As axudas económicas a sectores máis afectados pola pandemaia dividen o Pleno da Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, sinalou que "a oposición ten autonomía cero" acusando os deputados populares de ser "unha correa de transmisión da Xunta".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O Pleno da Deputación de Pontevedra evidenciou a división entre o Goberno provincial (PSOE, BNG) e a oposición (PP) sobre as responsabilidades e competencias das administracións provincial e autonómica nas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia de covid-19.

O grupo provincial socialista presentou unha moción, que foi aprobada cos votos do PSdeG e do BNG, na que se pedía á Xunta "un auténtico plan de rescate" coa "reprogramación de partidas" para constituír un "apoio firme" á hostalaría.

Con todo, o PP emendou a moción "para mellorala" reclamando que a Deputación impulsase o seu propio plan de axudas. "Vostedes fan receitas aos demais pero pedímoslles que llas apliquen", replicou Jorge Cubela quen lembraba que a administración provincial "aínda non deu un euro para axudar aos autónomos e ás pemes".

O vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, sinalou que "a oposición ten autonomía cero" acusando os deputados populares de ser "unha correa de transmisión da Xunta". Mosquera advertiu ao PP de que se o Goberno provincial quere destinar fondos económicos aos axentes sociais "témosllo que sacar aos concellos", xa que os recursos son limitados, segundo dixo.

Pola súa banda, Carlos López Font fundamentou o rexeitamento dos socialistas á moción do PP indicando que non van "admitir competencias que son alleas a esta administración", un argumento que se repetiu por parte do PSOE na seguinte iniciativa política, do grupo provincial do Partido Popular, pola que se solicitaba a creación dun fondo para a reactivación económica e social da provincia de Pontevedra.

A terceira moción que abordou o Pleno tamén era do PP e nela solicitábase a creación dunha plataforma provincial de venda en liña para o pequeno comercio da provincia.

A proposta foi rexeitada e, entre outras xustificacións, lembrouse aos deputados populares que no ano 2016, cando gobernaba o Partido Popular na Deputación, decidiron crear unha nova canle de venda en liña de produtos e servizos, que resultou ser un "fracaso", custou máis dun millón de euros e foi rexeitado pola Unión Europea.

UNANIMIDADES

O Pleno ordinario de novembro da Deputación de Pontevedra comezou coa lectura do manifesto polo 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O texto foi elaborado pola profesora Teresa Domínguez e deulle lectura outra mestra, Conchita Pérez Núñez.

Na parte resolutiva o Pleno arrincou coa aprobación de varios asuntos por unanimidade, foi o caso do acordo marco que regula a contratación das obras de conservación de firmes na rede viaria provincial. Igualmente aprobouse co consenso de toda a Corporación outros puntos da orde do día relacionados co polígono industrial de Outeda-Curro no Concello de Barro ou a adhesión da institución provincial á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A unanimidade continuou co sexto expediente de modificación de créditos no que vai de ano 2020, segundo explicou o deputado López Font, entre outras cuestións, tratábase de dar "cumprida resposta" a algúns concellos que solicitaron reinvestir as baixas conseguidas na licitación de varias obras. O portavoz do PP, Jorge Cubela xustificou o voto a favor do seu grupo polo beneficio que esta medida suporá para os concellos e lembrou que neste mandato o 80% dos asuntos que levaron ao Pleno contaron co apoio dos populares.

Finalmente, houbo discrepancias coa modificación do Regulamento Orgánico Provincial, o Goberno expuña unha adaptación técnica e o PP propuxo, sen éxito, incluír máis cambios.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Non serei eu quen lle diga a Carmela que o seu Amo e Señor en Vigo leva dúas semanas falando de que o Concello eximirá de taxas á Hostalería (lixo, auga, terrazas, do IBI non dixo nada) ? Así que para Abel Caballero as administracions locais teñen marxe de maniobra para axudar á hostalería (se queren) ? Agardamos que a modificación técnica do Regulamento non vaia na mesma dirección do Regulamento do Pleno de Vigo (?) A porta pechada !!! https://twitter.com/00Gamela/status... Nos últimos 13 anos a cousa foi a peor e seguimos aturando ao Déspota Local coa colaboración do BNG na Deputación !

1 Gamela

Mira que curioso... o Concello de Nigrán SI pode botar unha man cousa que non comprenden na Deputación (e eso que todos son do PSOE) ? Claro que Mosquera xoga con dúas baraxas ! https://www.comarcasnarede.com/coma...