de facilitar a eliminación da maquinaria máis antiga, pon certos atrancos neste sentido, xa que é "unha lei xeralista que está feita para as explotacións máis numerosas, e que non se adecúa á realidade da pequena granxa familiar labrega deste país". Desta maneira, adopar todas as medidas de prevención "ao dedillo" vén grande a moitas persoas do rural. "Non compensa".

POUCO CAMBIO XERACIONAL E ENVECELLEMENTO DA POBOACIÓN

Máis alá das cuestións técnicas relacionadas coa seguridade da maquinaria, debullar a realidade dos accidentes agrícolas no rural implica tamén pousar os ollos nos problemas estruturais destes lugares. Detrás de cada envorco agóchanse sombras que o rural galego non dá quitado de enriba: o avellentamento da súa poboación, a falta de traspaso xeracional e o éxodo rural. E é que "se tiveramos un rural vivo e potente, os nosos maiores non se verían na necesidade de facer eses traballos. Se houbese xente no rural, atoparían alguén que lles botara un cabo", explica Castro.

Ademais, estes labores son fundamentais para moitas familias que "se teñen capacidade de aforrar e de chegar a fin de mes é porque aínda quedan pais, tíos e avós que viven e traballan no rural" mentres os membros máis mozos da unidade familiar estudan ou se empregan nas cidades. Doutro lado, o apego dos maiores ao rural e a necesidade de manter limpa e coidada esa terra que os viu medrar e na que tanto esforzo e dedicación verteron durante toda a vida anteponse sobre outro tipo de cuestións de seguridade que se perciben máis afastadas da realidade diaria.

Aos condicionamentos culturais, económicos e demográficos súmase outra variable que explica a fenda de xénero neste tipo de accidentes: a división tradicional do traballo entre homes e mulleres. Os roles de xénero seguen aínda moi marcados no rural, sobre todo cando se trata de familias de idades máis avanzadas. "Hai que recordar que a maioría de mulleres maiores non teñen carné de conducir; son as esquecidas en todo o que se refira ás actividades fóra do fogar", expón Castro. Porén, nos últimos tempos tamén se aprecian pequenos pasos cara adiante, especialmente nas persoas máis novas que se dedican ás actividades agrarias, onde - segundo analiza Iglesias - "se ven cada vez máis mulleres manexando tractores".

DISPERSIÓN XEOGRÁFICA

Se viaxamos ata o momento exacto no que se producen eses accidentes con maquinaria agrícola, entra en escena unha problemática máis que xoga en contra das persoas afectadas: a dispersión xeográfica. En numerosas ocasións este tipo de sinistros non acontecen no medio dunha estrada concorrida, senón en pistas de mal acceso e lonxe dos centros de atención médica. "Ás veces desprázanse helicópteros pero incluso desa maneira hai un tempo importante desde que se produce o accidente ata que son auxiliados por profesionais". Neste sentido, Xabier Iglesias lembra que se ten dado o caso de persoas que foron atopadas moito despois "por non ter ninguén que os auxiliara ao seu redor". Un rural baleiro é tamén un rural de maior risco.

A CONCIENCIA DA SAÚDE NO RURAL

E ese rural de maior risco refórzase cunha cultura particular da prevención e saúde. "Que trastornos musculoesqueléticos non sexan unha enfermidade laboral recoñecida di moito" da invisibilidade que sofren as implicacións das actividades agrícolas na saúde. Segundo Castro, "a posición máis vagarosa do persoal do sector servizos fai que poidan preocuparse en maior medida da saúde". No rural -imaxina- poderiamos atender estas cuestións se foramos "potentes e rendibles". Porén, mentres siga habendo persoas traballadoras de pequenas granxas non se poden permitir nin sequera aceptar unha baixa laboral, a saúde, inevitablemente, quedará relegada ao segundo prato. 

Engádese a isto "o pouco afeita que está a xente ao tema da prevención": "veno máis como unha obriga que como algo que repercuta positivamente na saúde", fala Castro, que denuncia tamén a "precariedade e privatizacións" dos servizos de prevención de riscos dependentes das Mutuas, "que fan plans de prevención de copia e pega e cuxos técnicos non pisan as granxas". Dende este realidade, concienciar as persoas para que adopten medidas de seguridade nos seus labores é un reto, cando menos, difícil de enfrontar. 

Pode parecer que este tipo de accidentes que se producen cada pouco tempo son cuestión de mala sorte, pero detrás deles está a realidade dun rural que esmorece. O 99% deles poden evitarse se se poñen os medios. Cómpre regresar, habitar e coidar as nosas aldeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 anonimo

O da " división de roles" no rural, sinceiramente, é un conto chinés. E iso de que as rentas dos pequenos agricultores son " as mais baixas do estado" tamén é lago sen demotrar. E xa non digamos o avellentamento da poboación , porque seica fora de Galicia o campo está todo cheo de adolescentes. A cousa cheira bastante a panfleto.

2 Tractorista amateur

Tendo en conta a cantidade de paisanos que andan tódolos días pintando a cana verde co tractor polas pistas, nas hortas, nas leiras, no monte, nas corredoiras... inda poucas desgracias pasan. Aquí na aldea hai cada reliquia con rodas que para que falar. E algunha obra de arte "made in na casa".

1 Gamela

Cómpre regresar, habitar e coidar as nosas aldeas e para facelo cómpre ter un Plan que o faga posible... https://i.gal/gam25

1 anonimo

O problema non é que non haxa " un plan" que posiblite a volta ao rural, senón que o traballo no campo é moi atado ( sobre todo na gandeiría), e os prezos dos productos agrarios son baixos. As cousas non son tan doadas coma pensa Gamela.

2 Gamela

Repoboar as vivendas baleiras no rural e nas pequenas vilas con inmigrantes por un período de DEZ anos. Haberá xente que vén de coidar cabras e ovellas e sabe como sacarlle produtividade se recibiran unha axuda mínima... (atado será para quen xa está aburrido da vida, pero neste mundo hai moita xente desexando atarse á VIDA !