O exame á xestión de Feijóo co foco na pandemia e os usos para o Pazo de Meirás, claves no último pleno do ano

A semana de Noiteboa será intensa na Cámara, que tamén albergará o debate de totalidade dos orzamentos galegos para 2021.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O exame da xestión de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, co foco nos primeiros cen días do seu cuarto mandato, pero tamén o conxunto das súas medidas e decisións fronte á pandemia e os seus efectos nos planos sanitario, económico e social, centrará a sesión de control do último pleno do ano. Tras a Xunta de Portavoces deste martes, os dous grupos da oposición --BNG e PSdeG-- advertiron que consideran "insuficientes" as decisións adoptadas polo Executivo autonómico e, segundo avanzaron os seus respectivos viceportavoces, Olalla Rodil (BNG) e Pablo Arangüena (PSdeG), os seus líderes forzarán a próxima semana que Feijóo responda pola súa xestión tras unha etapa marcada pola covid-19.

Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia
Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

De feito, Rodil queixouse de que, unha vez máis, o Bloque esixiu a comparecencia de Feijóo para explicar non só as medidas xa tomadas, senón tamén as decisións que tomará o seu Goberno para "evitar a terceira onda do coronavirus". "Pero o PP volveuno vetar", reprobou.

Respecto diso, lamentou que os populares "sigan escondendo" a Feijóo "tras os seus conselleiros" e referiuse a a comparecencia, a petición propia, segundo ratificou posteriormente o portavoz dos populares na Cámara, Pedro Puy, da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen informará os efectos da pandemia nos seus ámbitos de competencia.

"Cren que a comparecencia da conselleira de Emprego é suficiente para explicar a situación que vive este país", remarcou, para engadir que o Bloque ve preciso que "dea a cara" o xefe do Executivo.

Tamén Arangüena censurou por "insuficientes" as medidas tomadas polo Goberno da Xunta e puxo o foco nos cen días que leva Feijóo de actual mandato, antes de ratificar que será o eixo da pregunta que na sesión de control realizará o seu xefe de filas, Gonzalo Caballero.

USOS DO PAZO DE MEIRÁS

Pero o pleno ordinario que albergará a Cámara os próximos días 22 e 23 de decembro --e que sucederá ao que o luns abordará o debate de totalidade dos orzamentos autonómicos para 2021 (os dous grupos da oposición piden a súa devolución)-- acollerá o debate de máis iniciativas e, despois dos pasos das últimas semanas, terá especial protagonismo os futuros usos do Pazo de Meirás.

Tras ditaminar a Xustiza que o inmoble, ata agora propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, debe reincorporarse ao patrimonio público, o Bloque defenderá unha iniciativa para reivindicar un plan de usos "plural e participativo" para o Pazo no que se teña en conta "a posición de todas as partes", as administracións e as asociacións pola recuperación da memoria histórica.

Rodil cualificou de "escandalosa" a postura do PP e da Xunta e afirmou que os populares pretenden "usar a figura de Emilia Pardo Bazán para branquear e ocultar 82 anos de ditadura, fascismo, represión e espolio". "Pretenden que un dos períodos máis negros deste país pase, coma se fose unha anécdota, polo xardín de Meirás", apostilou.

Así, o BNG defenderá a definición de usos culturais, turísticos e históricos, do Pazo sen "ocultar" os "82 anos de ocupación franquista que acabaron hai tres días". Rodil advertiu que a formación nacionalista non está polo labor de aceptar que "os mesmos que se negaban ata hai pouco a recuperar o Pazo queiran agora reescribir a historia".

O popular Pedro Puy avanzou que tamén preguntarán ao Goberno galego, entre outras cuestións, sobre a reincorpoación ao patrimonio público do Pazo de Meirás. Fronte ás acusacións do Bloque, Puy defendeu que non se debe "negar a evidencia histórica", pero apelou a apostar pola "convivencia".

Ao seu xuízo, "confrontar" unha vez que a Xustiza se pronunciou é "un pouco triste", cando se debería apostar pola "exaltación" do "éxito" das formas da democracia, da lei e do Dereito fronte á ditadura.

VARIAS LEIS

No plano lexislativo, o arranque da semana que vén co pleno de orzamentos e as últimas sesións plenarias ordinarias do ano, será intenso xa que, á marxe do primeiro paso polo pleno da lei de orzamentos --tras a comparecencia na Cámara para debullar o seu detalle dos responsables dos diferentes departamentos da Xunta--, tamén se abordará a lei de medidas fiscais e administrativas que a acompaña, á que a oposición tamén presentou senllas emendas de totalidade e devolución.

E a partir do martes, debaterase a proposta de lei de reactivación económica que impulsará o Grupo Popular, e dous textos do Goberno, para a súa aprobación definitiva: a lei de ordenación do territorio e a lei de pesca continental.

Á marxe destas cuestións, o último pleno do ano abordará a elección dun membro do Consello de Contas (a proposta do PSdeG, para substituír á falecida Beatriz Rodríguez), e de tres membros do Consello Consultivo (a proposta do PP, José Luís Costa Pillado e Ignacio Arangunen, e do BNG, Alberte Souto).

Ademais, tomarán posesión os novos deputados do PPdeG, en substitución dos recentemente nomeados presidentes das autoridades portuarias galegas. Así, pasarán a formar parte do grupo maioritario Ana Belén García Vidal (de Noia e pola Coruña, que xa o foi ao final da legilsatura pasada); María Felisa Rodríguez Carrera (de Mos, por Pontevedra); e Manuel Santos Costa (de Marín, por Pontevedra).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta