Máis de 170 incidencias relacionadas coa neve nas estradas galegas

O 112 rexistrou ata o mediodía 73 accidentes de tráfico en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/12/2020 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia tiveron que intervir nun total de 174 incidencias relacionadas coa neve e o xeo nas estradas de Galicia, segundo o último balance do 112 actualizado ata as 12,00 do mediodía deste venres.

Unha veciña camiña entre a neve en Pedrafita do Cebreiro, en Lugo
Unha veciña camiña entre a neve en Pedrafita do Cebreiro, en Lugo | Fonte: Europa Press - Arquivo.

En concreto, tal e como informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, a maioría dos incidentes correspóndese con condutores con dificultades para avanzar polas condicións das vías, "sen que ninguén sufrise ningún tipo de dano".

A provincia de Lugo foi a que contabilizou máis emerxencias nas últimas horas, cun total de 62. En cambio, de acordo coas mesmas cifras, na Coruña foron en descenso e ata o momento foron 53. Pola súa banda, a provincia de Pontevedra rexistrou 38, mentres que a de Ourense tivo 21.

A maioría das intervencións realizadas por estes servizos estiveron relacionadas coa neve (95) e o xeo (11), aínda que tamén coas árbores e ramas caídas pola influencia da situación meteorolóxica (35).

En canto aos accidentes de tráfico en estradas galegas, nas últimas horas aumentaron ata os 73. Máis da metade saldáronse sen feridos e debéronse a diversas causas, aínda que "algúns casos" o principal motivo foi a situación das estradas, asegura o 112.

ACCIDENTE EN SAMOS

Un dos sinistros de maior envergadura ocorreu no municipio lucense de Samos sobre as 11,00 horas da mañá. Dúas persoas resultaron feridas tras saírse da vía o coche no que viaxaban.

Os dous implicados no accidente necesitaron a axuda dos bombeiros do concello para poder recibir asistencia médica, xa que tiñan dificultades para abandonar o vehículo.

Tamén os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias necesitaron a súa colaboración e a da Garda Civil de Tráfico, que facilitou o acceso do equipo médico para atender aos feridos.

DISPOSITIVO DO CONCELLO DE LUGO

E é que a provincia lucense, segundo os propios datos do 112, foi a máis afectada pola neve e as incidencias que levou aparelladas. Por isto mesmo, o Concello da capital activou este venres un dispositivo urbano especial de seguridade.

En concreto, o Consistorio de Lugo despregou un furgón e dous camións, todos eles equipados con sal, ademais de seis varredoras --unha delas no hospital e cinco nas entradas dos colexios-- e varios traballadores equipados con pas e sal.

Neste contexto, o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, asegurou que, en caso de ser "necesario", o Concello despregaría unha coitela quitaneves para uso en zona urbana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta