A Consellería de Educación estudará a proposta de atrasar a volta ás clases, pero só baixo criterios sanitarios

O conselleiro Román Rodríguez insistiu en que esta decisión "é unha cuestión moi delicada", posto que afecta tanto á conciliación das familias como ás circunstancias sociais

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/12/2020 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O calendario escolar mantense como ata agora, ou polo menos de momento. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade confirmou que se estudará a necesidade de alterar o regreso ás aulas tras as vacacións de Nadal, pero tamén que esta decisión se adoptaría a partir de criterios sanitarios e en función da evolución da pandemia.

A proposta partiu do sindicato ANPE Galicia no seo da mesa sectorial de educación, reunida este martes. A organización docente solicitou atrasar uns días o reinicio da actividade lectiva, polo que o regreso ás aulas pasaríase do 8 ao 11 de xaneiro.

O sindicato argumentou que, con este cambio, as autoridades e os centros contarían con máis tempo para articular medidas ante un hipotético repunte de casos e os brotes de COVID-19 que poidan producirse a raíz do período do Nadal.

A administración galega considerou que se trataba dunha proposta razoable e que se daría traslado para a súa análise. A preguntas dos medios, o titular de Educación, Román Rodríguez, asegurou que se está "vendo" a posibilidade e apelou á prudencia, posto que unicamente se aplicaría co aval e a recomendación dos expertos sanitarios.

O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñecía tamén este mércores que o comité clínico "non se expuxo ningunha modificación do calendario escolar", ou polo menos de momento.

UNHA CUESTIÓN "DELICADA"

Rodríguez insistiu en que esta decisión "é unha cuestión moi delicada", posto que afecta tanto á conciliación das familias como ás circunstancias sociais. En todo caso, defendeu que Galicia fixou o inicio das clases no tramo escollido pola maioría comunidades autónomas, que é a franxa de entre o 7 e o 8 de xaneiro.

"Ten que estar exposto e avalado desde a perspectiva sanitaria", reiterou, para despois insistir en que "non é un tema para improvisar", polo prexuízo que pode provocar na vida das familias.

Profesor escribe na lousa.. GOBERNO VASCO
Profesor escribe na lousa.. GOBERNO VASCO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta